Skaði

Deidade da mitoloxía nórdica

Na mitoloxía nórdica, Skaði (transcrito o inglés en ocasións como Skadi, Skade ou Skathi) era unha xigante e deusa asociada coa caza con arco, o esquí, o inverno e as montañas. Skaði aparece na Edda poética, compilada no século XIII dende fontes tradicionais, así como na Edda prosaica e na saga Heimskringla, escritas no século XIII por Snorri Sturluson, e en diversas obras dos escaldos.

Skaði
Deusa da caza con arco, o esquí, o inverno e as montañas.
Membro da mitoloxía nórdica
Skadi cazando nas montañas (1901), de H. L. M.
XéneroFeminino
Grupo étnicopobos nórdicos
Información persoal
PaisÞjazi
ConsorteNjörðr
Odín

En tódalas fontes Skaði é a filla do falecido Þjazi, e Skaði casa co deus Njörðr como parte da compensación recibida polo feito de que os deuses matasen o seu pai Þjazi. Na saga Heimskringla cóntase como Skaði sepárase de Njörðr e casa posteriormente co deus Odín, co que ten múltiples fillos. Tanto na Edda poética como na Edda prosaica Skaði descríbese como a responsable de colocar a serpe que verte veleno por riba do capturado Loki. Existen tamén referencias a Skaði baixo os nomes alternativos de Öndurguð 'deusa do esquí' e Öndurdís 'dama do esquí'.

A etimoloxía do nome Skaði é incerta, pero segundo algúns investigadores podería estar conectada coa forma orixinal de Escandinavia. Algúns nomes de lugares en Escandinavia, particularmente en Suecia, fan referencia a Skaði. Varios investigadores teorizaron tamén sobre unha potencial conexión entre Skaði e o deus Ullr, así como unha relación particular co jötunn Loki. Skaði tamén inspirou diversas obras de arte e representacións, particularmente a finais do século XIX e comezos do século XX.

Etimoloxía editar

O nome Skaði en nórdico antigo, xunto con Sca(n)dinavia e Skáney, podería estar relacionado co gótico skadus, co inglés antigo sceadu, co saxón antigo scado e co antigo alto alemán scato. Segundo John McKinnell, esta etimoloxía suxire que Skaði podería ter sido unha personificación da rexión xeográfica de Escandinavia e estar asociada co inframundo.[1]

Por outra banda, Georges Dumézil non concorda coa noción de que Scadin-avia signifique etimoloxicamente 'a illa da deusa Skaði'. Dumézil indica que o primeiro elemento Scadin podería ter unha conexión coa 'escuridade' ou outro significado descoñecido. Tamén indica que é o nome Skaði o que deriva do nome da rexión xeográfica, facendo un paralelismo co caso da deusa irlandesa Ériu, da que di que o seu nome provén de Irlanda no lugar de provir o nome do territorio do da deusa.[2]

Outra alternativa proposta é que o nome Skaði pode estar conectado co substantivo en nórdico antigo skaði 'dano',[3] fonte do islandés e feroés skaði 'dano' e coétimo do termo obsoleto en inglés scathe, que sobrevive nos termos tamén en inglés unscathed 'ileso' e scathing 'feroz, cruel'.[4]

Atestacións editar

Skaði aparece en varios poemas da Edda poética, en dous libros da Edda prosaica e un libro da saga Heimskringla.

Edda poética editar

No poema Grímnismál o deus Odín (disfrazado como Grímnir) revélalle a Agnarr a existencia de doce lugares. Menciona o lugar Þrymheimr no sexto lugar nunha única estrofa. Nesta estrofa Odín revela con detalle que o jötunn Þjazi vivía nese lugar, e que agora faino a súa filla Skaði. Odín describe Þrymheimr como un lugar de "tribunais antigos" e refírese a Skaði como "a brillante noiva dos deuses".[5] Na introdución en prosa do poema Skírnismál, o deus Frey séntese co corazón roto por mor dunha muller, a jötunn Gerðr, que viu en Jotunheim. O deus Njord pídelle a Skírnir, servente de Freyr, que vaia falar con el, e na primeira estrofa do poema Skaði dille tamén a Skírnir que lle pregunte a Freyr por que está tan molesto.[6]

 
Njord, Skaði e Frey en The Lovesickness of Frey (1908), de W. G. Collingwood.

