Portal:Reino Unido/Biografía destacada/2

Guy Fawkes (/ˈɡ ˈfɔːks/), nado en York en 1570 e finado o 31 de xaneiro de 1606, tamén coñecido coma Guido Fawkes, nome que adoptou cando loitou no bando español, foi un membro dun grupo de católicos ingleses que planearon a fracasada conspiración da pólvora de 1605. Educouse na súa cidade natal de York. O seu pai faleceu cando el tiña 8 anos de idade, e tras isto a súa nai casou cun católico recusante. Fawkes converteuse ó catolicismo e viaxou ó continente, onde loitou na guerra dos Oitenta Anos no bando do Imperio Español católico contra os neerlandeses protestantes nos Países Baixos. Viaxou ata España procurando apoio para unha rebelión católica en Inglaterra sen éxito, onde coñeceu a Thomas Wintour, con quen retornou a Inglaterra.

Wintour presentoulle a Robert Catesby, quen planeaba asasinar o rei Xacobe I e instaurar unha monarquía católica no trono. Os conspiradores alugaron unha cripta baixo a cámara dos lords, e Fawkes quedou ó cargo da pólvora que almacenaron alí. As autoridades, tras recibir unha carta anónima, comezaron unha procura no Palacio de Westminster nas primeiras horas do 5 de novembro, e atoparon a Fawkes protexendo os explosivos, tralo que foi arrestado. Nos días seguintes foi interrogado e torturado, confesando eventualmente. Xusto antes da súa execución o 31 de xaneiro Fawkes caeu da plataforma dende a que ía ser aforcado e partiu o pescozo, evitando así a agonía da subsecuente mutilación.

Fawkes pasou a ser sinónimo da conspiración da pólvora, fracaso polo que se conmemora en Inglaterra dende o 5 de novembro de 1605. Tradicionalmente quéimase a súa efixie nunha fogueira, habitualmente acompañada de fogos artificiais. Segundo Lewis Call, Fawkes está considerado coma "un instrumento potencialmente poderoso para a articulación do anarquismo posmoderno", exemplificado na máscara do protagonista da banda deseñada V for Vendetta e do filme homónimo.