Seminario de Valderas

O seminario de Valderas é un centro de ensino relixioso na vila de Valderas, na provincia de León, foi fundado e inaugurado o 21 de setembro de 1738 polo bispo frei Mateo Panduro Villafañe, nado nesta vila, carmelita calzado, catedrático da Universidade de Salamanca e bispo de Popayán (Colombia). É un grande edificio concibido «para a crianza e mellor educación dos fillos dese pobo (...)», segundo as palabras do propio frei Mateo.

Seminario de Valderas
Edificio do Seminario
Coordenadas42°04′41″N 5°26′32″O / 42.078116666667, -5.4423194444444Coordenadas: 42°04′41″N 5°26′32″O / 42.078116666667, -5.4423194444444
editar datos en Wikidata ]

Historia editar

O seminario fundouse o 21 de setembro de 1738, sendo declarado seminario conciliar por Real Cédula de Fernando VII. A instrución foi agregada á Universidade de Valladolid para os graos e para a incorporación de cursos académicos e, xa no século XIX, agregouse á Universidade de Oviedo, converténdose en padroado particular baixo a autoridade do posuidor do morgado de Viloria de Órbigo, que compartía o padroádego co cura da parroquia de San Claudio de Valderas. No século XX dependía do bispado de León.

A institución contou con vicerreitor e mestres para desempeñar as cátedras de Teoloxía dogmática, Historia eclesiástica, Moral, Relixión, Filosofía, Matemáticas, Gramática latina e Humanidades, máis un mestre de educación primaria. Ofrecía doce bolsas de graza: dúas para os parentes do fundador (previa proba de parentesco), dúas de oposición entre os naturais da vila (en igualdade de condicións elixíanse os máis pobres e os bautizados da parroquia de San Claudio) e oito de oposición entre os naturais do bispado de León. As oposicións facíanse perante o reitor e catedráticos do seminario. Entre os nados na vila que estudaron no seminario estiveron Pablo Zamora Marcos, que sería alcalde de Santiago e catedrático da Universidade de Santiago de Compostela, Sandalio González Blanco, profesor na mesma universidade, e Jerónimo Macho Velado, tamén profesor en Santiago.

Desde o principio foi gobernado polos padres carmelitas calzados. Funcionou sempre cun gran número de alumnos procedentes de toda a comarca, ata o ano 1952 en que o bispo de León, Luis Almarcha, vendeu a institución aos carmelitas descalzos que instalaron no edificio un colexio-aspirantado baixo a dirección do padre Albano García, historiador e cronista da vila de Valderas.

En 1970 pechouse o colexio por traslado do seminario dos carmelitas descalzos a un colexio novo en Armunia, preto de León, comprando o edificio en 1974 o Concello. En 1978 deron comezo as obras de rehabilitación, con pouca fortuna segundo os críticos, pois destruíuse gran parte da obra arquitectónica sen chegar a establecer un uso posterior. Na actualidade está ocupado polo Fogar do Pensionista, unha residencia, unha biblioteca municipal e a Oficina de Turismo.

O edificio editar

Está formado por un gran recadro que ocupa toda un quinteiro. Construído sobre un zócolo de perpiaños de cantaría e o resto en ladrillo e terra prensada. Consérvanse as fachadas principal e laterais, de estilo postherreriano do século XVIII. Na fachada principal ábrese a porta por riba da cal hai unha balconada cuxos laterais están adornados con enrolamentos barrocos, e, máis enriba, un frontón partido. O resto dos vans son fiestras rectangulares dispostas regularmente.

En 1940 alzouse un terceiro andar tamén en ladrillo. Ten no seu interior un patio ou claustro baixo con arcadas de medio punto.

Bibliografía editar