Praia de San Pedro

A praia de San Pedro é un areal situado na parroquia de Canduas, en Cabana de Bergantiños, a carón da praia de Rebordelo. Está bañada pola ría de Corme e Laxe.

Chégase a ela desde o lugar de San Pedro, se ben non ten un acceso fácil.

Entre a súa flora e fauna están as especies comúns de moitos areais galegos, con peixes como o pinto (Labrus bergylta), a robaliza (Dicentrarchus labrax) ou o sargo (Diplodus sargus); crustáceos como o camarón, cangrexo e boi; moluscos como o mexillón (Mytilus galloprovincialis), a lapa ou o percebe; e aves como a gaivota, o corvo mariño ou o mazarico.

Apenas recibe a visita de bañistas, e está en estado virxe e natural. Está encaixada entre dous brazos montañosos que a resgardan dos ventos. Non conta cos servizos de aparcadoiro, duchas nin socorrismo.