Pyramiden

Coordenadas: 78°40′45″N 16°23′43″L / 78.67917, -16.39528

Pyramiden (en noruegués significa "a pirámide"; en ruso escríbese Пирамида, transcrito como "Piramida") foi un asentamento mineiro de carbón soviético no arquipélago de Svalbard, Noruega. Actualmente, só unha persoa a habita no inverno e pode chegar a ter dez no verán. Fundárona os suecos en 1910, pero en 1927 foi vendida á Unión Soviética. Pyramiden pechouse en 1998 e desde entón permaneceu practicamente abandonada, coa maior parte da súa infraestrutura e dos edificios aínda en pé. Desde 2007 houbo diversas iniciativas para facer dela unha atracción turística.

Localización de Pyramiden, na parte central da illa Spitsbergen.

HistoriaEditar

 
Entrada en Pyramiden, co nome en ruso e en noruegués

Pyramiden está ao pé do Billefjorden na illa de Spitsbergen. A localidade está situada nas inmediacións da baía de Adolfbukta, na parte oriental de Spitsbergen, onde se sitúa o glaciar de Nordenskjøldbree. Recibiu o seu nome da homónima montaña con forma de pirámide que queda xunto á cidade.[1] Os asentamentos máis próximos son a capital de Svalbard, Longyearbyen, a uns cincuenta quilómetros ao sur, Barentsburg, a uns cen quilómetros ao suroeste, e a pequena comunidade científica de Ny-Ålesund, cen quilómetros ao oeste.

Cando Pyramiden estaba habitada, era en grande parte autosuficiente. A importante cantidade de carbón dispoñible facía que fose posible dispor de moitas tubaxes que transportaban auga quente para a calefacción das casas, a piscina de auga salgada quente, os invernadoiros e as cortes. Co estérco de vacas, os porcos e as aves, fertilizábase os hortos en invernadoiros, onde se cultivaban entre outros, tomates, pementos, cogombros, perexil, cebolas, leitugas e plantas ornamentais. O ano 1975 producíronse 35.000 kg de carne, 48.000 litros de leite, 110.000 ovos e 5.700 kg de verduras.[2]

Propiedade da compañía mineira estatal rusa Arktikugol Trust, Pyramiden chegou a ter máis de mil habitantes. O 31 de marzo de 1998 extraeuse o derradeiro carbón da mina e os últimos residentes permanentes abandonárono o 10 de outubro.[3] Ata 2007, Pyramiden era practicamente unha cidade fantasma onde, dentro dos edificios, as cousas se conservaban practicamente como estaban cando o asentamento foi abandonado.[4]

O autor noruegués Kjartan Fløgstad escribiu un libro sobre Pyramiden.[5] Un recente episodio do programa da canle de televisión History titulado A terra sen humanos estivo dedicado a esta cidade. Predíxose que, debido ao lento ritmo de decadencia nun clima fríxido, os principais edificios desta cidade abandonada seguirán sendo visibles durante outros cincocentos anos.[6]

Na actualidadeEditar

Á parte do único habitante estable, só quedan cinco ou seis persoas que se dedican ao mantemento e algúns guías turísticos.[7]

Pyramiden é accesible por barco ou con moto de neve desde Longyearbyen e non hai restricións para a visitar. Os edificios aínda son propiedade de Arktikugol Trust e non se permite entrar neles sen permiso, aínda que o vandalismo e o roubo de "lembranzas" se converteron nunha ameaza seria para Pyramiden, xa que contribúen a acelerar a súa degradación.[8]

Desde 2007, a empresa Arktikugol estivo renovando o hotel e mellorando a súa infraestrutura, o que inclúe a edificicación dunha nova estación de enerxía con motores diésel, para acomodar turistas no antigo asentamento. Ata 30 traballadores estiveron vivindo no lugar todo o ano para o mantemento das instalacións e guiar os turistas que veñen de visita desde Longyearbyen.[9]

 
Imaxe panorámica de Piramiden

En 2009 os rusos construíron un hotel e agora pódese facer visitas guiadas en ruso, noruegués e inglés. En 2013 reabriu o hotel Tulip para poder quedar á noite en Pyramiden. Ademais, hai tamén outro quequeno hotel construído con antigos colectores preto da baía.[10] Con todo, non hai plan ningún de renovar e reabrir o asentamento no seu conxunto.

En 2014 a cantante sueca Tove Styrke gravou un vídeo musical en Pyramiden para o seu single Borderline.[11]

NotasEditar

  1. "Архипелаг никак" (data de acceso o 19 de decembro de 2016).
  2. Andreassen, Elin; Hein B. Bjerck; e Bjørnar Olsen. Persistent Memories: Pyramiden. A Soviet Mining Town in the High Arctic. Tapir Academic Press. 2010. [En inglés]
  3. Nuwer, Rachel. «A Soviet Ghost Town in the Arctic Circle, Pyramiden Stands Alone». Smithsonian Magazine. Smithsonian. (Consultado o 19 de decembro de 2016).
  4. Pulling out of Pyramiden. BBC News. 2 de setembro de 2000
  5. "Fløgstad i Pyramiden : Dagsavisen". Arquivado dende o orixinal o 27 de setembro de 2007. Consultado o 19 de decembro de 2016. 
  6. «A Soviet Ghost Town in the Arctic Circle, Pyramiden Stands Alone». Smithsonian magazine. 19 de maio de 2014.
  7. BBC News | FROM OUR OWN CORRESPONDENT | Pulling out of Pyramiden
  8. Umbreit, Andreas. Spitsbergen, Svalbard, Franz Josef Land & Jan Meyen. Bradt Travel Guides. 2009. Páxina 182.
  9. "Back in Pyramiden, Svalbard Arquivado 18 de xuño de 2013 en Wayback Machine.". Elin Andreassen e Hein B. Bjerck, Ruin Memories.
  10. Nytt liv for Pyramiden. Svalbardposten. 6 de abril de 2013.
  11. Vídeo musical de Tove Styrke gravado en Pyramiden

Véxase taménEditar

BibliografíaEditar

  • Kjartan Fløgstad. Pyramiden, retrato de una utopía abandonada. Interfolio Libros, 2011. [ISBN 978-84-937694-6-8] [En castelán]
  • Andreassen, Elin; Hein B. Bjerck; e Bjørnar Olsen. Persistent Memories: Pyramiden. A Soviet Mining Town in the High Arctic. Tapir Academic Press. 2010. [En inglés]
  • Umbreit, Andreas. Spitsbergen, Svalbard, Franz Josef Land & Jan Meyen. Bradt Travel Guides. 2009.

Ligazóns externasEditar