Premio Begoña Caamaño

O Premio Begoña Caamaño á acción cultural pola igualdade de xénero é un recoñecemento ás persoas e iniciativas culturais e artísticas que promoven socialmente a igualdade de xénero desde o campo da cultura. Está convocada pola Deputación da Coruña en memoria da xornalista, escritora, activista cultural e feminista galega Begoña Caamaño.[1]

Comezou a convocarse no ano 2017 e está dotado con 6.500 euros[2]

Iniciativas premiadas editar

  • 2017: libraría de mulleres Lila de Lilith. O xurado destacou que a Lila de Lilith, promovida por Patricia Porto Paderne, supón “un punto de encontro e traballo dos feminismos, unha aposta económica en momento de crise en que a actividade feminista e cultural era escasa, que contribuíu a dinamizar urbanística e economicamente a súa contorna demostrando que o feminismo é unha alternativa que xera traballo e riqueza cunha demanda consolidada no tempo”. Insistiu na súa condición de “única libraría feminista de Galiza que é xa un referente na cultura pola igualdade”.[3][4]
  • 2018: premio ex aequo. O xurado destacou que as dúas candidaturas defenden, desde o ámbito da cultura, unha "perspectiva feminista cun grande impacto"[5] Dunha banda a Implicadas no Desenvolvemento recoñéceselle "unha traxectoria sólida de vinte anos no ámbito da cooperación cultural, con proxectos de especial interese no encontro de culturas". Trátase, segundo anotan na explicación do fallo, dunha "proposta que crea pontes culturais mediante a relación de actividades de Galicia con colectivos do Sul, poñendo en cuestión as relacións de poder e hexemonía cultural".[6] Doutra banda de Elas tamén pintan o xurado destacou "unha iniciativa promovida por xente nova que, mesmo cunha traxectoria aínda curta, presenta unha aposta clara nun ámbito moi novidoso e atractivo en que levan a ilustración ás rúas cunha presenza importante das mulleres e a implicación dos barrios en que actúan".[6]
  • 2019: Asociación Observatorio da Mariña pola Igualdade. O xurado destacou a "longa traxectoria do Observatorio da Mariña pola Igualdade, a súa interseccionalidade, a pluralidade e o impacto directo e amplo do seu labor en todos os ámbitos da sociedade". Tamén destaca a necesidade de "recoñecer iniciativas como esta que nacen na periferia, á marxe do ámbito urbano de referencia que parece ser o eixo atlántico. Valorouse o traballo feito por mulleres que desenvolven unha actividade intensa pola igualdade sen se atopar nos centros de decisión máis visíbeis". Desde o 8 de marzo de 2008 o Observatorio da Mariña pola Igualdade traballa de maneira continuada a favor da promoción da igualdade de xénero tamén desde o eido cultural, contribuíndo coas súas actividades a visualizar as mulleres en sectores de relevancia económica, social e cultural.[7]
  • 2020: A Panadaría Teatro. O xurado outorgoulle este recoñecemento á compañía que levou a escena, entre outros proxectos, a historia do matrimonio de Elisa e Marcela. O premio recoñece o "carácter intrinsecamente feminista desde a súa configuración empresarial até as súas prácticas laborais e estéticas, pasando polo seu traballo de creación de redes con diversos colectivos, nun contexto de estruturas fondamente patriarcais". Do mesmo xeito, o fallo salienta a "proposta arriscada e innovadora que explora o efecto multiplicador do teatro e a capacidade que este ten para a transformación social", e apunta que A Panadaría leva a súa creación por diferentes espazos, non sempre amábeis, e amosa unha estética fondamente feminista de traballo corporal comprometida coa diversidade sexual e cun aproveitamento extremo de escasos recursos". Areta Bolado, Ailén Kendelman e Noelia Castro conforman esta compañía fundada en 2013 e que obtivo xa múltiplos recoñecementos polo seu traballo.[8][9]
  • 2021: Asociación Ambar. Polo seu labor para eliminar a dupla discriminación de ser muller e ter diversidade funcional.[10]

Notas editar

  1. "Premio "Begoña Caamaño" á acción cultural pola igualdade de xénero". www.dacoruna.gal. Consultado o 2020-10-21. 
  2. "Premio Begoña Caamaño á Mellor Iniciativa Cultural pola Igualdade de Xénero". Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional. 16/5/2017. 
  3. "Lila de Lilith gana el premio a la mejor iniciativa cultural por la igualdad". El Correo Gallego (en castelán). 3/10/2017. 
  4. "A Libraría de Mulleres Lila de Lilith gaña o I Premio Begoña Caamaño á mellor Iniciativa Cultural pola Igualdade". EL NOTICIERO DE ARTEIXO (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 27 de outubro de 2020. Consultado o 2020-10-24. 
  5. ""Implicadas no Desenvolvemento" e "Elas tamén pintan" gañan o Premio Begoña Caamaño da Deputación da Coruña". EL NOTICIERO DE ARTEIXO (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 27 de outubro de 2020. Consultado o 2020-10-24. 
  6. 6,0 6,1 ""Implicadas no Desenvolvemento" e "Elas tamén pintan" gañan o Premio Begoña Caamaño da Deputación da Coruña". Deputación da Coruña. 10/10/2018. Arquivado dende o orixinal o 11/10/2018. Consultado o 11/10/2018. 
  7. "O Observatorio da Mariña pola Igualdade gaña o Premio Begoña Caamaño". www.nosdiario.gal. Consultado o 2020-10-24. 
  8. Reimóndez, María. "Panadeiras!". Nós Diario. Consultado o 2020-10-21. 
  9. "A Deputación da Coruña anunciou esta mañá o galardón á compañía teatral". culturagalega.org (en castelán). 2020-10-16. Consultado o 2020-10-24. 
  10. "O uso das artes para a integración da Asociación Ambar, V Premio Begoña Caamaño". Nós Diario. Consultado o 2021-06-30. 

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar