Abrir o menú principal

Revista de Economía de Galicia

Revista de Economía de Galicia foi unha revista de economía galega, publicada pola Editorial Galaxia entre os anos 1958 e1968. Editáronse 66 números, sendo dirixida entre os anos 1958-1963 por Xaime Isla Couto e entre o 1963-1968 por Xosé Manuel Beiras, materialmente, aínda que na revista figura como subdirector primeiro e codirector despois.

HistoriaEditar

Segundo Xaime Isla Couto, a Editorial Galaxia deu resposta a un triplo proxecto de tipo político, cultural e económico. A novidade que introduce a xeración Galaxia en relación coas xeracións anteriores do galeguismo é o de seren conscientes da necesidade de abordar con decisión e formación técnica suficiente o estudo e análise da problemática económica de Galicia. Neste senso o protagonismo neste eido foi do propio Xaime Isla Couto, ideador e realizador das accións que nesta liña levou a cabo a xeración Galaxia.

O estudo da realidade económica e social de Galicia foi prioritario no seo do seu traballo xeracional de reivindicación e recuperación da personalidade de Galicia e de concienciación, sobre todo das elites e das novas xeracións,.

Así, no informe enviado polo galeguismo do interior a Bos Aires no ano 1962, titulado Plan de acción do galeguismo, recóllese que, reconstituída a conciencia galega fronte á presión da propaganda franquista, a segunda tarefa de urxencia para o galeguismo viría sendo o estudio da nosa realidade económica-social. Este aspecto de estudo e reflexión sobre o problema social e económico de Galicia encadraríase no miolo dese traballo de elaboración dun proxecto de identidade galega, de aí que cómpre estudiar os grandes problemas, as súas posibilidades de desenrolo desde o punto de vista do que debe ser Galicia na segunda metade do século XX.

Mais dúas son as condicións que se impuxeron para superar as eivas dos anteriores tempos: abordar os estudios con responsabilidade técnica e cun criterio esencialmente galego, co fin de coñecer de primeira man as súas posibilidades de desenvolvemento idóneo.

O recoñecemento da personalidade diferenciada de Galicia permitiulles partir non só da idea de que Galicia e os galegos posuían unha lingua e unha cultura de seus, que debían de recoñecerse e respectarse, senón que ademais Galicia tiña unha economía de minifundio, principalmente agrícola, que esixía solucións idóneas para os seus problemas particulares. Xa que logo, o descoñecemento desa realidade cultural, económica e social, xunto co reiterado fracaso da política centralista, levoulles a coidar, en continuidade co galeguismo anterior á guerra, que tan só o autogoberno podía resolver os problemas do país. Por este motivo, a economía pasou a ter unha importancia decisiva nas actividades dos homes de Galaxia.

AntecedentesEditar

Unha das primeiras iniciativas con anterioridade á fundación da Editorial Galaxia foi a publicación do Suplemento del Sábado do xornal compostelán La Noche. Publicado entre o 15 de outubro do 1949 e o 28 de xaneiro do 1950, cando foi suspendido por orde do goberno por mor de ter sido publicados artigos e notas na honra de Castelao, recentemente finado en Bos Aires, no número do 14 de febreiro do 1950.

Este Suplemento foi ofrecido polo director do Xornal a Francisco Fernández del Riego e a Xaime Isla Couto, que traballaron arreo –o primeiro dirixindo e configurando as páxinas, escribindo...; e o segundo deseñaba, proxectaba cabeceiras e seccións, ilustraba, escribía artigos- para publicar un suplemento dedicado á vida cultural e económica do país e que proporcionaba a primeira oportunidade para rachar colectivamente o silencio do galeguismo do interior. Deste xeito, nas súas páxinas colaboraron: Florentino Cuevillas, Otero Pedrayo, Xosé María Álvarez Blázquez, Álvaro Cunqueiro...

Dividido en seccións – Descubrimiento de Galicia, Cartel de las letras, Feria del Espíritu, Pregón de las artes, Vida y Economía- , esta última dedicábase ó coñecemento da realidade económica e social de Galicia. Así publicáronse artigos, novas, e comentos sobre a industria do mar, a economía agraria, o aforro, a industrialización... tentando abranguer a diagnose dos problemas fundamentais de Galicia desde o punto de vista socioeconómico, así como sinalando vieiros de solución.

A oportunidade do Suplemento é valorada polos seus protagonistas coma un antecedente directo da fundación da Editorial Galaxia, así como dos obxectivos que perseguiría a mesma, tentando amosar a recuperación da cultura e da conciencia galegas, trala noite da inmediata posguerra.

CreaciónEditar

Trala suspensión do Suplemento e decidida a fundación da Editorial, un dos obxectivos de Galaxia foi dar continuidade a esa angueira de tal xeito que contemplaron a necesidade de «afondar na realidade económica-social» de Galicia. O traballo dentro do proxecto económico procurou dous obxectivos:

  1. Espertar e promover a conciencia galega dos homes adicados á actividade económica en Galicia.
  2. A formación dun pensamento propio sobre as realidades socioeconómicas de Galicia, a súa problemática, e as súas necesidades e posibilidades de desenvolvemento.

Xa que logo, a xeración Galaxia procurou facer fronte á anormalidade da situación na ditadura franquista, que provocaba unha visión limitada e parcial dos problemas económicos e sociais de Galicia. As súas canseiras dirixíronse a superar a subordinación política e territorial de Galicia que tamén se traducían en atraso e dependencia económicas, tanto na formulación e estudo dos problemas coma na elaboración doutrinal, e sobre todo nas solucións propostas aos problemas económicos propios de Galicia.

Para isto, tentouse crear un equipo técnico, dirixido por Xaime Isla, co dobre traballo de:

  1. Estudar sistematicamente os problemas sociais e económicos de Galicia
  2. Fomentar a divulgación dos traballos, publicando textos sobre os problemas vitais de Galicia.
  3. Espertar a conciencia das xentes «mejor capacitadas de Galicia» cara a unha conciencia de seria preocupación en torno aos problemas económicos e sociais de Galicia.

Deste xeito acadaríase orientar con responsabilidade á opinión galega sobre a realidade da problemática do país, sinalando os vieiros da súa realidade económica e social, e ofrecendo solucións ou melloras de acordo con criterios técnicos solventes.

Nesta liña, tentouse encetar a colección Biblioteca de Economía Galaxia, da que sería responsable Xaime Isla, e que abranguería tódolos aspectos da economía galega, co proxecto de publicación de diversas series:

  1. Estudos e traballos de carácter xeral: o esquema da economía galega
  2. Monografías e estudios comarcais ou locais: a terra e o home concretos da nosa economía
  3. Monografía e estudos especiais de ponlas ou actividades productivas: os problemas da vida económica de Galicia
  4. Historia económica e economistas galegos: a evolución dos feitos e das ideas económicas en Galicia
  5. Estudos de coordinación e política económica: o plan económico de Galicia.

De tódolos xeitos, este proxecto ambicioso ficaría eivado e incompleto, e atoparía moitos destes aspectos recollidos nas páxinas da Revista de Economía de Galicia. De feito, en decembro do 1968, cando se remata de publicar esta revista publicáranse a Bibliografía económica de Galicia de Francisco Xavier Río Barja, La pesca de arrastre en Galicia y sus problemas de Domingo Quiroga, e El problema del desarrollo en la Galicia rural de Xosé M. Beiras.

A primeira actuación para a posta en marcha do proxecto económico foi a publicación no ano 1952 do caderno número 4 da colección Grial titulado Aspectos jurídicos y económicos de Galicia. Neste contíñanse artigos verbo do sentimento da xustiza na literatura galega, a ciencia xurídica de Galicia, o auxe e depresión das industrias da pesca, e un artigo de Xaime Isla, titulado “Algúns caraiteres da economía galega aitual” no cal se denunciaba o drama da situación económica do país, sometida á pasividade e á inercia do rumbo que lle marcaba o desenvolvemento industrial, sen adaptación á realidade de Galicia e sen que a sociedade tivese órganos de seu para asumir o control e a dirección do seu propio desenvolvemento.

A Revista de Economía de GaliciaEditar

A obra que representa mellor ca ningunha outra os esforzos da xeración Galaxia en orde ó cumprimento do proxecto económico foi a publicación entre os anos 1958-1968 dos 66 números da Revista de Economía de Galicia (R.E.G.), dirixida entre os anos 1958-1963 por Xaime Isla, formal e materialmente, e entre o 1963-1968 por Xosé Manuel Beiras Torrado, materialmente, aínda que na Revista figura como subdirector primeiro e codirector despois..

A iniciativa foi de Xaime Isla, que concibiu a súa estruturación por seccións, maquetouna e deseñou a súa portada. Asemade, encargouse entre 1958 e 1962 da elaboración dos editoriais, nos que contou coa colaboración de Ramón Piñeiro, cunha orientación politemática. Por outra parte, Francisco Fernández del Riego colaboraba na confección das seccións fixas informativas e na supervisión da impresión.

A partir do 1963 incorporouse como subdirector Xosé Manuel Beiras, que tentou dinamizar a R.E.G., evitando os atrasos na publicacións, e confeccionando –en contacto con Xaime Isla- a mesma: escribe os editoriais, dótaa dunha liña máis crítica, combativa e ideoloxicamente progresista e nacionalista. Esta tarefa remata coa súa incorporación á Facultade de Ciencias Económicas de Compostela.

A R.E.G. contaba cun Consello de Dirección, inalterado en tódolos anos de publicación, meramente formal, xa que nunca exerceu como tal. O seu papel era representativo, xa que tiña como obxecto prestixiar cos seus nomes a nacente publicación e darlle abeiro fronte á hostilidade do Réxime. Entre os seus nomes atopamos a Antonio Valcárcel López, Cruz Gallástegui Unamuno, Sebastián Martínez Risco, Álvaro Gil Varela, Antonio Fernández López, Isidro Parga Pondal, Antonio Rosón Pérez, Francisco del Río Barja, José Luis Blanco González...

Segundo o seu prospecto fundacional os obxectivos da R.E.G. eran os seguintes:

  1. O estudo e orientación sobre os problemas concretos de estrutura e desenvolvemento económico de Galicia.
  2. A súa concepción técnica, información e documentación relativa aos mesmos.
  3. Creación da revista que o país precisaba, en función dos seus problemas, das súas peculiares características sociais e humanas.
  4. Pedíase a colaboración de cantos espíritos xenerosos, en Galicia e fóra dela, puidesen prestar eco cordial.

A declaración de intencións da R.E.G. era clara:

A nosa publicación non pretende ser unha revista económica máis, como calqueira das que veñen editándose xa en España. Proponse ser, pola contra, a que Galicia precisa, en función dos seus problemas xenuinos e das súas peculiares características sociais e humanas.
Decatámonos perfectamente das dificultades que esto comporta pois supón nin máis nin menos que o desenvolvemento dunha actividade cultural inédita antre nós, proiectada sobor de cuestións tan palpitantes e complexas, como a economía, a técnica e a vida social.

Xa que logo, a R.E.G. procuraba dar resposta aos problemas específicos de Galicia no eido socioeconómico, mais concibindo este labor específico no seo dun máis amplo proxecto de “actividade cultural”, é dicir, que o labor de reconstrución cultural encetada pola editorial Galaxia contiña coma unha ponla súa o proxecto económico e social.

Dividida en cinco seccións, tentaba abranguer o mesmo esquema cá Biblioteca de Economía Galega, así:

  1. «Perspectivas»: nesta sección contíñanse os editoriais sobre temas económicos, sociolóxicos e culturais.
  2. «Problemas»: onde se recollían a formulación e análise das cuestións fundamentais e máis prementes de economía galegas, así como das técnicas e proxectos para abordar o seu estudo e solución, presentados por especialistas galegos ou foráneos.
  3. «Sectores económicos»: na que se analizaban aspectos concretos da estrutura e do desenvolvemento, a través dos diversos sectores produtivos.
  4. «Las Comarcas»: tentaba reflectir traballos descritivos de terras ou comarcas, iniciadas cun esquema para o seu estudo do profesor Francisco X. Río Barja, e na súa meirande parte extraídas das tesiñas por el dirixidas, e outras debidas á colaboración de investigadores estranxeiros.
  5. «Crónicas»: publicada de forma continúa nos primeiros anos e logo intermitentemente. Eran escritas por correspondentes amigos da Revista polo mundo adiante, ou de viaxes dos redactores. Abranguían aspectos e cuestións de interese pola súa temática.
  6. «Notas»:que acollía subseccións tituladas «Juicios y Comentarios», «Proyectos y Realidades» e «Libros y Revistas».
  7. «Testimonios y documentos»: na que se reproducían textos exemplares na evolución do pensamento e da vida económica galega, ou ben textos de valor formativo ou informativo verbo dos problemas tratados na Revista.

A R.E.G foi pioneira neste tipo de publicacións en España e en Galicia, -«publicación insólita en el desierto que era el país en aquel momento», di Xosé M. Beiras- no eido de revistas adicadas ás economías rexionais, así como foi pioneira na anticipación de teses analíticas e descritivas e de postulados político-económicos: a defensa ecolóxica, os límites racionais do industrialismo, a interrelación dos sistemas económico, cultural e político, a interdisciplinariedade, o equilibrio comunitario entre campo e cidade, a endoxeneidade do desenvolvemento...

A R.E.G. nace nas vésperas do Plano de Estabilización e fina situados de cheo no «desarrollismo» dos Planos de Desenvolvemento, política económica que combateu desde as súas páxinas. A R.E.G. asumiu desde a súa nacencia os postulados da Economía Rexional, apostando por un modelo de desenvolvemento económico integrado que evite as desigualdades e desequilibrios interterritoriais.

Xa que logo, as notas económicas que caracterizaron á R.E.G., serían:

  1. Rexionalismo económico: centrando a súa atención nos problemas e solucións específicas da economía e sociedade galegas. Emporiso, aposta pola teoría económica rexional tal e como se comeza a desenvolver agromantemente en España e tal como se estaba a consolidar en Europa.
  2. Superación da visión conflitiva das relacións económicas: deste xeito non comparten a contraposición entre capital e traballo, ou entre burguesía e proletariado posto que non lle acae á realidade galega dunha economía precapitalista de base labrega e mariñeira.
  3. Contraposición entre campo e cidade: adoptan esta idea como chave á hora de interpretar a problemática económica de Galicia. A falla de artellamento social e económico entre o rural e o urbano, a falla de compromiso das minorías burguesas urbanas, adoecían a estrutura económica e galega condenándoa ao atraso e ao subdesenvolvemento.
  4. Compatibilidade entre agrarismo e industrialización: fronte a unha industrialización de base urbana e de efecto concentrador, van opor a necesidade de asumir a compatibilidade entre o desenvolvemento industrial e agrario, fornecendo a industrialización agraria, a comercialización dos seus produtos, a capitalización agraria... nun esforzo a prol da difusión territorial do desenvolvemento e da corrección dos desequilibrios territoriais e das desigualdades sociais.
  5. Europeísmo rexionalista: a R.E.G. foi unha fiestra aberta a Europa á esculca das experiencias rexionalizadoras en Europa –con base nun proceso de descentralización- que mellor lle acaesen ao desenvolvemento integral e endóxeno de Galicia.

LegadoEditar

Coa desaparición da R.E.G non se paralizou a actividade a prol da concienciación da realidade económica e social de Galicia a través de Galaxia. Apareceron novas coleccións Enquisa e Agra Aberta que acolleron títulos de obras vinculados con esta temática. Na primeira apareceron títulos coma Economía e Sociedade en Galicia 1958-1967 que escolma os editoriais da R.E.G.; Educación e Desenrolo de Xesús Cambre Mariño a obra colectiva Introducción á economía galega de hoxe no que colaboran antigos membros e colaboradores da R.E.G: Xaime Isla, Xosé M. Beiras, Carlos G. Otero Díaz, Domingo Quiroga Ríos entre outros... En Agra Aberta apareceron títulos coma Galicia ante el desequilibrio regional europeo de Xesús Cambre Mariño, Unha cooperativa de esplotación comunitaria pra uha parroquia rural galega de Avelino Pousa Antelo... A obra máis importante nestes anos 60 foi El problema del desarrollo en la Galicia rural de Xosé Manuel Beiras, publicada en 1967. Xa no ano 1973, Galaxia publicará o clásico O atraso económico de Galicia de Xosé Manuel Beiras.

Véxase taménEditar

BibliografíaEditar

  • BEIRAS, Xosé Manuel, “Revista de Economía de Galicia” en Gran Enciclopedia Galega, tomo XX, Santiago de Compostela, 1974, pp. 168-169
  • FERNÁNDEZ DEL RIEGO, Francisco, A Xeración Galaxia, Vigo, Galaxia, 1996
  • ISLA COUTO, Xaime, “A “Revista de Economía de Galicia”: Notas personales para unha historia”, en Galicia 1950-1980 trinta anos de cultura, Vigo, Galaxia, 1980, p. 8.
  • ISLA COUTO, Xaime, Construír Galicia, Trasalba-Ourense, Fundación Otero Pedrayo, 1992
  • PIÑEIRO, Ramón, Olladas no futuro, Vigo, Galaxia, 1974.
  • PIÑEIRO, Ramón, Da miña acordanza. Memorias, Vigo, Galaxia- Fundación CaixaGalicia, 2002
  • PRIETO-PUGA FARIÑA, María José, Aproximación histórica e índices de la Revista de Economía de Galicia, Escola de Bibliología de la Diputación Provincial de Barcelona, Traballo de Investigación inédito, Curso 1978-1979
  • SANTAMARIA CONDE, Xoán X., “Os estudos económicos e sociolóxicos na Galiza (1950-1980). Algunhas consideracións de cara á elaboración dunha História do Pensamento Sócio-Económico Galego” en Galicia 1950-1980 trinta anos de cultura, Vigo, Galaxia, 1980, pp. 22-23, e 38.
  • VV.AA, Introducción á economía galega de hoxe, Vigo, Galaxia, 1969