Retablo de Belvís
O Retablo de Belvís, procedente do Convento de Santa María de Belvís (en Santiago de Compostela), é unha pintura gótica sobre táboa, considerada polos historiadores a táboa medieval galega máis antiga que se conserva a día de hoxe [1]. Exponse desde o 2010 no Museo de Pontevedra.
Representa o martirio de San Acacio e os seus dez mil soldados, os Dez mil mártires, no monte Ararat (na actual Turquía), aínda que o feito tense por apócrifo.
Lenda do martirio de San Acacio
editarA tradición conta que Acacio era un centurión romano que no século II dirixiu o seu exército contra a rebelión producida na rexión do Éufrates. O inimigo estaba formado por cen mil soldados, e esa superioridade numérica provocou que boa parte das tropas romanas fuxisen ante o que se prevía unha derrota segura. Acacio e nove mil dos seus homes permaneceron na fronte dispostos a morrer se facía falta, e aparecéuselles un anxo que lles prometeu a vitoria se adoraban a Cristo. Así o fixeron e conseguiron vencer ós herexes. Os emperadores esixiron que abxuraran da fe cristiá e adoraran ós deuses romanos, ó que os novos conversos se negaron.
En consecuencia, os emperadores ordenaron o seu martirio, primeiro por lapidación, pero as pedras rebotaban e volvían caer sobre os torturadores. Ó ver este milagre, outros mil soldados tamén se converteron ó cristianismo, dando así a cifra canónica de dez mil cristiáns. Como fose que non se conseguiu a apostasía, ordenaron continuar o martirio cos mesmos suplicios ós que fora sometido Xesucristo, ata chegar á crucifixión de todos eles.
Historia
editarA táboa está datada no último cuarto do século XIV (c. 1380-1400), en todo caso anterior a 1489, data na que se publica a primeira referencia ó culto dos Dez mil mártires, nunha bula do papa Inocencio VIII, proclamada o 14 de marzo de 1489 [2]. Aínda así, é un feito que o seu culto en Galicia (así como noutros países, como Suíza ou Alemaña) é moi anterior pois hai constancia de que en 1288 celebrouse na Catedral de Lugo unha procesión dedicada ós Dez mil mártires; tamén en Lugo consta o proxecto da creación en 1309 dunha capela dedicada a eles no claustro da Catedral. Sábese tamén que en 1341 había na Catedral de Santiago unha capela funeraria con dous altares dedicados, un, ós Dez mil mártires, e outro a Santa Úrsula e ás Once mil virxes [3].
O retablo de Belvís venerábase no convento de Santa María de Belvís (en Santiago de Compostela), o primeiro convento feminino da Orde dos Dominicos en Galicia [4]. Deuse a coñecer en 1909 cando formou parte da Exposición Rexional Galega celebrada nesta cidade pero volveu ó convento ó rematar a Exposición [5]. Sábese que antes de que a igrexa do convento fose reedificada en 1725, o retablo estaba colocado nun altar dedicado ós Dez mil mártires, ante o que tódolos anos se celebraba unha misa solemne, pero é probable que xa formara parte dos fondos do convento desde o século XIV. O historiador Xesús Carro García estudou e describiu a táboa no convento en 1932.
En 1944 foi vendida pola comunidade relixiosa [6], probablemente á colección Blanco-Cicerón [7], aínda que a realidade é que se lle perdeu a pista ata o ano 2005 [8]. Neste ano a táboa foi comprada a un anticuario madrileño e pasou a integrarse na colección Ruíz-Moya Decoster. Finalmente, en 2010, os representantes da familia cederon a peza en depósito ó Museo de Pontevedra, por un prazo de dez anos, que se prorrogou [9].
Descrición
editarO retablo está formado por catro táboas de castiñeiro unidas verticalmente [10]. Mide 196 cm de alto [11] por 162 cm de ancho, se ben resulta evidente que foi recortado en ámbolos bordos laterais e probablemente tamén pola parte inferior, xa que na táboa se bota en falta o episodio do martirio e crucifixion dos cristiáns. Os textos dos listeis que separan os rexistros están incompletos (recortados tanto nos inicios como nos finais) e tamén se observan en ámbolos lados figuras incompletas.
A composición distribúese en catro franxas horizontais duns 45-48 cm de altura: un ático ou frontón superior, practicamente triangular, e tres rexistros horizontais nos que se representan distintos momentos do martirio dos Dez mil mártires, separados entre si e do ático superior por tres listeis con inscricións. Tanto as figuras como os textos foron repintados no século XVI [12] e tamén na época contemporánea. Estes epígrafes foron pintados con caracteres capitais do século XVI pero, aínda así, poden verse algunhas letras nos caracteres monacais orixinais [13].
"Agora [a data] é difícil de precisar. A táboa está en moi malas condicións. Botárona a perder as mesmas monxas. A fregaron con estropaxo e a repintaron que pon medo. Quedou feita unha verdadeira calamidade".Xesús Carro García, px. 76
"O seu estado de conservación é moi deficiente e os sucesivos repintes e limpezas de que foi obxecto contribuíron a escurecer ou falsear as cores orixinais e a ocultar os trazos de algúns dos personaxes representados"Manso Porto (1993a), 589; en castelán no orixinal
"Tiñamos como referencia unha fotografía antiga na que o retablo aparecía absolutamente repintado e datable como unha pintura do século XVI. O anticuario levárana a restaurar e cando fomos ó taller do restaurador xa nos atopamos a peza como está e situámola no gótico lineal"Lola Ruíz-Moya, en La Voz de Galicia 5.03.2010 (en castelán no orixinal)
Ático
editarNo frontón represéntase, centrado, a Deus Pai sedente, bendicindo ós fieis coa man dereita e sostendo unha esfera terrestre na man esquerda. A ámbolos lados hai cadanseu anxo orante, e á esquerda hai unha figura monstruosa, probablemente o demo. Á dereita hai outro anxo, voando, que mostra un filacterio [14] ós soldados do rexistro inferior. Este anxo promete a vitoria ós soldados de San Acasio se se converten ó cristianismo.
Rexistro superior
editarRepreséntanse os dous exércitos cabalgando para enfrontarse entre si. No centro, entre eles, elévase unha estatua sobre unha columna clásica, que simbolizaría un deus romano, e ante ela hai dous soldados axeonllados, cara ao exército cristián. Este identifícase porque os soldados están nimbados, en alusión á súa inmediata antidade, e portan escudos e estandartes con cruces vermellas; sobre eles, un anxo mostra un filacterio no que se anuncia que CREED EN CRISTO I BENCEREIS.
O exército infiel, á esquerda, identifícase polas medias lúas que mostran non seus escudos [15]. Vese como retroceden baixo unha chuvia de lanzas.
Na parte superior do rexistro lese a seguinte inscrición [16]:
COMO LOS DIEZ MIL MARTIRES, POR LA GRACIA DE CRISTO, FUERON CRISTIANOS I BENCIERON MIL EREGES [17]
Rexistro medio
editarNo rexistro medio, San Acacio e os seus soldados xa foron transportados polos anxos ó monte Ararat, que se identifica pola mesta vexetación e as árbores e onde permanecerán tres días recibindo instrución dos principios da súa nova fe. Á esquerda represéntase un nutrido grupo de soldados romanos xa convertidos ó cristianismo, provistos de nimbo, avanzando cara catro anxos situados no centro e á dereita. O primeiro anxo mostra un filacterio no que se le PRESTO RECIBIREIS MARTIRIO.
No extremo da dereita, dous anxos traen alimentos para os soldados: pan e viño, os alimentos propios da Eucaristía.
Sobre a escena, lese a seguinte inscrición:
DESPUES LOS LLEBO EL ANGEL AL MONTE ARARAT, E DO FUERON PRESOS I LLEBADOS DELANTE LOS EMPERADORES Y LOS MANDARON APE [18]
Rexistro inferior
editarNo último rexistro, San Acacio e os seus soldados foron levados ante os emperadores Antonino e Hadriano, que os cominan a abandonar a fe cristiá e adorar ós deuses romanos. Os emperadores están representados con coroas e indumentaria medieval, portando cetros e sentados coas pernas cruzadas (que simbolizan poder).
Os cristiáns néganse e os emperadores ordenan que sexan lapidados: vese a dous soldados en actitude de lanzar pedras contra aqueles, agrupados na parte central da imaxe [19]. Tras o grupo de cristiáns se pinta un grupo de soldados armados que avanzan para cumprir a orde de execución.
Para explicar a escena, escríbese a seguinte inscrición:
DREAR I QUE LE DIESEN TODA LA PASION DE CRISTO NUESTRO SEÑOR PADECIO ANSI POR ENTERO FUE EN TODOS EXECUTADA LA SENTENCIA [20]
A tradición remata o proceso coa crucifixión dos Dez mil mártires [21], aínda que a iconografía sobre o caso tamén pode incluír os soldados botando ós cristiáns por unha barranca ou sobre acacias coas pólas afiadas para seren empalados [22]. O retablo non representa a crucifixión, polo que cabe a posibilidade de que existise un rexistro máis hoxe desaparecido.
Análise artístico e lingüístico
editarA táboa catalógase como gótico lineal, modalidade da pintura gótica que se desenvolve entre os séculos XIII e XIV. Caracterízase pola importancia concedida ás liñas do debuxo e o vivo cromatismo. Xorde neste momento a pintura gótica sobre táboa.
A maioría dos autores (Figueiredo, Carro García ou a ficha do Museo de Pontevedra, por exemplo) datan a táboa entre finais do século XIV e primeiros anos do século XV. Así o recoñece Manso Porto (1993a, 600, en nota 174), se ben ela propón o último catro do século XV:
"A análise estilística e iconográfica apuntan, pois, a situar a cronoloxía das táboas cara o múltimo cuarto do século XV, considerando como 'terminus ante quem' o ano 1489, en que foi despachada a referida bula de Inocencio VIII"Manso Porto (1993a, 591); en castelán no orixinal
A técnica utilizada é témpera sobre táboa. Carmen Manso xulga o tratamento das figuras como "tosco e inxenuo", especialmente nas figuras do primeiro e terceiro rexistro, agás os emperadores e soldados do último rexistro, que se pintaron con máis detalle nos rostros e detalles da roupaxe, pero cabe a posibilidade de que estas figuras estean repintadas [23]. Tamén menciona que as características das armaduras dos soldados e dos escudos, moi apuntados, son comparables ás das esculturas funerarias dos séculos XV e XVI.
O primeiro estudo publicado sobre o retablo foi realizado por José de Figueiredo, arqueólogo e historiador portugués (1871-1937), que estudou o retablo en 1909 cando foi exposto en Santiago e debeu quedar moi impresionado coa pintura. En 1910 escribiu unha carta a Eladio Oviedo Arce, xefe do Arquivo Rexional de Galicia e un dos partícipes da Exposición Rexional de 1909, pedíndolle unha fotografía de calidade do retablo porque "tinha grande empenho em reproduzir na ediçao francesa do meu libro a táboa de Belvís", á que cualifica como "para min tᾶo excepcionalmente valiosa"; a maiores, ofreceuse para conseguir que o restaurador portugués Luciano Freire fose ata Santiago a tratar o retablo [24]. Segundo Figueiredo (O pintor Nuno Gonçalves, 1910), o retablo foi pintado en Santiago pero, por un pintor portugués [25]; porén, Manso Porto cre máis segura a autoría dun pintor galego, pero sen descartar a posibilidade dunha influencia da pintura portuguesa.
As tres liñas de texto están escritas no galego que se falaba en terras de Compostela cara 1400. A presenza da forma verbal vencenon no canto da máis común venceron é o que fai pensar que quen o escribiu foi un galego que probablemente viviu na comarca de Compostela [26].
Notas
editar- ↑ Museo de Pontevedra: Retablo de Belvís. Durante tempo se considerou a "única táboa conservada en Galicia do período medieval" (Manso Porto (1993a, 589; en castelán no orixinal).
- ↑ Segundo referencia de López Ferreiro.
- ↑ Segundo referencia de López Ferreiro.
- ↑ Iacobus.org Arquivado 25 de abril de 2019 en Wayback Machine. [consultado o 9.08.2022].
- ↑ "A táboa de Belvís, despois da dita Esposición de 1909, quedou compretamente esquecida e pechada antre os grosos muros do convento, moi gardada po-las monxas" (Carro García, px. 77).
- ↑ Manso Porto (1993a) recolle a autorización do arcebispo de 15.09.1944 (px. 589), pero engade que xa autorizara a venda en 1909.
- ↑ Manso Porto (1993a), 599, en nota 138.
- ↑ "Estaba en ignoto paradoiro desde 1944" (programa das conferencias celebradas no Museo de Pontevedra sobre o retablo en outubro de 2010).
- ↑ A mesma familia tamén cedeu ó Museo, en 2014, outro importante retablo do século XV, neste caso dedicado a Santo Estevo e de orixe catalá.
- ↑ Carro García descríbeo como formado por tres táboas, unha delas fendida (px. 74).
- ↑ 195 cm, segundo Carro García (px. 74).
- ↑ Ou XVII ou XVIII, segundo Carro García (px. 76).
- ↑ "Segundo o testemuñan varias letras conservadas ó comezo de cada liña" (Manso Porto (1993a, 590)
- ↑ Cinta con mensaxes ou identificacións que aparece en pinturas, esculturas, escudos de armas, etc.
- ↑ Manso Porto (1993a), 590.
- ↑ A transcrición do texto está tomada de Carro García, que estudou e copiou as epígrafes directamente no convento de Belvís; Manso Porto recoñece que o seu estudo se baseou nas fotografías do Arquivo Mas e nos datos achegados por aquel. Cómpre observar que cando Manso Porto escribe, o retablo está en paradoiro descoñecido, e que non se recuperou ata dez anos despois. En todo caso, a transcrición de ámbolos autores non é exacta.
- ↑ A transcrición de Manso Porto di: [CO]MO LOS DIEZ MIL MÁRTIRES POR GRACIA DE [CRIST]O FVERON CRISTIANOS I VENCIERON CIEN MIL EREGES (Manso Porto (1993a, 590) (Manso Porto (1993b, 487). Realmente, a táboa non di "bencieron" nin "vencieron", senón que se le claramente "VENCENON". Aínda existe na rede unha transcrición diferente: "Como pelegan cen mil ireges con nove mil dos marteres vencenon per graça de deus os cen mil ireges" (en verbaescrita.blogspot (4.03.2013) [consultado o 9.08.2022]).
- ↑ A transcrición de Manso Porto di: "[...]N M I DESPVES LOS LLEBO EL ANGEL AL MO[N]TE ARARAT, ADO[NDE] FVERON PRESOS I LLEVADOS DELANTE LOS ENPERADORES I LOS MANDARON APE" (Manso Porto (1993a, 590, con lixeiras variacións en 1993b, 487).
- ↑ Segundo a tradición, as pedras retornaban, milagrosamente, para caer sobre os soldados imperiais.
- ↑ A transcrición de Manso Porto di: "DREAR I Q[V]E LES DIESEN TODA LA PASION QUE [CRIST]O N[UESTRO] S[EÑOR] PADECIO. I ANSI POR E[N]TERO FVE EN TODOS ESECVTADA LA SENTENCIA" (Manso Porto (1993a, 590).
- ↑ Lémbrese o texto da inscrición: "toda a paixón que padeceu Cristo".
- ↑ Pola posible relación do nome de San Acacio co nome desta planta.
- ↑ Manso Porto (1993a), 591.
- ↑ Álvaro de las Casas: "Unha carta inédita de Xosé de Figueiredo", en Nós nº 93, 15.09.1931, px. 154-155.
- ↑ "Un pintor portugués residente en Santiago" (Manso Porto (1993a, 590).
- ↑ Ferro Ruibal en Ben falado, cap. 412; Museo de Pontevedra: Retablo de Belvís.
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Carro García (1932): Carro García, Xesús: "Unha táboa do convento de Belvís", en Nós nº 101, 15.05.1932, px. 74-77.
- Manso Porto (1993a): Manso Porto, Carmen: Arte gótico en Galicia: los Dominicos, Fundación Pedro Barrié de la Maza, A Coruña 1993, tomo II, px. 589-591 e 607-608. ISBN tomo II: 84-87819-36-2.
- Manso Porto (1993b): Manso Porto, Carmen: Galicia, tomo XI: Arte Medieval (II), parte III: Arte gótica, capítulo IX: A pintura e a miniatura. Hércules de Edicións S.A., A Coruña, 1993, px. 487-489. ISBN tomo XI: 84-89468-17-6.
Ligazóns externas
editar- Museo de Pontevedra: Retablo de Belvís, explicado por José Luis Ageitos, 9 de outubro de 2020, 5 minutos e 2 segundos (en galego)
- Ben Falado: Galego no retablo de Belvís, Xesús Ferro Ruibal en Ben falado (RTVG), capítulo 412, 10 de agosto de 2018, 4 minutos e 3 segundos (en galego)