Portal:Portugal/Artigo destacado/1

O portugués é unha lingua romance nada na alta Idade Media na Gallaecia, que agora é Galiza e o norte de Portugal. Estendeuse polo mundo nos séculos XV e XVI, na época en que Portugal fundou un imperio colonial, incluíndo o Brasil en Suramérica, Goa na India e Macau na China. Daquela xurdiron tamén varias linguas crioulas baseadas no portugués, sobre todo en África, Asia e o Caribe.

Hoxe en día é unha das linguas do mundo máis faladas, ocupando a sexta posición en canto a falantes como primeira lingua (uns 250 millóns). É a lingua con maior número de falantes en Suramérica (más de 200 millóns), así como unha importante lingua franca en África.

O portugués é lingua oficial de nove países - Portugal, Brasil, Angola, Cabo Verde, Guinea-Bissau, Guinea Ecuatorial, Mozambique, San Tomé e Príncipe e Timor Leste, sendo cooficial co español e francés en Guinea Ecuatorial, co chinés na rexión Especial Administrativa Chinesa de Macau, e co tetum en Timor Leste.

O galego e o portugués eran a mesma lingua, o galego-portugués, até como mínimo os séculos XII-XIII. Hoxe en día o galego e o portugués considéranse oficialmente como dúas linguas distintas, aínda que existen posicións diferentes, incluíndo un movemento social chamado reintegracionismo, que afirma que o galego e o portugués son simplemente dúas variantes da mesma lingua.