En embrioloxía, o trofoblasto[1] (do grego trephein, 'alimentar'; e blastos, 'xerminador') é o conxunto formado polas células que forman a capa externa do blastocisto, chamadas células trofoblásticas ou trofoblastos. Estas células aparecen catro días despois da fecundación en humanos.[2] proporcionan nutrientes ao embrión e dan lugar a gran parte da placenta.[3][4] Fórmanse durante a primeira etapa do embarazo e son as primeiras células en diferenciarse a partir do óvulo fertilizado para daren lugar a estruturas extraembrionais e non contribúen directamente á formación do embrión. Despois da gastrulación, o trofoblasto forma un conxunto xunto co ectoderma do embrión e denomínase trofoectoderma. Despois da primeira diferenciación, as células do embrión humano perden a súa totipotencia e xa non son células nai totipotentes porque non poden formar un trofoblasto, e son agora células nai pluripotentes.

Blastocisto coa masa celular interna e o trofoblasto. As denominacións na terminoloxía médica latina son: trophoblastus, massa cellularis externa.
Trofoblasto diferenciado durante a implantación en dúas capas: citotrofoblasto e sincitiotrofoblasto.

Estrutura editar

O trofoblasto prolifera e diferénciase en dúas capas de células aproximadamente aos seis días despois da fecundación nos humanos.

Capas Localización Descrición
Citotrofoblasto A capa interna Unha capa dunha soa célula de grosor do trofoblasto.
Sincitiotrofoblasto A capa externa Unha capa grosa que carece de membranas celulares (sincitio) e crece formando o estroma endometrial. segrega a hormona gonadotropina coriónica humana (hCG) para manter a secreción de proxesterona e soster o embarazo.
Trofoblasto intermedio O sitio de implantación, o corion e as vilosidades (dependendo do subtipo de tecido) Ancora a placenta (sitio de implantación).

Función editar

Os trofoblastos son células especializadas da placenta que desempeñan un imporante papel na implantación do embrión e a interacción coa decidua do útero materno.[5] O centro das vilosidades placentarias contén células mesenquimais e vasos sanguíneos placentarios que están directamente conectados coa circulación fetal a través do cordón umbilical. Esta parte central está rodeada por dúas capas de trofoblasto, o citotrofoblasto e o sincitiotrofoblasto. O citotrofoblasto é unha capa de células mononucleadas e ben individualizadas que se encontra baixo o sincitiotrofoblasto.[6] O sincitiotrofoblasto está composto de células citotrofoblásticas fusionadas (é un sincitio) que despois forman unha capa que cobre a superfice placentaria.[6] O sincitiotrofoblasto está en contacto directo co sangue materno que chega á superficie placentaria. Facilita o intercambio de nutrientes, residuos e gases entre os sistemas materno e fetal.

Ademais, as células citotrofoblásticos nos extremos das vilosidades poden diferenciarse noutros tipos de células trofoblásticas do chamado trofoblasto extraviloso. As células trofoblásticas extravilosas crecen desde a placenta e penetran na decidua do útero. Este proceso é esencial non só para a adhesión física da placenta á nai, senón tamén para alterar a vascularización do útero. Esta alteración permite unha axeitada subministración de sangue ao feto en crecemento a medida que progresa o embarazo. Algunhas destas células trofoblásticas incluso substitúen as células endoteliais nas arterias espirais uterinas a medida que remodelan estes vasos formando condutos perforados que son independentes da vasoconstrición materna. Isto asegura que o feto reciba unha subministración estable de sangue, e a placenta non estea suxeita a flutuacións no nivel de oxíxeno que poderían causarlle danos.[7]

Importancia clínica editar

A invasión dun tipo específico de trofoblasto (trofoblasto extraviloso) no útero materno é unha fase vital no establecemento do embarazo. Que o trofoblasto non consiga invadir o suficiente o útero é importante no desenvolvemento dalgúns casos de preeclampsia. A invasión demasiado profunda do trofoblasto pode causar condicións como a placenta accreta, placenta increta ou placenta percreta.