Na introdución en prosa do poema Lokasenna, Skaði aparece como a muller de Njord, e cítase como unha das deusas que asiste ó festín de Ægir.[7] Tras unha discusión entre Loki e Heimdallr, Skaði interrómpeos, dicíndolle a Loki que "non é serio" e que non seguirá moito tempo "a xogar libremente coa súa cola", xa que os deuses atarían a Loki a unha rocha afiada coas entrañas frías coma o xeo do seu fillo. Loki respóndelle que aínda sendo así, el foi o "primeiro e principal responsable" da morte de Þjazi. Skaði respóndelle que de ser así, dos seus "santuarios e chairas" sairá sempre "consello prexudicial". Loki respóndelle de novo dicindo que Skaði amosábase máis amistosa cando estaba na súa cama, acusación que lle fai á maioría das deusas do poema e que non aparece en ningunha outra parte do texto. Tras este intercambio, Loki continúa a discusión coa deusa Sif.[8]

Na sección en prosa ó final de Lokasenna, os deuses atrapan a Loki e átano coas entrañas do seu fillo Nari, e converten o seu fillo Narfi nun lobo. Skaði coloca unha serpe velenosa sobre a cara de Loki. Segundo vai caendo o veleno da serpe, Sigyn, a muller de Loki, ten que recollelo cunha almofía e vaciala cando se enche. Entón, cando ela retira a almofía e o veleno corre pola cara de Loki, este retórcese de furia chegando ó punto de provocar terremotos.[9]

No poema Hyndluljóð, a jötunn Hyndla cóntalle á deusa Freia varias xenealoxías mitolóxicas. Nunha estrofa, Hyndla indica que Þjazi "amaba disparar [con arco]" e que Skaði era a súa filla.[10]

Edda prosaica editar

Na Edda prosaica Skaði aparece en dous libros: Gylfaginning e Skáldskaparmál.

Gylfaginning editar

No capítulo 23 do libro Gylfaginning, Hár detalla que a muller de Njord é Skaði, que é a filla do jötunn Þjazi, e contan unha historia que inclúe ámbolos dous. Hár conta que Skaði quería vivir no fogar do seu pai, chamado Þrymheimr, pero Njord quería vivir máis preto do mar. Subsecuentemente, os dous chegaron a un acordo no que pasarían nove noites en Þrymheimr e as tres seguintes no fogar costeiro de Njord en Nóatún (ou nove invernos en Þrymheimr e outros nove en Nóatún segundo o manuscrito Codex Regius).[11] Porén, cando Njord volve das montañas cara a Nóatún, di:

 
Njörd's desire of the Sea (1908), de W. G. Collingwood
 
Skadi's longing for the Mountains (1908), de W. G. Collingwood
Odiosas para min son as montañas,
Non estiven moito tempo alí,
só nove noites.
Os ouveos dos lobos
soaban feos para min
en lugar da canción dos cisnes.

— Tradución do orixinal.[12]

Skaði respóndelle:

Durmir non puiden
nas camas do mar
polos gritos da ave.
Esa gaivota espértame
cando dende o ancho mar
chega cada mañá.

— Tradución do orixinal.[12]

As fontes destas estrofas non se fornecen na Edda prosaica nin noutro escrito. Hár indica que posteriormente Skaði volve ás montañas a vivir en Þrymheimr, movéndose sobre esquís, levando un arco e cazando animais. Hár ademais indica que tamén se fai referencia a Skaði como Öndurgud 'deusa do esquí' ou Öndurdis 'dama do esquí', citando unha estrofa do poema Grímnismál da Edda poética.[11] No seguinte capítulo Hár indica que Njörðr "tivo dous fillos tras isto: Frey e Freia", pero non se indica o nome da nai.[13]

Ó final do capítulo 51 de Gylfaginning, Hár describe como os deuses prenden a Loki, e como Skaði ata unha serpe velenosa sobre el, para que o veleno caia pola súa cara. A muller de Loki, Sigyn, séntase ó seu carón cunha pota para recoller o veleno, pero cando esta se enche e o veleno cae na cara de Loki, este retórcese de extrema dor provocando un tremor.[14]

Skáldskaparmál editar

No capítulo 56 do libro Skáldskaparmál, Bragi cóntalle a Ægir como os deuses mataron a Þjazi, e como a súa filla Skaði colleu un helmo, unha cota de malla e "tódalas armas de guerra" e viaxou ata Asgard, o fogar dos deuses. Cando chegou os deuses quixeron reparar o dano causado e ofrecéronlle unha compensación. Skaði ofreceulles os termos do acordo, e os deuses acordaron que Skaði podería escoller un marido de entre eles, coa condición de que Skaði debería escoller o seu marido mirando só para os pés. Skaði viu un par de pés que lle pareceron particularmente atractivos e dixo: "Escollo a ese; hai poucas cousas feas en Baldr". Mais o dono dos pés que ela escolleu resultou ser finalmente Njord.[15]

Skaði incluíu nas súas condicións que os deuses deberían facer algo que ela consideraba imposible para eles: facela rir. Para isto, Loki atou un extremo dunha corda á barba dunha cabra e o outro a un dos seus testículos. A cabra e Loki tiraron o un do outro mentres gritaban. Loki deixouse caer entón no regazo de Skaði e ela ríuse, completando así esa parte do acordo. Finalmente, como compensación para Skaði, Odín colleu os ollos de Þjazi e lanzounos cara ó ceo, converténdose así en dúas estrelas.[15]

Máis adiante en Skáldskaparmál cítase unha obra do escaldo Þórðr Sjáreksson. Este poema fai referencia a Skaði como "a sabia noiva-deusa" e indica que "non podía amar o Vanir". Un texto baixo a cita clarifica que esta é unha referencia a que Skaði deixa a Njord.[16] No capítulo 16 danse varios nomes para Loki, incluíndo o de "adversario de Heimdall e Skadi".[17] No capítulo 22, Skaði esá referenciada no poema do século X Haustlöng,[18] e no capítulo 23 o escaldo Bragi Boddason refírese a Þjazi como o "pai da dama do esquí".[19] No capítulo 32 Skaði aparece nomeada entre as seis deusas que asisten a unha festa organizada por Ægir,[20] e finalmente no capítulo 75 inclúese nunha lista de 27 nomes ásynjur.[21]

Heimskringla editar

No capítulo 8 da saga Ynglinga do libro Heimskringla, Skaði aparece nun reconto que detalla como Skaði estaba casada con Njord pero que non quería ter relacións sexuais con el, e que posteriormente Skaði casou con Odín, co que tivo "moitos fillos". Só se fornece un dos nomes destes fillos, o de Sæmingr, un rei de Noruega. O escaldo Eyvindr skáldaspillir presenta dúas estrofas como referencia. Na primeira delas descríbese a Skaði como unha jötunn e unha "dama xusta". A segunda estrofa está incompleta, e di o seguinte:

De ósos de mar,
e fillos moitos
a deusa do esquí
achegouse a Odín

— Tradución do orixinal.[22]

Lee Hollander explica que "osos do mar" é un kenning para "rochas", e indica que esta estrofa incompleta refírese sen lugar a dúbidas a Skaði como unha "moradora das rochas" en conexión coa súa asociación coas montañas e o esquí.[22]

Teorías editar

Saga Völsunga editar

Outra figura co nome de Skaði aparece no primeiro capítulo da Saga Völsunga. Aquí Skaði é de xénero masculino e é o dono dun thrall chamado Breði. Sigi, un dos fillos de Odín, vai cazar un día de inverno xunto a este thrall. Os dous pasan o día de caza ata que chega a noite, e póñense a comparar as súas habilidades. Sigi dáse conta que o thrall capturou máis presas ca el, polo que o mata e soterra o seu cadáver baixo a neve.[13][23]

Esa mesma noite Sigi vovle a casa e declara que Breði escapara cara ó bosque, perdéndoo de vista e sen saber que fora del. Skaði dubida da veracidade desta explicación, sospeitando que Sigi está mentindo e que realmente matou o thrall. Skaði xunta a un grupo de homes para ir na procura de Breði e o grupo finalmente atopa o seu corpo baixo a neve. Sigi pasa a ser considerado un criminal, e marcha da terra de mans de Odín. Skaði non volve a mencionarse na saga.[13]

