Telê Santana
Telê Santana da Silva, nado en Itabirito, Minas Xerais, o 26 de xullo de 1931 e finado en Belo Horizonte o 21 de abril de 2006, foi un futbolista e adestrador brasileiro, amplamente considerado como un dos mellores adestradores da historia do país.[1][2]
Biografía | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Nacemento | 26 de xullo de 1931 Itabirito, Brasil (pt) | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Morte | 21 de abril de 2006 (74 anos) Belo Horizonte, Brasil | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Altura | 176 cm | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Peso | 61 kg | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Actividade | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Ocupación | futbolista, adestrador de fútbol | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Nacionalidade deportiva | Brasil | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Deporte | fútbol | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Posición de xogo | Extremo esquerdo | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Como xogador ocupaba a posición de extremo dereito e desenvolveu case toda a súa carreira no Fluminense, sendo un dos xogadores históricos do club, co que gañou dous Campionatos Cariocas, dous Torneos Río-São Paulo e unha Copa Río. É o terceiro futbolista con máis partidos disputados coa camiseta tricolor, así como o quinto máximo goleador histórico do club. Con todo, foi na súa faceta como adestrador coa que se fixo mundialmente coñecido. Dirixiu as seleccións brasileiras nas Copas do Mundo de 1982 e 1986, sendo a primeira delas lembrada como unha das mellores seleccións da historia do fútbol que non gañou a Copa do Mundo. Tamén tivo enorme éxito a nivel de clubs, destacando o seu triunfante paso polo São Paulo, co que gañou un Campionato Brasileiro, dous Campionatos Paulistas, dúas Copas Libertadores, dúas Copas Intercontinentais, unha Recopa Suramericana , unha Supercopa Suramericana e unha Copa CONMEBOL.
Traxectoria
editarComo futbolista
editarComezou a xogar ao fútbol no Itabirense Esporte Clube, do seu Itabirito natal, pasando máis tarde polas filas do América de São João del Rei. Nos seus inicios xogaba como porteiro, pasando máis tarde á posición de dianteiro centro.
En 1951 chegou ao Fluminense, no que militou durante os seguintes nove anos ata converterse no terceiro futbolista con máis partidos na historia do club (556), só por detrás de Carlos Castilho (699) e Pinheiro (603). Ademais anotou 162 goles, o quinto rexistro máis alto para un xogador do club, contribuíndo á conquista de dous Campionatos Cariocas, dous Torneos Río-São Paulo e unha Copa Río. Máis tarde pasou polo Guarani, polo Madureira e polo Vasco da Gama. Foi xogador de reserva da selección do Brasil, aínda que nunca chegou a debutar co equipo principal.
Como adestrador
editarPrimeiros títulos
editarA súa carreira como adestrador comezou en 1967, adestrando ao cadro xuvenil do Fluminense, antes de coller as rendas do primeiro equipo entre 1969 e 1970. No seu primeiro ano á fronte do Tricolor, conquistou o seu primeiro título, o Campionato Carioca, despois de vencer no partido decisivo ao Flamengo de Tim nun Maracanã con 171.599 espectadores.[3]
A continuación dirixiu o Atlético Mineiro, levándoo a gañar o Campionato Mineiro na súa primeira tempada e a primeira edición do Campionato Brasileiro ao ano seguinte, cun equipo capitaneado por Oldair e liderado no ataque por Dario, alcumado "Dadá Maravilha".[4]
En 1973 pasou brevemente polo São Paulo, pero tivo que deixar o club por problemas coas estrelas do equipo Paraná e Toninho Guerreiro.[5] Acto seguido, regresou ao Atlético Mineiro, ao que dirixiu dous anos máis, ata 1975. Tras unes meses no Botafogo pasou ao Grêmio, ao que levou a conquistar o Campionato Gaúcho, rompendo así unha triunfante xeira do Internacional, campión nas oito tempadas anteriores. En 1979 fichou polo Palmeiras, ao que dirixiu ata febreiro do ano seguinte, cando recibiu a chamada da selección nacional.
