Tupolev (ruso: Ту́полев) é unha compañía rusa de defensa e aeronáutica coa súa sede no distrito de Basmanny en Moscova.[1] Coñecida oficialmente como Joint Stock Company Tupolev, é a sucesora de Tupolev OKB (Opytno Konstruktórskoye Biuró, oficina de construción e deseño), fundada e liderada polo enxeñeiro aeroespacial soviético Andréi Túpolev en 1922. A compañía celebrou o seu 90 aniversario o 22 de outubro do ano 2012. O goberno ruso fusionou Tupolev con Mikoyan, Ilyushin, Irkut, Sukhoi e Yakovlev para formar unha compañía chamada United Aircraft Corporation.[2]

Tupolev

Editar o valor em Wikidata
Fundación1922
LocalizaciónMoscova, Rusia
FundadorAndrei Tupolev
Industriadefensa e aeronáutica
Número de empregados3.524 (2011)
Na rede
http://www.tupolev.ru
editar datos en Wikidata ]

As capacidades de PSC Tupolev inclúen o desenvolvemento, fabricación e revisión de produtos aeroespaciais civís e militares e de sistemas de armas. Tamén traballa en tecnoloxías de mísiles e aviación naval. Máis de 18 000 avións Tupolev foron producidos pola URSS e o Bloque do leste.

Historia editar

Tupolev OKB foi fundada por Andrei Tupolev en 1922.[3] As súas instalacións están adaptadas tan só para a investigación aeronáutica e deseño de avións, polo que a fabricación é realizada por outras firmas. Durante os anos 20 investigou avións totalmente metálicos, baseados directamente no traballo pioneiro feito por Hugo Junkers durante a primeira guerra mundial.

Entre os deseños notables do primeiro período de Tupolev houbo dous significativos bombardeiros pesados metálicos con cuberta de duraluminio ondulado, o bimotor ANT-4 que voou por primeira vez en 1925 e o catrimotor ANT-6 de 1932, a partir do cal derivaron avións como o ANT-20. O enfoque de deseño de Tupolev neses dous avións definiron durante moitos anos as tendencias de desenvolvemento de avións pesados, tanto civís como militares.

Durante a segunda guerra mundial, o bimotor e totalmente metálico Tu-2 foi un dos mellores bombardeiros de primeira liña soviéticos. A partir de 1942 producíronse variantes del en grandes números. Durante a guerra usou fuselaxes traseiras de madeira debido á falta de metal.

Posteriormente a compañía desenvolveu o bombardeiro a reacción Tu-16, que usaba unha á en frecha para un bo rendemento subsónico.

 
Tupolev Tu-95

Como os turborreactores non eran o suficientemente eficientes en termos de consumo como para proporcionar un alcance intercontinental real, os soviéticos decidiron deseñar un novo bombardeiro, o Tu-20, máis comunmente coñecido como o Tu-95. Este estaba baseado na fuselaxe e deseño estrutural do Tu-4, pero con catro colosais motores turbohélice Kuznetsov NK-12 que proporcionaban unha única combinación de velocidade e longo alcance. O aparello converteuse no bombardeiro intercontinental soviético definitivo, con alcance intercontinental e o rendemento dos reactores. En moitos aspectos o equivalente soviético do Boeing B-52 Stratofortress, operou como bombardeiro estratéxico e en moitos roles alternativos, como recoñecemento e guerra antisubmarina.

O Tu-16 desenvolveuse como o civil Tu-104, e o Tu-95 converteuse na base do avión de pasaxeiros de medio-longo alcance Tu-114, o turbohélice máis rápido da historia. Unha característica común atopada en moitos grandes reactores subsónicos de Tupolev son grandes vainas que se estenden cara a atrás no bordo de saída das ás, onde se garda o tren de aterraxe. Estas permiten que o avión teña trens de aterraxe formados por moitos pneumáticos grandes con baixa presión, moi útiles para operar en pistas de pouca calidade como as que había na época na Unión Soviética. Por exemplo, o Tu-154 de pasaxeiro, o equivalente soviético do Boeing 727, tiña 14 rodas, o mesmo número que o moito máis grande Boeing 777-200.

Incluso antes dos primeiros voos do Tu-16 e do Tu-20/Tu-95, Tupolev estaba traballando en bombardeiros supersónicos, culminando os seus deseños no infructuoso Tu-98. Aínda que este avión nunca entrou en servizo, foi a base para o prototipo Tu-102, que despois se desenvolvería como o interceptor Tu-28, e o Tu-105, que se convertería no bombardeiro supersónico Tu-22 a mediados dos 60. Deseñado como homólogo do Convair B-58 Hustler, o Tu-22 resultou ser bastante menos capaz, aínda que se mantivo en servizo moito máis tempo que o avión estadounidense. Mentres tanto, creouse o Departamento "K" na oficina de deseño coa tarefa de deseñar avións non tripulados como os Tu-139 e Tu-143 de recoñecemento

 
Tupolev Tu-22M3

Nos anos 60 o fillo do fundador, A. A. Tupolev, comezou a traballar na dirección da empresa. Entre os seus roles estivo o desenvolvemento do primeiro avión de pasaxeiros supersónico do mundo, o Tu-144, do popular Tu-154, e do bombardeiro estratéxico Tu-22M. Estes desenvolvementos permitiron á Unión Soviética acadar a paridade acadar a paridade na aviación militar estratéxica e civil con Occidente.

Nos anos 70 Tupolev centrou os seus esforzos en mellorar o rendemento dos bombardeiros Tu-22M, voando por primeira vez a versión -M3 en 1977.[4] A presenza masiva destes bombardeiros provocou os tratados SALT I e SALT II. Nesa década tamén se mellorou a eficiencia e rendemento do Tu-154, culminando no Tu-154M.

Na década de 1980 a compañía desenvolveu o bombardeiro estratéxico Tu-160, que conta con ás de xeometría variable. Entre 1989 e 1990 realizáronse varios voos con estes avións para establecer récords de velocidade e altitude. O Tu-160 conseguiu establecer un total de 44 récords.[5]

Época postsoviética editar

Co final da guerra fría, os traballos de investigación centráronse en avións civís subsónicos, principalmente en economía e explotación de combustibles alternativos. Entre os desenvolvementos levados a cabo pola compañía están o fly-by-wire, o uso de turboventiladores eficientes de alto grao de derivación e deseños aerodinámicos avanzados para os avións de transporte do século XXI como os Tu-204/Tu-214, Tu-330 e Tu-334.

Avións editar

Pasaxeiros editar

Militares editar

Notas editar

  1. "Contacts". Tupolev (en inglés). Consultado o 2023-06-26. 
  2. The New York Times (ed.). "Russian Aircraft Industry Seeks Revival Through Merger". Consultado o 7 de xullo de 2018. 
  3. "History in detail". Tupolev (en inglés). Consultado o 2023-06-26. 
  4. "Tu-22М3". Tupolev (en inglés). Consultado o 2023-06-28. 
  5. "Tu-160". Tupolev (en inglés). Consultado o 2023-06-28. 

Véxase tamén editar