Tesouro de Ryther

tesouro de moedas en Inglaterra

O tesouro de Ryther é un tesouro de moedas medievais de prata achado en 1992 en Ryther cum Ossendyke, Yorkshire Norte, Inglaterra.

Tesouro de Ryther

Tipo 817 moedas medievais
Data c. 1480
Características
Materiais Prata, cerámica
Descuberta
Localización Ryther, Yorkshire Norte, Reino Unido Reino Unido
Descubridor/a Stephen Pickles
Data 4 de abril de 1992

Descuberta

editar

O tesouro foi descuberto na mañá do 4 de abril de 1992 por Stephen Pickles, un afeccionado ás procuras con detector de metais, nunha leira próxima á localidade de Ryther onde xa apareceran varios achados de época romana e posmedieval.[1]

Inicialmente, Pickles descubriu dúas moedas de prata a unha profundidade de entre 46 cm e 51 cm, feito que lle comunicou inmediatamente ao propietario do terreo. Nunhas declaracións posteriores publicadas en The Researcher, Pickels indicou que despois ambos escavaron xuntos a zona e comezaron a aparecer máis moedas, e un pouco máis abaixo os bordos do recipiente, que estaba deitado dun lado e coa parte superior feita anacos.[1][2]

En total acháronse 812 moedas de prata, ademais do recipiente de cerámica que as albergaba, e o conxunto foi levado axiña ao Museo de Yorkshire, en York, para o seu estudo. Nun exame posterior no lugar do depósito acháronse outras cinco moedas máis.[1]

Ao comprobarse que o achado cumpría os requisitos determinados pola Lei do Tesouro de 1996, foi declarado formalmente como "tesouro oculto" polo Tribunal de Primeira Instancia de Harrogate o 9 de outubro de 1992.[1]

Contido

editar

Moedas

editar

O conxunto consta de 817 moedas atopadas xunto coa xerra de cerámica. Na súa maioría eran moedas inglesas e entre elas había 238 groats, 30 medios groats, 532 peniques e 2 peniques falsos. Tamén había catro groats e dous peniques irlandeses, así como dous peniques escoceses e sete dobre patards dos Países Baixos, que terían circulado en Inglaterra como groats, como testemuña a súa frecuente aparición en achados monetarios desta época en Inglaterra.[1][3][4]

Todas as moedas inglesas datan do período abranguido entre os reinados de Eduardo I (1272-1307) e Henrique VII (1489-1509), polo que o máis probable é que fose depositado cara a finais do século XV.[5] As súas cecas de procedencia son Bristol, Canterbury, Coventry, Durham, Londres, Norwich e York.[6]

A xerra é un pequeno exemplo da industria da cerámica Humber, característica de Yorkshire Norte, e data do século XV.[7] A tipoloxía desta cerámica adoita ser crúa, sen terminar e en ningún caso vidrada. Ás veces chámaselles "xerras para beber", polo seu tamaño, aínda que a análise de residuos e algunhas ilustracións demostraron que tamén se usaban con frecuencia como penicos masculinos. Trátase dun recipiente moi común durante o século XV, aínda que hai poucas probas da súa fabricación xa a principios do século XVI.[8]

Conservación

editar

O tesouro foi adquirido polo Museo de Yorkshire.[4] En xullo de 2021 amosouse nunha exposición sobre o reinado de Ricardo III (1483-1485) da que tamén formou parte un retrato do monarca procedente da Galería Nacional de Retratos.[9]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 Craig Barclay (1995). Páxina 135.
  2. Pickles, S. (1992). "A silver harvest in the leek field". En The Searcher. Vol. 84. Agosto. Páxina 17.
  3. Spufford, P. (1964). "Burgundian double patards in late medieval England". En British Numismatic Journal. 33. British Numismatic Society. Páxinas 110-117.
  4. 4,0 4,1 "Ryther Hoard". York Museums Trust.
  5. Craig Barclay (1995). Páxinas 135-136.
  6. Craig Barclay (1995). Páxinas 140-150.
  7. Jennings, S. (1992). Medieval Pottery in the Yorkshire Museum. The Yorkshire Museum, York. Páxinas. 27-29, 51-53. ISBN 978-0905807041
  8. Craig Barclay (1995). Páxina 138.
  9. "World famous portrait of Richard III to be put on show in York". En YorkMix.com. 7 de maio de 2021.

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar