Portal:Cine/Biografía destacada/arquivo

Aquí están todas as biografías destacadas no portal Cine:

Marilyn Monroe, de nome real Norma Jeane Mortensen, nada nos Ánxeles o 1 de xuño de 1926 e finada na mesma cidade o 5 de agosto de 1962, foi unha actriz, modelo e cantante estadounidense. Converteuse nun importante sex symbol, protagonizando un bo número de exitosos filmes durante a década de 1950 e principios da de 1960, chegando a ser unha das actrices de Hollywood máis famosas de todos os tempos.

Interpretou o papel principal nas comedias How to Marry a Millionaire (Como casar cun millonario, 1953), The Seven Year Itch (1955) e Bus Stop (1956), e grazas ao éxito de público destas películas, comezou a ser considerada como unha das actrices máis rendibles da industria cinematográfica. O seu maior éxito comercial foi Some Like it Hot (1959), filme polo que gañou o Globo de Ouro á mellor actriz de comedia.

Monroe faleceu o 5 de agosto de 1962 por mor dunha sobredose de barbitúricos, en circunstancias nunca esclarecidas. A primeira hipótese que manexou a xustiza estadounidense foi a do suicidio, pero nunca puido ser corroborada.

O American Film Institute considéraa a sexta mellor estrela de cine feminina de todos os tempos.


Ingmar Bergman, nado en Uppsala o 14 de xullo de 1918 e finado en Fårö o 30 de xullo de 2007, foi un recoñecido director e dramaturgo sueco. É considerado unha das personalidades máis eminentes da cinematografía mundial.

Dirixiu máis de sesenta películas e documentais para a televisión e o cine, os guións dos cales tamén escribía, e dirixiu unhas cento setenta obras de teatro. Na súa compañía de actores atópanse Harriet AnderssonLiv UllmannGunnar BjörnstrandBibi AnderssonErland JosephsonIngrid Thulin e Max von Sydow. Gran parte das súas películas foron rodadas en Suecia.

As súas dúas paixóns foron o teatro e mailo cine. Por esta última foi recoñecido mundialmente até que en 1983 se retirou da dirección cinematográfica con Fanny e Alexander (3 premios Oscar). Dende entón colaborou en guións e sobre todo escribiu ensaio máis ou menos autobiográficos: Imaxes ou Lanterna Máxica, entre outras. No ano 1997 o Festival Internacional de Cine de Cannes, que celebraba o seu 50 aniversario, concedeulle a Palma das Palmas, unha "Palma de honor" só outorgada naquela ocasión, que lle entregaron todos os galardoados até entón coa Palma de Ouro que se puideron reunir en Cannes.


Audrey Hepburn, nada como Audrey Kathleen Ruston o 4 de maio de 1929 en Ixelles, e finada o 20 de xaneiro de 1993 en Tolochenaz, Vaud, foi unha actriz británico-belga que realizou a meirande parte da súa carreira artística nos Estados Unidos. Tamén foi moi activa como embaixadora de UNICEF. É considerada polo American Film Institute como a terceira mellor estrela feminina de tódolos tempos.

Logo de aparecer en varias películas británicas e protagonizar a obra de Broadway de 1951, Gigi, Hepburn interpretou o papel principal de Vacacións en Roma (1953), o cal valeulle un Oscar á mellor actriz. Máis tarde actuando en películas de éxito como Sabrina (1954), Historia dunha monxa (1959), Breakfast at Tiffany's (1961), Charada (1963), My Fair Lady (1964) e Wait Until Dark (1967), Hepburn recibiu nomeamentos aos premios Oscar, Globo de Ouro e BAFTA e devindicou un premio Tony pola súa actuación teatral na obra de Broadway de 1954, Ondina. Hepburn segue sendo unha das poucas persoas que gañaron un Óscar, un Emmy, un Grammy e un Tony. Hepburn foi a primeira actriz en gañar un Oscar, un Globo de Ouro e un premio BAFTA por unha soa actuación: Vacacións en Roma en 1954.

Apareceu en menos películas a medida que a súa vida seguiu, dedicando gran parte da súa vida posterior a Unicef. Foi galardonada coa Medalla Presidencial da Liberdade en recoñecemento ao seu labor como Embaixadora de boa vontade de Unicef a finais de 1992. Un mes máis tarde, Hepburn morreu de cancro apendicular na súa casa en Suíza a principios de 1993 á idade de 63 anos.


Sir Charles Spencer "Charlie" Chaplin, nado en Walworth (Londres, Inglaterra) o 16 de abril de 1889 e finado en Corsier-sur-Vevey (Suíza) o 25 de decembro de 1977, foi un actor, director de cine e compositor inglés que acadou a fama na era do cine mudo. Converteuse nunha icona mundial a través da súa personaxe "Charlot" (The Tramp en inglés, "O vagabundo"), e é considerado unha das figuras máis importantes da historia da industria do cine. A súa carreira abrangue máis de 75 anos, dende a súa nenez na época vitoriana ata un ano antes da súa morte ós 88 anos.

A súa primeira longametraxe foi The Kid ("O neno", 1921). Rexeitou adaptarse ó cine sonoro durante a década dos anos 1930, producindo filmes sen diálogo. A década de 1940 estivo marcada polas controversias e a súa popularidade decaeu rapidamente. Foi acusado de ter simpatías comunistas e de casar con mulleres moito máis novas ca el, ó tempo que sufriu un escándalo de paternidade. O FBI abriulle unha investigación, e Chaplin foi forzado a deixar os Estados Unidos e asentarse en Suíza.

Chaplin escribiu, dirixiu, produciu, editou, protagonizou e mais compuxo a música de moitos dos seus filmes. Os seus primeiros filmes caracterízanse polo estilo slapstick combinado co pathos, tipificados nas andainas de Charlot contra a adversidade. Así mesmo, nos seus filmes trataba temas políticos, sociais e autobiográficos. En 1972, como parte dunha renovada apreciación do seu traballo, recibiu un "Oscar honorífico" polo "incalculable efecto na arte de facer filmes durante este século".


Portal:Cine/Biografía destacada/5

Portal:Cine/Biografía destacada/6

Portal:Cine/Biografía destacada/7

Portal:Cine/Biografía destacada/8

Portal:Cine/Biografía destacada/9

Portal:Cine/Biografía destacada/10