O investigador Jesse Byock indica que a deusa Skaði tamén se asocia co inverno e coa caza, e que o episodio nesta saga que involucra o varón Skaði, a Sigi e a Breði tería a súa orixe noutro mito diferente de orixe descoñecida.[24]

Outras editar

Segundo John Lindow o episodio en Gylfaginning no que se detallan as brincadeiras de Loki cunha cabra podería ter asociacións coa castración e algún tipo de ritual no que se procura facer rir a unha deusa. Lindow indica que Loki e Skaði semellan ter unha relación especial, dando como exemplo o feito de que sexa Skaði quen coloca a serpe sobre a cara de Loki en Lokasenna e Gylfaginning.[25]

 
Njörðr and Skaði on the way to Nóatún (1882), de Friedrich Wilhelm Heine

Algúns estudosos propuxeron a existencia dunha conexión particular entre Ullr e Skaði, xa que ámbolos dous comparten unha asociación co esquí e que os lugares que fan referencia a estes dous deuses danse con maior frecuencia en Suecia.[25] Por outra banda, Skaði podería ter potencialmente unha forma masculina, e como resultado algúns investigadores propuxeron a teoría de que Skaði foi orixinalmente unha deidade masculina.[26]

Hilda Ellis Davidson indicou que o culto a esta deusa puido ter florecido en Hålogaland, unha provincia do norte de Noruega:[27]

Skaði amosa características do pobo saami, coñecidos polo esquí, o tiro con arco e a caza; a súa separación de Njord podería apuntar a unha separación entre o seu culto e o dos Vanir nesta rexión, onde os escandinavos e os saami tiñan un contacto achegado".[27]

Influencia moderna editar

Existen diversas obras de arte modernas que representan a Skaði, incluíndo Skadi und Niurd (1883) de K. Ehrenberg e Skadi (1901) de E. Doepler d. J. Skaði aparece tamén no poema de A. Oehlenschläger de 1819 titulado Skades Giftermaal.[28] Representacións Art déco de Ullr (1928) e Skaði (1929) aparecen nas cubertas da publicación anual sueca de esquí På Skidor, tanto esquiando coma suxeitando un arco. E. John B. Allen indicou que as deidades aparecen representadas de forma que "dan autoridade histórica a este o máis importante das publicacións suecas de esquí, que comezou a publicarse en 1893".[29] Unha lúa de Saturno, Skathi, toma o seu nome da deusa, e o mons de Venus chamado Skadi recibe o seu nome tamén desta deusa.[30]

Notas editar

  1. McKinnell 2005, p. 63
  2. Dumézil 1973, p. 35
  3. Davidson 1993, p. 62
  4. "scathe". Free Merriam-Webster Dictionary. Merriam-Webster. Consultado o 25 de febreiro de 2014. 
  5. Larrington 1999, p. 53
  6. Larrington 1999, p. 61
  7. Larrington 1999, p. 84
  8. Larrington 1999, p. 93, 276
  9. Larrington 1999, pp. 95-96
  10. Larrington 1999, p. 257
  11. 11,0 11,1 Byock 2006, p. 141
  12. 12,0 12,1 Byock 2006, pp. 33-34
  13. 13,0 13,1 13,2 Byock 2006, p. 35
  14. Byock 2006, p. 70
  15. 15,0 15,1 Faulkes 1995, p. 61
  16. Faulkes 1995, p. 75
  17. Faulkes 1995, p. 77
  18. Faulkes 1995, p. 87
  19. Faulkes 1995, p. 89
  20. Faulkes 1995, p. 95
  21. Faulkes 1995, p. 157
  22. 22,0 22,1 Hollander 2007, p. 12
  23. Byock 1990, p. 35
  24. Byock 1990, p. 111
  25. 25,0 25,1 Lindow 2001, pp. 268—270
  26. Davidson 1993, p. 61
  27. 27,0 27,1 Davidson 1993, pp. 61—62
  28. Simek 2008, p. 287
  29. Allen 2007, p. 16
  30. "Skadi Mons". Gazetteer of Planetary Nomenclature. Consultado o 1 de setembro de 2016. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar