Rizartrose

A rizartrose, tamén coñecida como artrose do polgar, é un tipo de artrose que afecta á articulación trapecio-metacarpiana.[3] Esta articulación une o primeiro metacarpiano do dedo polgar co óso trapecio do carpo. A rizartrose prodúcese cando a cartilaxe articular, que conecta estas dúas estruturas, desgástase, a miúdo provocando dor, rixidez e limitación do movemento.[1][4] Está estreitamente relacionada coa obesidade e adoita desenvolverse en idades avanzadas, sendo moito máis frecuente en mulleres que en homes. Ademais, é o segundo tipo de artrose máis común na man despois da artrose das articulacións interfalánxicas. O seu síntoma máis común é a dor na base do polgar que aumenta coa realización de movementos, especialmente se estes implican o uso de forza, como o movemento de pinza.[2] O seu tratamento máis común consiste na combinación de fisioterapia, a colocación de férulas e a inxección de corticoides; sendo a cirurxía o último recurso en doentes nos que a sintomatoloxía non mellora co tratamento conservador.

Rizartrose
Osteoarthritis of the CMC joint.png
Imaxe radiográfica mostrando signos de artrose da articulación trapecio-metacarpiana.
EspecialidadeTraumatoloxía
SíntomasDor, rixidez, limitación do movemento.[1]
TratamentoFisioterapia, corticoides, férulas, cirurxía.[2]
Frecuencia7% en homes, 15% en mulleres. Máis común en maiores de 40 anos.[2]
Aviso médico.
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos.
Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico.

HistoriaEditar

Nos primeiros anos do século XVIII, Josias Weitbrecht, médico e profesor de anatomía e fisiología da Academia de Ciencia de San Petersburgo, estudou as articulacións e ligamentos de máis de cen cadáveres. O seu traballo veríase resumido nunha monografía, publicada en 1742, na que fai unha especial mención á articulación trapecio-metacarpiana, describíndoa como unha «articulación-interruptor», e mencionando a súa maior propensión a sufrir cambios dexenerativos.[nota 1][5]

A primeira publicación científica que abordou directamente este aspecto dexenerativo propio da articulación data de 1936, por parte do radiológo Paul Robert, que exercía no Établissement Thermal d’Aix-lles-Bains.[6] Esta obra sería máis tarde traducida ao inglés como «Radiography of the Trapeziometacarpal Joint — Degenerative Changes of This Joint». Aínda que na publicación de tres páxinas non había imaxes radiográficas mostrando rizartrosis, Robert fixo unha descrición en detalle da anatomía do óso trapecio, mencionando a súa concavidade no plano axial e a súa convexidade no plano saxital. Ademais, Robert explicaba como debía colocarse a man —en pronación forzada— para a realización dunha radiografía da articulación. Respecto dos cambios dexenerativos, Robert falou da presenza de esclerose subcondral, formación de osteofitos e degradación da articulación cun posible aumento progresivo da cavidade do óso trapecio. Tamén lamentou o feito de que dificilmente se realizaba un diagnóstico precoz nos casos de rizartrose, mencionando a eficacia dun posible tratamento nas primeiras etapas dexenerativas da enfermidade baseado, por aquel entón, no uso de termoterapia local e radioterapia.[7]

O primeiro estudo que suxeriu a intervención cirúrxica data de 1949.[7] Nel descríbese a realización dunha escisión do trapecio, técnica que se coñece como «trapeciectomía simple» e que aínda se utiliza hoxe en día.[8]

Durante a segunda metade do século XX desenvolvéronse outras técnicas cirúrxicas, como a incorporación de implantes de silicona, a artroplastia de interposición de tendóns ou a osteotomía do primeiro metacarpiano.[9][10][11] Como tratamento non cirúrxico, xeralmente utilízanse férulas, fármacos antiinflamatorios, inxeccións de corticoesteroides e exercicios de fortalecemento do polgar, aos que se segue recorrendo a día de hoxe.[12]

EpidemioloxíaEditar

A prevalencia de artrite na man é elevada. Sen ter en conta a articulación afectada, esta é do 44,2% en mulleres e 37,7% en homes.[13]

Respecto da rizartrose, esta afecta ao 7% dos homes e ao 15% das mulleres, independentemente da idade. A súa incidencia aumenta coa idade: en maiores de 40 anos ascende a un 21%, e na poboación maior de 80 anos acada o 91%. Sendo tamén máis común nas mulleres ca nos homes nunha proporción de 6:1, especialmente trala menopausa.[14][13][2] A maior incidencia en mulleres foi atribuída a unha maior laxitude da articulación trapecio-metacarpiana.[15]

A artrose da trapecio-metacarpiana é o segundo tipo de artrose da man máis frecuente trala artrose das articulacións interfalánxicas.[14]

Signos e síntomasEditar

Un dos síntomas máis comúns é a dor. Con todo, aínda que a incidencia é significativamente alta, estímase que unicamente un 28% dos doentes con diagnóstico de rizartrose por radiografía sofre dor na base do polgar.[16] Esta dor adoita exacerbarse na realización de accións de pinza ou belisco. A zona da base do polgar pode atoparse nun estado de hipersensibilidade á palpación. Ademais os doentes poden manifestar debilidade na realización dos movementos descritos anteriormente e na oposición do polgar.[4]

En fases máis avanzadas, a base do primeiro metacarpiano pode verse máis pronunciada, en ocasións unida a inestabilidade e crepitación no movemento da articulación.[4]

Factores de riscoEditar

Viuse que aquelas persoas con profesións que impliquen a realización diaria de movementos repetitivos coa articulación trapeciometacarpiana son máis propensas a padece-la enfermidade.[4] Un exemplo disto foi descrito nun estudo que concluíu que os traballadores que teñen que realizar tarefas de repasado desenvolven rizartrosis máis precozmente.[17] A realización de traballos que impliquen maior destreza na man é, así mesmo, un factor de risco para o desenvolvemento de rizartrose. Describiuse unha maior incidencia de rizartrose en traballadores téxtiles, mecanógrafos, xastres ou modistas.[18]

Tamén existen factores anatómicos que poden causar unha maior propensión. A articulación trapeciometacarpiana dos homes é máis congruente que a das mulleres, pola forma específica que posúen senllas superficies do óso trapecio e a diferenza en tamaño entre sexos. A consecuencia disto, a presión no contacto na articulación é maior nas mulleres que nos homes en condicións similares de uso da articulación. Por iso, na realización de actividades que leven o uso do movemento de pinza ou belisco, a articulación trapeciometacarpiana das mulleres pode experimentar un maior nivel de tensión que a dos homes.[18]

DiagnósticoEditar

Na avaliación clínica da dor do doente débense ter en conta a localización, a duración, o inicio, a frecuencia e a intensidade da dor, así como factores que poidan incrementar ou diminuíla. Na rizartrose os doentes quéixanse a miúdo de que os síntomas empeoran cando realizan a posición de pinza ou belisco da man. Ademais, hai que ter en conta a relevancia da profesión do paciente, e se a realización desta se ve limitada pola dor.[19]

Avaliación físicaEditar

Na avaliación, os doentes mostran sensibilidade na palpación da articulación trapeciometacarpiana pero non en articulacións similares adxacentes, como o compartimento dorsal extensor, a articulación radiocarpiana, o óso escafoides e a articulación escafo-trapecio-trapezoide. A protrusión da articulación faise máis evidente en fases máis avanzadas da enfermidade, podendo desenvolver inestabilidade e crepitación. O grao de inestabilidade en extensión da articulación tamén pode ser indicativo de rizartrose, se este é maior que no lado contralateral.[19]

Algunhas técnicas de provocación poden pór de manifesto os síntomas:

  • O test de deslizamiento da articulación trapeciometacarpiana pode reproduci-los síntomas.[20] Consiste na realización de deslizamientos específicos de ámbalas superficies articulares da articulación en tódolos arcos do movemento por parte do terapeuta. Con todo, a súa fiabilidade pode ser limitada.[21]
  • O test da panca (lever test). O examinador coloca o seu polgar e dedo índice a ámbolos dous lados da base da articulación trapeciometacarpiana e despraza a articulación en sentido radial e cubital.
  • O test de extensión metacarpofalánxica. O doente realiza extensión da articulación metacarpofalánxica contra unha resistencia aplicada polo examinador.

A dor tamén pode provocarse a través da palpación directa da articulación trapeciometacarpiana. Dos test descritos, o test da panca ofrece a maior fiabilidade para avalia-la dor da rizartrose.[21]

Avaliación radiolóxicaEditar

 
Imaxe radiográfica antero-posterior mostrando signos de rizartrose severa con subluxación da articulación nunha doente de 87 anos.

Dentro das probas radiolóxicas, a que ofrece maior fiabilidade para o diagnóstico de rizartrose é a radiografía. As proxeccións estándar inclúen a postero-anterior, lateral e oblícua. Con todo, aínda que estas proxeccións permiten diagnosticar rizartrose de forma fiable, ningunha delas permite avalia-la evolución dos cambios artrósicos na articulación. A posición de Gedda, realizada mediante unha rotación externa do pulso e a colocación da man en posición oblícua respecto da placa radiográfica, permite unha maior fiabilidade á hora de avalia-la situación do espazo intraarticular, pero a dificultade á hora de coloca-la man do doente nesta posición fai que non se trate dun método estandarizado.[22][23][24]

TratamentoEditar

O tratamento da rizartrose evolucionou considerablemente nas últimas décadas, especialmente en canto a técnicas cirúrxicas. En xeral, o tratamento ten como obxectivo reduci-la dor, recupera-la estabilidade da articulación e proporcionar mobilidade, así como gañar forza nas estruturas periféricas á mesma.[25]

Tratamento conservadorEditar

Xeralmente prefírense métodos de tratamento conservadores nos estadios iniciais da enfermidade. Entre estes destacan antiinflamatorios non esreoideos, exercicios de fisioterapia, colocación de férulas e inxeccións de corticoesteroides e ácido hialurónico.[25]

Os exercicios de fisioterapia poden ofrecer resultados positivos á hora de mellora-los niveis de dor e a función dos pacientes con rizartrose.[26]

As inxeccións de corticoesteroides administradas de forma repetida poden debilita-la cápsula articular e complicar futuros procesos cirúrxicos. Por iso, a miúdo indícase o seu uso unicamente en procesos inflamatorios agudos.[25]

