Pegusa lascaris
Pegusa lascaris Areeiro, linguado areeiro | |||||||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Clasificación científica | |||||||||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||||||||||||
Pegusa lascaris Risso, 1810 |
Pegusa lascaris (Risso, 1810) é unha especie de peixe teleósteo da orde dos pleuronectiformes, suborde dos pleuronectoideos e familia dos soleidos,[1] coñecida en galego como areeiro,[2][3] linguado areeiro,[3] e acedía.[4][5]
É unha especie moi semellante a P. nasuta, o linguado do mar Exeo, coa que adoito se confunde, e tamén ao linguado común (Solea solea), tanto en aparencia como en costumes,[4] que habita nas costas do Atlántico nororiental e suroriental, até o golfo de Guinea polo sur, e tamén nas do mar Mediterráneo.
Taxonomía
editarA especie foi descrita en 1810 polo naturalista nizardo Giuseppe Antonio Risso, coñecido como Antoine Risso, co nome de Pleuronectes lascaris,[1] na súa obra Ichthyologie de Nice ou histoire naturelle des poissons du département des Alpes-Maritimes, publicada en París.[6]
Sinónimos
editarAdemais de polo nome orixinario que lle impuxo Risso, a especie coñécese tamén polos sinónimos:[1]
- Solea aurantiaca Günther, 1862
- Solea auriantiaca Günther, 1862 (incorrecto gramaticalmente)
- Solea brasiliensis Kaup, 1858
- Solea lascaris (Risso, 1810)
- Solea scriba Valenciennes, 1837
- Solea vermeuleni Metzelaar, 1919
Descrición
editarMoi semellante a Pegusa nasuta, é un linguado de até 40 cm de lonxitude,[5][7][8] aínda que os espécimes capturados non adoitan superar os 30 cm.[9]
As súas principais características morfolóxicas son:[5][10]
- O seu corpo é ovalado, co fociño saínte, prolongándose cara a abaixo en forma de gancho.
- O corpo está cuberto de escamas moi pequenas provistas de curtas espínulas que fan que a pel do animal sexa algo áspera.
- Os ollos son pequenos e arredondados, o superior en posición máis avanzada que o inferior.
- A columna vertebral está conformada por de 40 a 48 vértebras.
- A aleta dorsal está sustentada por de 69 a 87 raios, e a anal por de 53 a 73.
- A aleta dorsal orixínase en pleno rostro, case á altura do bordo anterior do ollo superior.
- As aletas dorsal e anal, na súa parte posterior, chegan até a base da aleta caudal.
- Ambas as aletas pectorais son do mesmo tamaño, exhibindo a do lado pigmentado unha mancha negra, ovalada, na súa porción distal.
- A rama supratemporal da liña lateral forma un arco.
- A coloración do seu lado pigmentado é amarelada salferida de pequenos puntos negros. A do lado cego é branca.
Bioloxía
editarHábitat e distribución
editarÉ un peixe que habita en augas subtropicais, mariñas e salobres, demersal e oceanódromo, a profundidades de entre os 5 e os 350 m,[7][8] preferentemente entre os 20 e os 50 m, sobre fondos areosos e lamacentos.[5] nas costas do Atlántico nororiental, desde Dinamarca polo norte, até o norte de Marrocos, polo sur, incluíndo as do mar Mediterráneo,[8] e o mar Negro. A súa presenza está documentada no mar de Azov e no canal de Suez, e a súa área de dispersión no Altántico quizais alcance o golfo de Guinea.[10]
Reprodución
editarNa parte occidental do canal da Mancha a desova prodúcese entre os meses de maio e xullo, e algo máis cedo cara ao sur.[8]
Lonxevidade
editarA idade máxima rexistrada para esta especie foi de 15 anos.[11]
Nutrición
editarA dieta de Pegusa lascaris inclúe unha ampla gama de pequenos invertebrados bentóncios: bivalvos, crustáceos (anfípodos, misidáceos, camaróns, decápodos), e vermes poliquetos.[7][8]
Pesca
editarPegusa nasuta é unha especie de certa importancia comercial, especialmente nas pescarías da parte sur da súa área de distribución.[8]
Captúrase nas áreas de pesca 27, 34, 37 e 41 (Atlántico nordeste, Atlántico centro-leste, Mediterráneo e mar Negro e Atlántico suroeste, respectivamente).[3]
Notas
editar- ↑ 1,0 1,1 1,2 Pegusa lascaris (Risso, 1810) no WoRMS,
- ↑ areeiro, 5ª acep. no dicionario da RAG,
- ↑ 3,0 3,1 3,2 Lahuerta e Vázquez (2000), p. 85.
- ↑ 4,0 4,1 Rodrígues Solórzano et al. (1983), pp. 189-190.
- ↑ 5,0 5,1 5,2 5,3 Rodríguez Villanueva, X. L. e Xavier Vázquez (1992): Peixes do mar de Galicia. (III) Peixes óseos (continuación). Vigo: Edicións Xerais de Galicia. ISBN 84-7507-654-8, pp. 314-315.
- ↑ Ichthyologie de Nice, ou, Histoire naturelle des poissons du département des Alpes Maritimes.
- ↑ 7,0 7,1 7,2 Quéro, J.-C., M. Desoutter & F. Lagardère (1986): "Soleidae", pp. 1308-1324 en P. J. P. Whitehead, M.-L. Bauchot, J.-C. Hureau, J. Nielsen & E. Tortonese, eds. Fishes of the North-eastern Atlantic and the Mediterranean. UNESCO, Paris. Vol. 3.
- ↑ 8,0 8,1 8,2 8,3 8,4 8,5 Muus, Bent J. et al (1998), p. 275.
- ↑ Quéro, J.-C. (1981): "Soleidae" en W. Fischer, G. Bianchi & W. B. Scott, eds. FAO species identification sheets for fishery purposes. Eastern Central Atlantic; fishing areas 34, 47 (in part). Department of Fisheries and Oceans Canada and FAO. Vol. 4.
- ↑ 10,0 10,1 Pegusa lascaris (Risso, 1810) en FishBase.
- ↑ Deniel, C. (1990): "Comparative study of growth of flatfishes on the west coast of Brittany". J. Fish Biol. 37 (1): 149-166.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Pegusa lascaris |
Bibliografía
editar- Ben-Tuvia, A. (1990): "A taxonomic reappraisal of the Atlanto-Mediterranean soles Solea solea, S. senegalensis and S. lascaris". J. Fish Biol. 36 (6): 947-960.
- Lahuerta Mouriño, F. e Vázquez Álvarez, F. X. (2000): Vocabulario multilingüe de organismos acuáticos. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia / Termigal. ISBN 84-453-2913-8.
- Muus, Bent J.; Jørgen G. Nielsen; Preben Dahlstrøm e Bente O. Nyström (1998): Peces de mar del Atlántico y del Mediterráneo. Barcelona: Ediciones Omega. ISBN 84-282-1161-2.
- Rodríguez Solórzano, