Portal:Ópera/Artigo destacado/arquivo

Aquí están todos os artigos destacados no portal Ópera:

1 editar

Tristan und Isolde (en galego, Tristán e Isolda) é unha ópera en tres actos con música e libreto en alemán de Richard Wagner, baseado en boa parte no romance de Gottfried von Strassburg. Foi composta entre 1857 e 1859 e estreada en München o 10 de xuño de 1865 baixo a batuta de Hans von Bülow. Wagner non a chamaba ópera senón Eine Handlung (drama musical). Forma parte do Canon de Bayreuth.

A composición de Wagner de Tristan und Isolde foi inspirada pola súa aventura con Mathilde Wesendonck e a filosofía de Arthur Schopenhauer. Recoñecida amplamente como un dos cumios do seu repertorio operístico, Tristan und Isolde destaca polo uso avanzado que fai Wagner do cromatismo, a tonalidade, a cor orquestral e a suspensión harmónica. O primeiro acorde da ópera, chamado o «acorde de Tristán», considérase de grande importancia no desenvolvemento da harmonía tonal tradicional.

A ópera foi moi influente entre os compositores occidentais e serviu de inspiración a compositores como Gustav Mahler, Richard Strauss, Karol Szymanowski, Alban Berg ou Arnold Schoenberg. Moitos ven Tristan und Isolde como o comezo da fin da harmonía convencional e a tonalidade, e consideran que establece a base do movemento atonal característico do século XX.


2 editar

Wolfgang Amadeus Mozart compuxo 22 óperas en diferentes xéneros. As súas óperas van desde as obras a pequena escala –derivadas das que compuxo na súa xuventude– ás óperas de maior envergadura da súa madurez. Tres das obras foron abandonadas antes de rematar a súa composición e non foron representadas ata moitos anos despois da morte do compositor. Todas as súas óperas de madurez son consideradas obras clásicas e sempre formaron parte do repertorio dos teatros de ópera de todo o mundo.

Segundo o analista operístico David Cairns, Mozart tivo dende unha idade moi temperá "unha extraordinaria capacidade [...] para aproveitar e asimilar calquera estilo recentemente aparecido que fora máis útil para el». Nunha carta do compositor a seu pai o 7 de febreiro de 1778 escribiu: "Como sabes, podo adoptar ou imitar máis ou menos calquera clase e estilo de composición». Empregou o seu don para innovar, converténdose simultaneamente en "asimilador, perfeccionador e innovador".


3 editar

L'Orfeo (SV 318), ás veces chamada La favola d'Orfeo, é unha favola in musica ou ópera de finais do Renacemento/principios do Barroco, con música de Claudio Monteverdi e libreto en italiano de Alessandro Striggio. Está baseada na lenda grega de Orfeo, conta a historia do seu descenso ao Hades e o seu infrutuoso intento de devolver á súa muller morta Eurídice ao mundo dos vivos. Foi escrita en 1607 para unha representación na corte durante o Carnaval anual de Mantua. Mentres que Dafne de Jacopo Peri é xeralmente recoñecida como a primeira ópera, e Euridice de Peri a ópera máis antiga que sobreviviu, L'Orfeo é a máis antiga que se continúa a representar con frecuencia.

A principios do século XVII o intermedio—unha secuencia musical entre os actos dunha obra de teatro—estaba evolucionando cara a forma dun drama musical completo ou "ópera". L'Orfeo de Monteverdi sacou este proceso da súa era experimental e proporcionou o primeiro exemplo completamente desenvolvido do novo xénero. Logo da súa representación inicial, a obra foi posta en escena de novo en Mantua, e posiblemente noutros centros italianos nos seguintes anos. A súa partitura foi publicada por Monteverdi en 1609, e novamente en 1615. Logo da morte do compositor en 1643 a ópera deixou de representarse durante anos, e foi esquecida ata que no século XIX o interese nela viviu un renacemento que levou a novas edicións e representacións.

Na súa partitura publicada Monteverdi enumera ao redor de 41 instrumentos para a súa execución, con distintos grupos de instrumentos empregados para representar escenas e personaxes en concreto. Así as cordas, clavicémbalo e frautas de bico representa os campos pastorais de Tracia coas súas ninfas e pastores, mentres que os metais ilustran o inframundo e os seus habitantes. Composta no punto de transición do Renacemento ao Barroco, L'Orfeo emprega todos os recursos coñecidos na arte da música, cun emprego particularmente atrevido da polifonía. A obra non está orquestrada como tal; na tradición renacentista os instrumentistas seguían as instrucións xerais do compositor, mais dábaselles unha considerable liberdade para improvisar.


4 editar

Schachnovelle é unha ópera nun acto composta entre 2010 e 2012 por Cristóbal Halffter con libreto en alemán de Wolfgang Haendeler, baseado na novela homónima de Stefan Zweig. A obra, terceira ópera do compositor español, foi un encargo do Theater Kiel e a Ernst von Siemens Musikstiftung, e foi representada por primeira vez na Opernhaus de Kiel (Alemaña) o 18 de maio de 2013. O compositor adicoulle a ópera ao seu fillo Pedro.

A obra está encadrada no grupo de óperas de Halffter denominado ás veces como Kieler Trilogie (Triloxía de Kiel), xunto ás dúas primeiras óperas do compositor madrileño: Don Quijote e Lázaro. As tres obras de Halffter teñen como denominador común as súas representacións na ópera da cidade alemá. Se ben Don Quijote foi estreada no Teatro Real de Madrid e recuperada para o teatro alemán, Lázaro e Schachnovelle foron estreadas na Opernhaus Kiel.

A ópera ten unha duración aproximada de 115 minutos


5 editar

Portal:Ópera/Artigo destacado/5

6 editar

Portal:Ópera/Artigo destacado/6

7 editar

Portal:Ópera/Artigo destacado/7

8 editar

Portal:Ópera/Artigo destacado/8

9 editar

Portal:Ópera/Artigo destacado/9

10 editar

Portal:Ópera/Artigo destacado/10