A enfermidade trofoblástica xestacional é un tipo de tumor asociado ao embarazo, orixinado polas células trofoblásticas e cun crecemento excesivo do tecido placentario. Un tipo é a mola hidatiforme, que na maioría dos casos é benigno.[8]

O coriocarcinoma é un tumor trofoblástico que se forma no útero a partir de células vilosas.[8]

As células nai trofoblásticas son células que poden rexenerarse e son similares ás células nais embrionarias porque se orixinan desde o principio da formación do trofoblasto.[9] Na placenta, estas células nais poden diferenciarse en calquera célula trofoblástica porque son pluripotentes.[9]

Galería editar

Notas editar

  1. Definición de trofoblasto no Dicionario de Galego de Ir Indo e a Xunta de Galicia.
  2. Tang, Jiaqi; Liu, Bailin; Li, Na; Zhang, Mengshu; Li, Xiang; Gao, Qinqin; Zhou, Xiuwen; Sun, Miao; Xu, Zhice (2020-01-01). Kovacs, Christopher S.; Deal, Cheri L., eds. Chapter 38 - Development of Renin-Angiotensin-Aldosterone and Nitric Oxide System in the Fetus and Neonate. Maternal-Fetal and Neonatal Endocrinology (en inglés) (Academic Press). pp. 643–662. ISBN 978-0-12-814823-5. doi:10.1016/b978-0-12-814823-5.00038-6. Consultado o 2020-10-16. 
  3. Soares, Michael J.; Varberg, Kaela M. (2018-01-01). Skinner, Michael K., ed. Trophoblast. Encyclopedia of Reproduction (Second Edition) (en inglés) (Oxford: Academic Press). pp. 417–423. ISBN 978-0-12-815145-7. doi:10.1016/b978-0-12-801238-3.64664-0. Consultado o 2020-10-16. 
  4. Baines, K. J.; Renaud, S. J. (2017-01-01). Huckle, William R., ed. Chapter Three - Transcription Factors That Regulate Trophoblast Development and Function. Progress in Molecular Biology and Translational Science. Molecular Biology of Placental Development and Disease (en inglés) 145 (Academic Press). pp. 39–88. PMID 28110754. doi:10.1016/bs.pmbts.2016.12.003. Consultado o 2020-10-16. 
  5. Imakawa, K.; Nakagawa, S. (2017-01-01). Huckle, William R., ed. "Chapter Four - The Phylogeny of Placental Evolution Through Dynamic Integrations of Retrotransposons". Progress in Molecular Biology and Translational Science. Molecular Biology of Placental Development and Disease (en inglés) (Academic Press) 145: 89–109. PMID 28110755. doi:10.1016/bs.pmbts.2016.12.004. Consultado o 2020-10-16. 
  6. 6,0 6,1 "The trophoblast". www.embryology.ch. Arquivado dende o orixinal o 31 de outubro de 2014. Consultado o 2020-04-16. 
  7. Lunghi, Laura; Ferretti, Maria E.; Medici, Silvia; Biondi, Carla; Vesce, Fortunato (2007-02-08). "Control of human trophoblast function". Reproductive Biology and Endocrinology 5 (1): 6. ISSN 1477-7827. PMC 1800852. PMID 17288592. doi:10.1186/1477-7827-5-6. 
  8. 8,0 8,1 Ning, Fen; Hou, Houmei; Morse, Abraham N.; Lash, Gendie E. (2019-04-10). "Understanding and management of gestational trophoblastic disease". F1000Research 8: 428. ISSN 2046-1402. PMC 6464061. PMID 31001418. doi:10.12688/f1000research.14953.1. 
  9. 9,0 9,1 Latos, P. A.; Hemberger, M. (2014-02-01). "Review: The transcriptional and signalling networks of mouse trophoblast stem cells". Placenta. Models for Molecular Understanding of Placental Development and Associated Disorders (en inglés) 35: S81–S85. ISSN 0143-4004. PMID 24220516. doi:10.1016/j.placenta.2013.10.013. 

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar