Abrir o menú principal

Programa Copérnico

Programa da ESA e a UE
Logotipo do programa Copernicus

O programa Copérnico, anteriormente chamado "Global Monitoring for Environment and Security" (GMES), é un proxecto creado conxuntamente pola Axencia Espacial Europea (ESA) e pola Unión Europea a través da Axencia Europea do Medio Ambiente, que pretende lograr unha completa, continua e autónoma capacidade de observación terrestre de alta calidade con resultados accesibles libremente pola comunidade científica ou calquera outra persoa interesada. O obxectivo xeral é prover de información exacta, fiable e continua, para, entre outras cousas, mellorar a xestión e conservación do medio ambiente, comprender e mitigar os efectos do cambio climático e asegurar a seguridade civil. Pretende agrupar diferentes fontes de información, satélites ambientais e bases terrestres, para proporcionar unha visión global do "estado de saúde" da Terra.

Foto da península italiana e Mediterráneo tomada polo satélite Sentinel-3A coa súa cámara para oceano e terra. A súa amplitude de toma é de 1270 km.
Foto da península italiana e Mediterráneo tomada polo satélite Sentinel-3A coa súa cámara para oceano e terra. A súa amplitude de toma é de 1270 km.

O custo do programa de 1998 a 2020 estímase en 6700 millóns de euros, dos que uns 4300 M€ pertencen ao período 2014-2020 e serán compartidos entre a UE (2/3) e a ESA (1/3), cuns beneficios estimados en 30 000 millóns de euros para 2030.[1] A ESA, como patrocinador principal, levou a cabo a maior parte do deseño, e supervisa e cofinancia o desenvolvemento das misións Sentinel, que consisten en polo menos dous satélites cada unha. O programa tamén proverá os instrumentos MTG (Meteosat de Terceira Xeración) e o MetOp-SG (Meteorological Operational Satellite - Second Generation), que forman parte da EUMETSAT. A ESA e a EUMETSAT coordinaranse para recoller información dun total duns 30 satélites para contribuír ao programa Copérnico.

A información xeoespacial proporcionada por Copérnico pode ser agrupada en seis temas interactivos:

Os dous últimos foron anunciados durante o Forum GMES en Lille en setembro de 2008.

O programa Copérnico apóiase en tres alicerces:

  • A compoñente espacial: o conxunto de satélites, xunto coa súa infraestrutura terrestre, que agrupa as 6 misións Sentinel e misións doutras axencias.
  • As medidassobre o terreo (rede de información terrestre e aerotransportada que colleita información sobre os océanos, a superficie dos continentes e a atmosfera).
  • Os servizos ós usuarios.

HistoriaEditar

Durante décadas, institucións nacionais e europeas fixeron un esforzo substancial en I+D no campo da observación terrestre. Estes esforzos fixeron posibles grandes logros durante moito tempo, pero sempre estaban suxeitos ás limitacións das actividades I+D (por exemplo falta de soporte a longo prazo). A idea de sistema global e continuo de observación terrestre foi desenvolvida baixo o nome de Global Monitoring for Environment and Security (GMES), posteriormente renomeado como Copérnico despois de que a Unión Europea comezase a financiar e desenvolver o programa.

Entre 2014 e 2015 entrou na fase operacional. A clave para comezar coas operacións de Copérnico foi ter unha estrutura gobernamental e un modelo de negocio apropiado que apoie a continuidade e sustentabilidade destes servizos. O programa Copérnico foi pasando de I+D a un servizo operacional nunha serie de pasos:

  • 2008 - 2010: servizos pre-operacionais
  • 2011 - 2013: operacións iniciais
  • Dende 2014: servizos operacionais

A seguinte lista amosa acontecementos importantes na historia do programa:

  • 19 de maio de 1998: as institucións que participan no desenvolvemento das actividades espaciais en Europa dan a luz a GMES a través dunha declaración coñecida como "O Manifesto de Baveno". Nese momento, GMES significa "Monitoreo Global para a Seguridade Ambiental".
  • Ano 1999: o nome é cambiado a "Monitoreo Global para o Medio Ambiente e a Seguridade", debido a que a Administración do Medio Ambiente da UE tamén ten implicacións en materia de seguridade.
  • Ano 2001: co motivo do Cume de Gotemburgo, os Xefes de Estado e de Goberno solicitan que "a Comunidade contribúa a establecer, para 2008, unha capacidade europea de supervisión mundial do medio ambiente e seguridade".
  • Outubro de 2002: a natureza e o alcance da compoñente "Seguridade" de GMES defínense como a prevención e resposta ás crises relacionadas co risco natural e tecnolóxico, a axuda humanitaria e a cooperación internacional, o seguimento do cumprimento dos tratados internacionais de prevención de conflitos, as tarefas de mantemento da paz e a vixilancia das fronteiras da UE.
  • Febreiro de 2004: a comunicación da Comisión "GMES: Establecemento dunha capacidade GMES para 2008" introduce un Plan de Acción destinado a establecer unha capacidade GMES activa para 2008. En 2004 tamén se asina un Acordo Marco entre a UE e a ESA, proporcionando así a compoñente espacial de GMES.
  • Maio de 2005: a comunicación da Comisión "GMES: do concepto á realidade" establece as prioridades para a implantación dos servizos GMES en 2008, centrándose inicialmente nos servizos de vixilancia da terra, vixilancia marítima e resposta a emerxencias, tamén coñecidos como Fast Track Services (FTS). Espérase que os servizos posteriores, tamén coñecidos como Servizos Piloto, aborden o seguimento da atmosfera, a seguridade e o cambio climático.
  • Xuño de 2006: a CE establece a Mesa GMES, co principal obxectivo de asegurar a fiscalización dos servizos prioritarios para 2008. Outros obxectivos desta Mesa son abordar as cuestións da estrutura de goberno de GMES e a sustentabilidade financeira a longo prazo do sistema.
  • Maio de 2007: adopción da Comunicación de Política Espacial Europea, recoñecendo a GMES como referente da Política Espacial.
  • Setembro de 2008: lanzamento oficial dos tres servizos FTS e dous servizos Piloto na súa versión preoperacional con motivo do GMES Forum celebrado en Lille, (Francia).
  • Novembro de 2008: a Comunicación da Comisión "GMES: Preocupámonos por un planeta máis seguro" establece unha base para futuros debates sobre o financiamento, a infraestrutura operacional e a xestión eficaz de GMES.
  • Maio de 2009: a proposta de Regulamento da Comisión sobre o programa europeo de observación da Terra (GMES) e as súas operacións iniciais (2011-2013) propón unha base xurídica para o programa GMES e o financiamento comunitario das súas operacións iniciais.
  • Novembro de 2010: entra en vigor o Regulamento sobre "o Programa Europeo de Observación da Terra (GMES) e as súas operacións iniciais (2011-2013)".
  • Xuño de 2011: a Comisión presenta a súa proposta para o próximo marco financeiro plurianual (MFP) correspondente ao período 2014-2020 (co lema "Un orzamento para Europa 2020"). Neste documento, a Comisión propón prever o financiamento do programa GMES fóra do marco financeiro plurianual despois de 2014.
  • Novembro de 2011: A Comisión de Comunicacións sobre o GMES e as súas operacións (a partir de 2014)" presenta as propostas da Comisión para o futuro financiamento, goberno e funcionamento do programa GMES para o período 2014-2020. A Comisión propón a creación dun fondo GMES específico, similar ao modelo elixido para o Fondo Europeo de Desenvolvemento, con contribucións financeiras de todos os Estados membros, sobre a base da súa Renda Nacional Bruta (RNB).
  • Decembro de 2012: a Comisión anuncia o cambio de nome a Copérnico.
  • Outubro de 2014: a ESA e a Comisión Europea establecen un orzamento para o Programa Copérnico cubrindo os anos 2014-2020 dentro do marco financeiro plurianual. O orzamento achega un total de 4300 millóns de euros, incluídos 3150 millóns de euros para a ESA para cubrir as operacións da rede de satélites e a construción dos restantes satélites.
  • Xaneiro de 2019: anuncio dun aumento do financiamento (96 M€) por acordo coa UE, acadando 3,24 mil millóns de € para o período 2014–21.[2]

