Real Sitio de San Lorenzo do Escorial e o Escorial
O Real Sitio de San Lorenzo do Escorial e O Escorial, tamén coñecido como Real Sitio de San Lorenzo do Escorial ou Real Sitio do Escorial, era un híbrido de señorío de reguengo e señorío de abadengo constituído no último terzo do século XVI, a instancias do rei Filipe II. Estendíase ao redor do mosteiro homónimo, polos actuais termos municipais de San Lorenzo de El Escorial, El Escorial, Zarzalejo e Santa María de la Alameda, na vertente meridional da Serra de Guadarrama, na Comunidade de Madrid (España).
Mosteiro e Sitio do Escorial | |
---|---|
![]() Vista do Mosteiro desde o monte Abantos. | |
Patrimonio da Humanidade - UNESCO | |
País | ![]() |
Localización | Coordenadas: 40°34′54″N 4°07′35″O / 40.58175, -4.1264166666667 |
Tipo | Cultural |
Criterios | I, II, VI |
Inscrición | 1984 |
Rexión da UNESCO | Europa e América do Norte |
Identificador | 318 |
Sobre este territorio articulouse unha potente industria turística, radicada preferentemente nos municipios de San Lorenzo de El Escorial e de El Escorial. Nel intégrase o Mosteiro do Escorial, situado na primeira localidade, ademais de diferentes edificios artísticos, leiras históricas e paraxes naturais, vinculados, desde o século XVI, coas Casas Reais dos Austrias e dos Borbóns. Algúns dos seus enclaves tamén foron utilizados pola dinastía dos Trastámara, entre os séculos XIV e XV.
Patrimonio Nacional, organismo do que dependen as posesións que estiveron en mans da Coroa Española, xestiona a parte principal desta oferta turística, que se promociona unitariamente, xunto co Valle de los Caídos. Este monumento funerario, situado nas proximidades do Real Sitio, foi erixido no século XX, a iniciativa do ditador Francisco Franco.
O Mosteiro e Real Sitio recibiron en 1984 a declaración de Patrimonio da Humanidade por parte da Unesco.
Límites
editarOs lindes históricas do Real Sitio quedan definidas pola "Cerca de Felipe II". Este antigo valado, mandado construír polo monarca e concluído por Carlos IV e Isabel II, rodeaba o perímetro deste enclave. Percorría os actuais termos de San Lorenzo de El Escorial, El Escorial, Zarzalejo e Santa María de la Alameda, ademais doutras zonas limítrofes correspondentes a Guadarrama, Alpedrete, Collado Mediano, Collado Villalba, Galapagar, Colmenarejo, Robledo de Chavela e Valdemorillo.
Tamén foron cercadas as antigas aldeas da Fresneda, que desapareceu coa creación do Real Sitio, e de Navalquejigo, aldea abandonada no século XIX e hoxe convertida nunha pedanía.
Desde o punto de vista físico, estendíase polos bosques situados nas ladeiras e piedemonte do chamado Circo de El Escorial, que se atopa flanqueado polo Monte Abantos e Las Machotas, ademais de pola Cuerda de Cuelgamuros, conformada por Abantos e Cabeza Líjar. O val alto do río Aulencia, o principal afluente do Guadarrama, tamén quedaba integrado, así como o nacemento do río Perales.
Este espazo atópase protexido, na súa maior parte, pola Comunidade de Madrid. A Consellería de Cultura e Turismo da Comunidade de Madrid (Dirección Xeral de Patrimonio Histórico) declarouno Ben de Interese Cultural, na categoría de Territorio Histórico, mediante decreto 52/2006, coa denominación de "El Escorial: Monasterio, Sitio y Entorno Natural y Cultural". Nel quedan integrados os termos de San Lorenzo de El Escorial, El Escorial, Zarzalejo e Santa María de la Alameda, onde se engloban os seguintes conxuntos monumentais e naturais:
- O Mosteiro do Escorial, cos seus xardíns e edificacións anexas;
- As leiras anexionadas no século XVI;
- As construcións realizadas no século XVIII;
- Diferentes monumentos dos núcleos urbanos de San Lorenzo de El Escorial (caso do Real Coliseo de Carlos III e da Casa de Peláez)
Con todo, a Unesco define un ámbito territorial sensiblemente menor na súa declaración do Mosteiro e do Real Sitio como Patrimonio da Humanidade, circunscrita unicamente aos termos de San Lorenzo de El Escorial e El Escorial. A súa delimitación coincide, a grandes liñas, cos conxuntos dependentes de Patrimonio Nacional, principalmente o Mosteiro e a Casita do Infante (ou de Arriba), en San Lorenzo de El Escorial, así como a Casita do Príncipe (ou de Abaixo), en El Escorial.
Quedan fóra da súa lista outros conxuntos monumentais que formaron parte da Cerca de Filipe II. É o caso de La Granjilla de La Fresneda (Expediente BIC 3/2003), do Mosteiro de Prestado, de El Campillo (Expediente BIC 2/2003), de Mosteiro (Expediente BIC 1/2003), de El Castañar e de Navalquejigo, que se atopan en mans privadas,[1] algún en situación de abandono.[2]
En 2007 as autoridades españolas tramitaron ante a Unesco a ampliación da declaración de Patrimonio da Humanidade a toda a contorna do Real Sitio, en coincidencia cos seus límites históricos. O Ministerio de Cultura propuxo, a través do Comité de Patrimonio Español, que La Granjilla de la Fresneda fose declarada Patrimonio da Humanidade, pero esta iniciativa non chegou a prosperar.
Notas
editar- ↑ "Descripción del Patrimonio de la Humanidad del Monasterio y Real Sitio de El Escorial, en la web oficial del Ministerio de Cultura". Arquivado dende o orixinal o 24 de febreiro de 2012. Consultado o 13 de febreiro de 2016.
- ↑ Sánchez, Esther (30 de novembro de 2015). "El palacio de Felipe II en San Lorenzo de El Escorial sucumbe al abandono". Diario El País (en español). Consultado o 30 de novembro de 2015.