Selección brasileira
editarEntre 1980 e 1982 dirixiu por primeira vez á selección brasileira. Foi o seleccionador do país no Mundial de 1982, ao que o Brasil chegou cun equipo moi ofensivo, formado por xogadores como Zico, Sócrates, Falcão ou Éder. Encadrados no grupo 6, derrotaron por 2–1 á Unión Soviética, grazas a un disparo dende 20 metros de Éder a dous minutos do final, e a continuación desfixéronse sen problemas de Escocia e Nova Zelandia, anotándolle catro goles a cada unha.[6]
Na segunda fase de grupos, o equipo de Santana venceu por 1-3 á Arxentina de Menotti, antes de se enfrontar a Italia nun partido que pasaría á historia como un dos mellores dos Mundiais.[7] A maior parte do encontro disputouse arredor da área italiana, defendendo con éxito o equipo de Enzo Bearzot a maioría de ataques brasileiros. Un triplete de Paolo Rossi decantou o partido a favor do conxunto europeo (3-2), aínda que os brasileiros conseguiran empatar o encontro en dúas ocasións. A pesar da eliminación, a selección brasileira naquel Mundial pasou á historia como unha das formacións máis célebres de tódolos tempos e un dos mellores equipos que nunca conseguiron a Copa.[6][8]
Trala eliminación, deixou a selección brasileira e pouco despois marchou ao Al-Ahli de Jeddah, co que gañou unha Copa do Rei, unha liga saudita e unha Copa de Campións do Golfo.
En 1985 regresou á selección e dirixiu o equipo no Mundial de 1986 en México. Venceu á España de Miguel Muñoz no primeiro partido, grazas a un solitario gol de Sócrates, e no segundo encontro gañou tamén pola mínima a Alxeria, cun tanto de Careca. No derradeiro encontro da fase de grupos o conxunto de Telê Santana certificou o primeiro posto cun 3-0 sobre Irlanda do Norte. Nos oitavos de final os brasileiros golearon por 4-0 a Polonia, pero acabaron caendo nos cuartos de final ante a Francia de Henri Michel, despois de que Platini empatase o gol inicial de Careca e o partido acabase nunha definitiva quenda de penaltis.[9]
Últimos equipos e gloria co São Paulo
editarTrala súa saída definitiva da selección, regresou ao Atlético Mineiro, co que gañou o seu segundo Campionato Mineiro en 1988. Pasou a continuación polo Flamengo, antes de recalar de novo no São Paulo, ao que dirixiu durante seis anos, entre 1990 e 1996. Cun destacado equipo formado por xogadores como Zetti, Cafu, Raí ou Leonardo, o São Paulo gañou o Campionato Brasileiro en 1991 e as Copas Libertadores de 1992 e 1993. Nesas mesmas dúas tempadas o equipo de Santana proclamouse bicampión mundial, ao gañar a Copa Intercontinental en Toquio, vencendo ao FC Barcelona de Johan Cruyff en 1992 e ao Milan de Fabio Capello en 1993.[10] Aquel equipo segue a estar considerado como un dos mellores e máis espectaculares da historia do São Paulo.[11][12]
Vida persoal
editarCasou con Ivonete Carvalho, coa que tivo un fillo, chamado René.[14][15] En 2003 foille amputada parte da perna esquerda por mor dunha isquemia no pé. Foi operado no Hospital Felicio Rocho, en Belo Horizonte.[16]
Morreu o 21 de abril de 2006, despois de case un mes ingresado nun hospital debido a unha infección abdominal.[17] O seu corpo foi enterrado no cemiterio Parque da Colina, en Belo Horizonte.[18]
Legado
editarSantana é un dos adestradores con mellor reputación na historia do Brasil e é habitualmente citado pola prensa do país como o reinventor do jogo bonito.[19][20] A súa mentalidade ofensiva quedou simbolizada na selección brasileira que disputou o Mundial de 1982, onde caeu na segunda fase ante Italia. O técnico foi criticado por negarse a cambiar o estilo ofensivo do equipo fronte á azzurra, partido no que só necesitaba un empate para acadar as semifinais. Os analistas da época consideraban que Santana debería ter posto máis énfase na defensa e na estratexia de contraataque debido ás circunstancias do encontro. A pesar de que Santana non acadou a gloria coa canarinha, aínda é considerado un dos mellores seleccionadores brasileiros da historia.
Nalgunha entrevista mencionou que non tiña ídolos, pero que lle gustaría ter adestrado a selección dos Países Baixos de 1974, famosa polo chamado fútbol total que despregaba.[21] Afirmou que intentou unha estratexia táctica similar no São Paulo de 1992, empregando xogadores versátiles en diferentes posicións segundo o que se requiría no partido.
No seu día foi considerado polos medios de comunicación como o "último romántico do fútbol brasileiro",[21] e sempre foi un forte defensor do xogo limpo e detractor do fútbol violento.[22]
Palmarés
editarXogador
editar- Fluminense
- Campionato Carioca (2): 1951, 1959.
- Copa Río (1): 1952.
- Torneo Río-São Paulo (2): 1957, 1960.
Adestrador
editar- Fluminense
- Campionato Carioca (1): 1969.
- Taça Guanabara (1): 1969.
- Atlético Mineiro
- Campionato Mineiro (2): 1970, 1988.
- Campionato Brasileiro (1): 1971.
- Grêmio
- Campionato Gaúcho (1): 1977.
- Al Ahli
- Copa do Rei (1): 1983.
- Liga Saudita (1): 1984.
- Copa de Campións do Golfo (1): 1985.
- Flamengo
- Taça Guanabara (1): 1989.
- São Paulo
- Campionato Brasileiro (1): 1991.
- Campionato Paulista (2): 1991, 1992.
- Copa Libertadores (2): 1992, 1993.
- Copa Intercontinental (2): 1992, 1993.
- Supercopa Suramericana (1): 1993.
- Recopa Suramericana (2): 1993, 1994.
- Copa CONMEBOL (1): 1994.
- Individual
- Adestrador Suramericano do Ano (1): 1992.
Notas
editar- ↑ Murito Dana, Bruno; Zarko, Raphael (26 de xullo de 2022). "Telê é eleito o maior técnico da história do futebol brasileiro" (en portugués). Consultado o 23 de novembro de 2023.
- ↑ "Cinco técnicos brasileiros que merecem ser considerados entre os melhores da história" (en portugués). 19 de marzo de 2019. Consultado o 23 de novembro de 2023.
- ↑ "Rio de Janeiro Championship 1969". rsssfbrasil.com (en inglés). Consultado o 23 de novembro de 2023.
- ↑ "Brazil 1971 Championship - Primeiro Campeonato Nacional de Clubes". rsssfbrasil.com (en portugués). Consultado o 23 de novembro de 2023.
- ↑ "Esportes". Folha de S. Paulo (en portugués). 5 de xullo de 1973. p. 35.
- ↑ 6,0 6,1 "¿El mejor equipo que nunca ganó la Copa del Mundo? Cómo la selección brasileña de 1982 se convirtió en una de las más queridas de la historia" (en castelán). 1 de decembro de 2022. Consultado o 23 de novembro de 2023.
- ↑ Zuazua, Pedro (20 de novembro de 2022). "¿El mejor partido de fútbol de la historia?". El País (en castelán). Consultado o 23 de novembro de 2023.
- ↑ "Tele Santana: The Attack-Minded Superstar's All-Time XI" (en inglés). 22 de xul. de 2019. Consultado o 23 de novembro de 2023.
- ↑ Iglesias, Waldemar (6 de xuño de 2021). "A 35 años del Mundial de México 86: Brasil y la brillante generación del jogo bonito y las alegrías escasas" (en castelán). Consultado o 23 de novembro de 2023.
- ↑ "Telê Santana" (en inglés). 29 de abril de 2006. Consultado o 23 de novembro de 2023.
- ↑ "El São Paulo de Telê Santana: fútbol arte y eficacia" (en castelán). 9 de xaneiro de 2022. Arquivado dende o orixinal o 23 de novembro de 2023. Consultado o 23 de novembro de 2023.
- ↑ "Times históricos: São Paulo de 1992" (en portugués). 3 de xaneiro de 2017. Consultado o 23 de novembro de 2023.
- ↑ "Brazil mourn passing of Santana". BBC (en inglés). 22 de abril de 2006. Consultado o 23 de novembro de 2023.
- ↑ Rodrigues, Cahê; Mota, Diego (30 de novembro de 2010). "Aluno exemplar, Muricy ganha benção da família de Telê Santana" (en portugués). Consultado o 23 de novembro de 2023.
- ↑ "Renê Santana" (en portugués). Consultado o 23 de novembro de 2023.
- ↑ "Telê Santana tem parte da perna esquerda amputada" (en portugués). 22 de decembro de 2003. Consultado o 23 de novembro de 2023.
- ↑ "Morre em Belo Horizonte o ex-técnico da seleção Telê Santana" (en bretón). 21 de abril de 2006. Consultado o 23 de novembro de 2023.
- ↑ "Cortejo acompanha caixão com corpo de Telê Santana" (en portugués). 10 de abril de 2012. Consultado o 23 de novembro de 2023.
- ↑ Vickery, Tim (24 de abril de 2006). "Tim Vickery column". BBC (en inglés). Consultado o 23 de novembro de 2023.
- ↑ "Telé Santana, el maestro del 'jogo bonito'" (en castelán). 27 de abril de 2006. Consultado o 23 de novembro de 2023.
- ↑ 21,0 21,1 "Memória Roda Viva" (en portugués). Consultado o 23 de novembro de 2023.
- ↑ "Juiz da final do Mundial de 92 revela pacto entre Telê Santana e Johan Cruyff" (en portugués). 12 de decembro de 2017. Consultado o 23 de novembro de 2023.