Misións de observación terrestreEditar

Misións SentinelEditar

A Axencia Espacial Europea está na actualidade desenvolvendo 6 (+1) misións baixo o programa Sentinel. As misións Sentinel inclúen observacións por radar e imaxes de amplo espectro para a vixilancia de continentes, océanos e a atmosfera. Cada misión Sentinel está constituída por 2 satélites para asegurar que cobren o establecido para cada misión, xerando unha robusta base de dados para os servizos Copernicus.

Resume dos obxectivos das misións Sentinel:

  • Sentinel-1 prové as imaxes de radar para a información meteorolóxica durante o día e a noite nos continentes e océanos. O primeiro, Sentinel-1A, foi lanzado con éxito o 3 de abril de 2014 pola axencia Arianespace nun foguete espacial Soyuz, desde o porto espacial de Kourou. O segundo, Sentinel-1B, foi lanzado da mesma forma o 25 de abril de 2016. Xa están contratados os dous seguintes (1C e 1D). De xeito recente (2019) foi usado para seguir a deformación do chan arredor do monte Agung despois da súa última erupción.[3]
  • Sentinel-2 prové de imaxes ópticas de alta resolución para servizos terrestres (por exemplo, monitorización da vexetación, chan, zonas acuáticas interiores, ríos, lagos, e rexións costeiras). O primeiro, Sentinel-2A, foi lanzado o 23 de xuño de 2015. O segundo, Sentinel-2B, foi lanzado o 7 de marzo de 2017, ambos a bordo do vehículo de lanzamento Vega, desde o Porto espacial de Kourou. Cada satélite transporta unha cámara de alta resolución que toma imaxes da Terra en 13 bandas espectrais. A misión é usada para seguir os cambios no uso da terra e facer seguimento da vexetación.[4]
  • Sentinel-3 prové de servizos globais de monitorización da Terra e os océanos. O primeiro, Sentinel-3A, foi lanzado o 16 de xaneiro de 2016 a bordo dun foguete Rokot desde o Cosmódromo de Plesetsk, en Rusia. O segundo, Sentinel-3B, foi lanzado da mesma forma o 25 de abril de 2018.
  • Sentinel-4 será un espectrómetro nas bandas visible e infravermello próximo, que será montado o satélite Meteosat de 3ª xeración (MTG) e será usado para a monitorización da atmosfera só da zona europea. Desde a súa órbita xeoestacionaria, devolverá datos cada hora sobre gases contaminantes, ozono, radiación ultravioleta e vixilancia climática en xeral. Será lanzado en 2021.
  • Sentinel-5 precursor, conxunto previo ó Sentinel-5, ten como principal obxectivo substituír a falta de datos atmosféricos durante o período comprendido entre a perda do Envisat en 2012 até a posta en órbita do Sentinel-5 en 2021. As medidas serán tomadas polo espectrómetro Tropomi.
  • Sentinel-5 proverá de monitorización da composición atmosférica a nivel global e será embarcado a bordo do satélite MetOp de segunda xeración de EUMESAT, que será lanzado en 2021.
  • Sentinel-6 é un intento de substituír o altímetro de alta precisión do satélite Jason-3. Servirá para medir a topografía dos océanos a nivel mundial, unha indicador clave do cambio climático, e moi interesante para estudos oceanográficos.

NotasEditar

  1. "ESA, Earth observation: first Copernicus satellite Sentinel 1A". European Commission. 
  2. esa. "New financial resources for Copernicus space component". European Space Agency (en inglés). Consultado o 2019-01-22. 
  3. esa. "Copernicus Sentinel-1 reveals shared plumbing led to Agung awakening". European Space Agency (en inglés). Consultado o 2019-02-22. 
  4. "Northeast Kenya". European Space Agency (en inglés). Consultado o 2019-02-08. 

Véxase taménEditar

Outros artigosEditar

Ligazóns externasEditar