Theodor Shteingel

O barón Fyodor "Teodor" Rudolphovich Shteingel (ruso: Фёдор Рудольфович Штейнгель: , alemán: Theodor von Steinheil) nado en San Petersburgo o 9 de decembro de 1870, e finado en Dresden o 11 de abril de 1946, foi un arqueólogo, filántropo e político nacionalista ucraíno.

Fotografía de Teodor Shteingel

Traxectoria editar

Fillo do alemán do Báltico Rudolf, quen se enriquecera coa construción do ferrocarril, e da ucraína Marija Kamin'skyj, tivo tres irmáns: Ivan, Serhij e Volodymyr.[1] Despois de graduarse na Universidade de Kíiv, estableceu unha escola, un hospital, unha cooperativa e unha sala de lectura en Horodok (oblast de Rivne). Escavou enterramentos medievais na zona de Rivne. Ademais, en 1902, legou ao Museo de Horodok as súas coleccións arqueolóxicas, históricas e etnográficas.[2]

 
Theodor Steingel no centro da fotografía como embaixador de Ucraína, canda Rifat Pascha, embaixador otomán, no funeral do mariscal prusiano Hermann von Eichhorn (1918).

No ano 1906 foi elixido deputado por Kíiv para a primeira Duma Estatal do Imperio Ruso, uníndose ao grupo dos representantes ucraínos. Malia a ser membro da nobreza imperial, foi simpatizante do nacionalismo ucraíno: fíxose membro da Sociedade dos Progresistas Ucraínos (antes coñecido como Partido Democrático de Ucraína) e foi tamén vicepresidente da Sociedade Científica de Ucraína, unha institución abertamente ucrainófila antecesora da Academia Nacional de Ciencias de Ucraína.[3] Logo da Revolución de febreiro de 1917 presidiu o comité executivo da Duma da cidade de Kíiv, que foi precursor da Rada Central, parlamento ucraíno no contexto das revolucións rusas. En 1918 foi enviado como membro da legación diplomática a Berlín polo Hetmanato ucraíno, un goberno baixo a protección das potencias centrais e contrario aos bolxeviques que rexeu Ucraína nese ano. Máis tarde, na década de 1920, regresou ao oeste de Ucraína, entón parte de Polonia, pero marchou a Alemaña en 1939.

A súa residencia en Horodok, o Palacio de Shteingel (actual convento de San Nicolao), goza de protección por estar catalogado como parte do patrimonio cultural ucraíno.

Casou tres veces e tivo catro fillos: do seu primeiro matrimonio, Boris, do seu segundo matrimonio, Volodymyr e Mykola (morreu na infancia) e do seu terceiro matrimonio, Fedir.

Notas editar

  1. "BBLD: Steinheil, Hermann Rudolf* Alexander Frh. v. (1841-1892)". bbld.de. Consultado o 2023-03-19. 
  2. "Shteingel, Teodor". www.encyclopediaofukraine.com. Consultado o 2023-03-19. 
  3. "Ukrainian Scientific Society". www.encyclopediaofukraine.com. Consultado o 2023-03-19. 

Véxase tamén editar