NotasEditar

  1. O nome orixinal utilizado procede do alemán: «wachelgelenke»; «articulación interruptor» é unha tradución ad hoc do mesmo.
  1. 2,0 2,1 2,2 2,3 Anakwe, R. E.; Middleton, S. D. (5 de decembro de 2011). "Osteoarthritis at the base of the thumb" (en inglés) 343 (nov24 1): d7122–d7122. ISSN 0959-8138. doi:10.1136/bmj.d7122. Consultado o 5 de maio de 2019. 
  2. "Artrosis del pulgar o rizartrosis. Qué es, causas y tratamiento en fisioterapia" (en castelán). Consultado o 5 de maio de 2019. 
  3. 4,0 4,1 4,2 4,3 Patel, Tejas J.; Beredjiklian, Pedro K.; Matzon, Jonas L. (2013-3). "Trapeziometacarpal joint arthritis" (en inglés) 6 (1): 1–8. ISSN 1935-973X. PMC 3702767. PMID 23242976. doi:10.1007/s12178-012-9147-6. Consultado o 11 de maio de 2019. 
  4. Hentz, Vincent R. (2014-4). "Surgical treatment of trapeziometacarpal joint arthritis: a historical perspective" 472 (4): 1184–1189. ISSN 1528-1132. PMC 3940734. PMID 24214823. doi:10.1007/s11999-013-3374-z. Consultado o 13 de maio de 2019. 
  5. Robert, Paul (1936). "Radiographie de l'articulation trapézo-métacarpienne. Modifications dégénératives de cette articulation" (en francés): 687-690. 
  6. 7,0 7,1 Ladd, Amy L. (2014-4). "Guest Editorial: The Robert’s View: A Historical and Clinical Perspective" (en inglés) 472 (4): 1097–1100. ISSN 0009-921X. PMC 3940739. PMID 24363184. doi:10.1007/s11999-013-3428-2. Consultado o 13 de maio de 2019. 
  7. Gervis, W. H. (1 de febreiro de 1973). "A review of excision of the trapezium for osteoarthritis of the trapezio-metacarpal joint after twenty-five years" 55–B (1): 56–57. ISSN 0301-620X. doi:10.1302/0301-620X.55B1.56. Consultado o 13 de maio de 2019. 
  8. Pellegrini, V. D.; Burton, R. I. (1986-5). "Surgical management of basal joint arthritis of the thumb. Part I. Long-term results of silicone implant arthroplasty" 11 (3): 309–324. ISSN 0363-5023. PMID 3711603. Consultado o 13 de maio de 2019. 
  9. Wilson, J. N. (1973). "Basal osteotomy of the first metacarpal in the treatment of arthritis of the carpometacarpal joint of the thumb" (en inglés) 60 (11): 854–858. ISSN 1365-2168. doi:10.1002/bjs.1800601106. Consultado o 13 de maio de 2019. 
  10. Eaton, R. G.; Glickel, S. Z.; Littler, J. W. (1985-9). "Tendon interposition arthroplasty for degenerative arthritis of the trapeziometacarpal joint of the thumb" 10 (5): 645–654. ISSN 0363-5023. PMID 4045141. Consultado o 13 de maio de 2019. 
  11. Swigart, Carrie R.; Eaton, Richard G.; Glickel, Steven Z.; Johnson, Caryl (1999-1). "Splinting in the treatment of arthritis of the first carpometacarpal joint" (en inglés) 24 (1): 86–91. doi:10.1053/jhsu.1999.jhsu24a0086. Consultado o 13 de maio de 2019. 
  12. 13,0 13,1 Wilder, F.V.; Barrett, J.P.; Farina, E.J. (2006-9). "Joint-specific prevalence of osteoarthritis of the hand" (en inglés) 14 (9): 953–957. doi:10.1016/j.joca.2006.04.013. Consultado o 5 de maio de 2019. 
  13. 14,0 14,1 Becker, Stéphanie J.E. (Stéphanie Jeanine Eléonore), 1985- (2015). "Trapeziometacarpal arthrosis : presentation, psychosocial aspects, and management". S.N. ISBN 9789461697356. OCLC 933254862. Consultado o 5 de maio de 2019. 
  14. Wolf, Jennifer Moriatis; Scher, Danielle L.; Etchill, Eric W.; Scott, Frank; Williams, Allison E.; Delaronde, Steven; King, Karen B. (2014-4). "Relationship of Relaxin Hormone and Thumb Carpometacarpal Joint Arthritis" (en inglés) 472 (4): 1130–1137. ISSN 0009-921X. doi:10.1007/s11999-013-2960-4. Consultado o 11 de maio de 2019. 
  15. Armstrong, A. L.; Hunter, J. B.; Davis, T. R. (1994-6). "The prevalence of degenerative arthritis of the base of the thumb in post-menopausal women" 19 (3): 340–341. ISSN 0266-7681. PMID 8077824. Consultado o 11 de maio de 2019. 
  16. Valentino, M.; Rapisarda, V. (2002-3). "[Rhizarthrosis of the thumb in ironing workers]" 93 (2): 80–86. ISSN 0025-7818. PMID 12087803. Consultado o 11 de maio de 2019. 
  17. 18,0 18,1 Fontana, Luc; Neel, Stéphanie; Claise, Jean-Marc; Ughetto, Sylvie; Catilina, Pierre (2007-4). "Osteoarthritis of the Thumb Carpometacarpal Joint in Women and Occupational Risk Factors: A Case–Control Study" (en inglés) 32 (4): 459–465. doi:10.1016/j.jhsa.2007.01.014. Consultado o 11 de maio de 2019. 
  18. 19,0 19,1 Patel, Tejas J.; Beredjiklian, Pedro K.; Matzon, Jonas L. (2013-3). "Trapeziometacarpal joint arthritis" (en inglés) 6 (1): 1–8. ISSN 1935-973X. PMC 3702767. PMID 23242976. doi:10.1007/s12178-012-9147-6. Consultado o 17 de maio de 2019. 
  19. Glickel, S. Z. (2001-5). "Clinical assessment of the thumb trapeziometacarpal joint" 17 (2): 185–195. ISSN 0749-0712. PMID 11478041. Consultado o 17 de maio de 2019. 
  20. 21,0 21,1 Model, Zina; Liu, Andrew Y.; Kang, Lana; Wolfe, Scott W.; Burket, Jayme C.; Lee, Steve K. (2016-3). "Evaluation of Physical Examination Tests for Thumb Basal Joint Osteoarthritis" (en inglés) 11 (1): 108–112. ISSN 1558-9447. doi:10.1177/1558944715616951. Consultado o 17 de maio de 2019. 
  21. Baker, Richard H. J.; Al-Shukri, Jaber; Davis, Tim R. C. (2017-1). "Evidence-Based Medicine: Thumb Basal Joint Arthritis" (en inglés) 139 (1): 256e–266e. ISSN 0032-1052. doi:10.1097/PRS.0000000000002858. Consultado o 5 de xullo de 2019. 
  22. Shin, Young Ho; Kim, Jihyeung; Baek, Goo Hyun (2018-01). "The peritrapezial view: New radiograph for evaluating joints around trapezium" (en inglés) 26 (1): 230949901876284. ISSN 2309-4990. doi:10.1177/2309499018762846. Consultado o 5 de xullo de 2019. 
  23. Dela Rosa, T. L.; Vance, M. C.; Stern, P. J. (2004-4). "Radiographic Optimization of the Eaton Classification" (en inglés) 29 (2): 173–177. ISSN 0266-7681. doi:10.1016/j.jhsb.2003.09.003. Consultado o 5 de xullo de 2019. 
  24. 25,0 25,1 25,2 Bilge, Onur (2015). "Current review of trapeziometacarpal osteoarthritis (rhizarthrosis)" (en inglés) 5 (2): 90. ISSN 2220-3214. doi:10.5499/wjr.v5.i2.90. Consultado o 5 de agosto de 2019. 
  25. Ahern, Malene; Skyllas, Jason; Wajon, Anne; Hush, Julia (2018-6). "The effectiveness of physical therapies for patients with base of thumb osteoarthritis: Systematic review and meta-analysis" (en inglés) 35: 46–54. doi:10.1016/j.msksp.2018.02.005. Consultado o 5 de xullo de 2019.