Abrir o menú principal
Sepideos
Exemplares no Georgia Aquarium
Exemplares no Georgia Aquarium
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Mollusca
Clase: Cephalopoda
Subclase: Coleoidea
Superorde: Decapodiformes
Orde: Sepiida
Zittel, 1895
Familias

Os sepideos ou, popularmente, xibas, chocos ou sepias, son moluscos mariños da orde Sepiida (Zittel, 1895), da infraclase Decapodiformes, da clase Cephalopoda.

Teñen unha cuncha interna reducida e oculta dentro do seu corpo, bolsa de tinta, e dez tentáculos (oito deles, máis curtos, son chamados brazos).

Índice

CaracterísticasEditar

Posúen unha capacidade de camuflaxe considerada superior á dun camaleón; as súas gamas incríbeis de cores son debidas ás células especiais chamadas cromatóforos.

Chegan aos 30 ou 40 cm de lonxitude. Viven no fondo dos mares pouco fondos, xeralmente entre as herbas acuáticas e os argazos. Están moi ben adaptadas a nadar entre augas, e o seu desprazamento prodúcese mediante unha ondulación progresiva dos bordos do seu manto. Ás veces tamén poden desprazarse rapidamente para fuxir expulsando auga da cavidade do manto, o que lles permite efectuar verdadeiros saltos na auga.

Video dunha xiba no seu hábitat natural

Animais tímidos, as xibas teñen unha vida tanto diúrna como nocturna, alimentándose doutros pequenos seres como camaróns, peixes e outros. Despois de capturaren as súas presas, mátanas cun mecanismo semellante a un coitelo que teñen na súa boca, e que usan tamén para facer retallos delas. É unha especie comercial, por tratarse dun animal comestíbel.

FisioloxíaEditar

CunchaEditar

A xiba ten unha cuncha interna porosa, feita de aragonita, que lle proporciona flotabilidade. A flotabilidade pode ser regulada cambiando a relación gas/líquido na chuncha. Cada especie ten unha cuncha con forma, tamaño e textura diferentes. Este tipo de cuncha de gas é único das xibas e distíngueas das luras.

As cunchas de xiba son usadas polos ourives para formas de fundición[1], e tamén como fonte de calcio na dieta dos paxaros domésticos.

 
Esta especie de xiba (Sepia latimanus) pode mudar en menos dun segundo de cores de camuflaxe pardas a amarelas

PelEditar

 
Unha xiba pequena camuflada no xabre

Ás veces as xibas son chamadas os camaleóns do mar pola súa gran habilidade na alteración da cor. Son capaces de mudar a cor e a polaridade de luz para se comunicaren con outras xibas e para se camuflaren dos depredadores.

Os cambios de cor prodúcense por medio de grupos de cromatóforos vermellos, amarelos, castaños e negros acima dunha camada de iridóforos e leucóforos, cunha densidade de até 200 desas células pigmentarias especializadas.

Á par dos cambios de cor, as xibas son capaces de afectar tamén á polarización da luz reflectida na súa pel, o que lles serve de comunicación con outros animais mariños que poden sentir a polarización.

OllosEditar

 
Ollo dunha xiba

Os ollos das xibas están entre os máis desenvolvidos do reino animal. A organoxénese dos ollos dos cefalópodos difire fundamentalmente da dos vertebrados como os humanos.[2] Malia non poderen ver a cor,[3] poden percibir a polarización da luz, o que mellora a súa percepción do contraste.

CirculaciónEditar

O sangue dun choco ten unha cor inusual verde-azul polo cobre que contén a hemocianina, a súa proteína para carretar o osíxeno, en vez da hemoglobina que co seu ferro fai que o sangue dos vertebrados sexa vermello. O sangue bombéase con tres corazóns separados. Dous deles levan o sangue a cadansúa gala, e o terceiro ao resto do corpo. O sangue dos chocos ten que fluir máis rápido que no resto dos animais porque a hemocianina carreta substancialmente menos osíxeno que a hemoglobina

TintaEditar

A tinta, como no caso da lura e o polbo, sérvelle ao choco para fuxir dos seus depredadores. Era usada antigamente para tinguir, uso do cal provén o nome de cor sepia.

ToxicidadeEditar

Como os polbos e algunhas luras, todos os chocos teñen neurotoxinas producidas por bacterias no seu cuspe [4]

EcoloxíaEditar

DietaEditar

A dieta preferida do choco son os cangrexos e o peixe.

Usa a súa camuflaxe para se achegar ás súas presas. Entón abre os oito brazos e lanza os dous longos tentáculos para agarrar o alimento e levalo ao seu bico.[5].

Distribución e hábitatEditar

A familia Sepiidae habita nas augas oceánicas temperadas e tropicais. Teñen un patrón bioxeográfico infrecuente: totalmente ausentes das costas do continente Americano, pero presentes nas do leste e sur de Asia, Europa ocidental, o Mediterráneo, África e Australia. A razón probablemente é que no tempo no que a familia evoluíu o Atlántico norte posiblemente era frío e fondo de máis para estas especies[6].

GastronomíaEditar

Son populares na gastronomía de Galicia, guisadas, grelladas ou fritidas. Tamén son populares como alimento nos países da ribeira mediterránea, Oriente Medio e nas costas do Golfo de Biscaia e do Canal da Mancha. Na Asia oriental consómense en forma desecada, como petisco.

En Portugal é o prato regional de Setúbal, onde se serve en tiras fritidas nunha variante da feijoada.

NotasEditar

  1. Fundindo prata con cuncha de sépia (en inglés)
  2. Muller, Matthew. "Development of the Eye in Vertebrates and Cephalopods and Its Implications for Retinal Structure". The Cephalopod Eye. Davidson College Biology Department. Arquivado dende o orixinal o 24 de novembro de 2012. Consultado o 2007-04-06. 
  3. Mäthger, Lydia M. "Color blindness and contrast perception in cuttlefish (Sepia offcinalis) determined by a visual sensorimotor assay" (PDF). Vision Research, Volume 46, Issue 11, May 2006. Elsevier Ltd. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 28 de maio de 2010. Consultado o 2007-09-03. 
  4. http://news.nationalgeographic.com/news/2009/04/090417-octopus-venom.html
  5. Cuttlefish Basics (en inglés)
  6. Young, R. E., M. Vecchione and D. Donovan, 1998. The evolution of coleoid cephalopods and their present biodiversity and ecology. South African Jour. Mar. Sci., 20: 393-420.

Ligazóns externasEditar