Citotrofoblasto
O citotrofoblasto é a capa interna do trofoblasto (tamén chamada capa de Langhans) e tamén reciben ese nome as células que a constitúen. Está en posición interior respecto ao sincitiotrofoblasto e externa respecto á parede do blastocisto nun embrión en desenvolvemento.
O citotrofoblasto considérase que é unha capa de células nai trofoblásticas porque a capa que rodea o blastocisto permanece mentres que as células fillas se diferencian e proliferan para realizaren diferentes funcións. Hai dúas liñaxes ás que as células citotrofoblásticas poden diferenciarse: de fusión e invasiva. A liñaxe de fusión orixina o sincitiotrofoblasto e a liñaxe invasiva dá lugar a células citotrofoblásticas intersticiais.[1]
As células citotrofoblásticas exercen un importante papel na implantación dun embrión no útero.
Liñaxe de fusión
editarA formación do sincitiotrofoblasto prodúcese pola fusión de dous ou máis citotrofoblastos por medio da vía de fusión. Esta vía é importante porque o sincitiotrofoblasto xoga un importante papel no intercambio de gases materno-fetal, no intercambio de nutrientes e ten funcións metabólicas e inmunolóxicas.
Unha célula nai citotrofoblástica indiferenciada diferénciase nun citotrofoblasto viloso, que é o que constitúe a vilosidade coriónica primaria, e finalmente coalesce nun sincitiotrofoblasto viloso. A formación do sincitiotrofoblasto a partir do citotrofoblasto é un paso de diferenciación terminal das células trofoblásticas.[2]
A sincitialización das células citotrofoblásticas pode ser inducida in vitro por múltiples moléculas sinalizadoras como o factor de crecemento epidérmico, os glicocorticoides e a gonadotropina coriónica humana.[3][4][5]
Liñaxe invasiva
editarA liñaxe invasiva crea citotrofoblastos que son esenciais no proceso de implantación e formación dunha placenta totalmente funcional. Unha célula nai citotrofoblástica indiferenciada diferénciase nun citotrofoblasto extraviloso intermediario e despois nun citotrofoblasto intersticial. Un citotrofoblasto intersticial pode despois diferenciarse máis dando un citotrofoblasto endovascular ou formar un sincitio.[2]
Citotrofoblasto intersticial
editarA función primaria dun citotrofoblasto intersticial é ancorar o feto en crecemento ao tecido uterino materno. Estas células poden invadir todo o endometrio e o terzo proximal do miometrio.
Unha vez que estas células penetran nas primeiras capas de células da decidua, perden a capacidade de proliferar e convértense en invasivas. Este arranque do ciclo celular parece deberse a factores como o TGF-β e a decorina. Aínda que estes citotrofoblastos intersticiais invasivos xa non poden dividirse, reteñen a súa capacidade de formar sincitios. As células xigantes multinucleadas (pequenos sincitios) encóntranse na base da placenta e o miometrio como resultado da fusión de citotrofoblastos intersticiais.[2]
Os citotrofoblastos intersticiais poden tamén transformarse en citotrofoblastos endovasculares.
Citotrofoblasto endovascular
editarA función primaria do citotrofoblasto endovacular é penetrar nas arterias espirais maternas e dirixir o fluxo sanguíneo cara á placenta para que o use o embrión en crecemento.
Orixínanse a partir de citotrofoblastos intersticiais polo proceso de fenocopia. Isto cambia o fenotipo destas células de epitelial a endotelial. Os citotrofoblastos endovasculares, como os seus predecesores intersticiais, son non proliferantes e invasivos.
Papel na implantación
editarA función propia do citotrofoblasto é esencial na implantación dun blastocisto. Despois da eclosión, o polo embrional do blastocisto está orientado cara ao endometrio uterino. Unha vez que toman contacto o trofoblasto empeza a proliferar rapidamente. O citotrofoblasto segrega encimas proteolíticos para degradar a matriz extracelular das células endometrais para permitir que proxeccións dixitiformes do trofoblasto penetren ao seu través. As proxección do citotrofoblasto e do sincitiotrofoblasto empurran o embrión contra o endometrio ata que queda totalmente cuberto polo epitelio endometrial, agás o tapón de coagulación.[6]
Trastornos asociados
editarO trastorno máis común asociado é a pre-eclampsia, que afecta aproximadamente ao 7% de todos os nacementos.[7] Caracterízase por un fallo do citotrofoblasto para invadir o útero e a súa vasculatura, especificamente as arterias espirais que o citotrofoblasto endovascular debería invadir. O resultado disto é unha diminución do fluxo sanguíneo cara ao feto, o cal pode causar unha restrición do crecemento intrauterina. Os síntomas clínicos da pre-eclampsia na nai son principalmente unha alta presión arterial, proteinuria e edema.
Inversamente, se hai demasiada invasión do tecido uterino polo trofoblasto despois pode orixinarse unha mola hidatidiforme ou coriocarcinoma.
Galería
editar-
Sección a través da área embrionaria do morcego Vespertilio murinus mostrando a formación da cavidade amniótica.
Notas
editar- ↑ Handwerger, S (8 de xullo de 2010). "New insights into the regulation of human cytotrophoblast cell differentiation.". Molecular and Cellular Endocrinology 323 (1): 94–104. PMC 2874088. PMID 20036312. doi:10.1016/j.mce.2009.12.015.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 Bischof, P; Irminger-Finger, I (xaneiro de 2005). "The human cytotrophoblastic cell, a mononuclear chameleon.". The International Journal of Biochemistry & Cell Biology 37 (1): 1–16. PMID 15381142. doi:10.1016/j.biocel.2004.05.014.
- ↑ Dakour, J., Li, H., Chen, H., & Morrish, D. W. (1999). "EGF promotes development of a differentiated trophoblast phenotype having c-myc and junB proto-oncogene activation." Placenta, 20, 119–126.
- ↑ Cronier, L., Alsat, E., Hervé, J. C., Delèze, J., & Malassiné, A. (1998). "Dexamethasone stimulates gap junctional communication, peptide hormone production and differentiation of human term trophoblast." Trophobl. Res., 11, 35–49.
- ↑ Yang, M., Lei, Z. M., & Rao, Ch. V. (2003). "The central role of human chorionic gonadotropin in the formation of human placental syncytium." Endocrinology, 144, 1108–1120.
- ↑ Schoenwolf, G.C. (2009). Larsen's Human Embryology (pp. 53, 4th Ed.). Philadelphia, PA: Churchill Livingstone.
- ↑ Genbacev, O., DiFederico, E., McMaster, M., & Fisher, S. (1999). "Invasive cytotrophoblast apoptosis in pre-eclampsia." Human Reproduction, 14, 59-66.
Véxase tamén
editarOutros artigos
editarLigazóns externas
editar- Imaxe de Histoloxía: 19908loa – Histology Learning System na Universidade de Boston - "Female Reproductive System: placental villi"
- Diagram at McGill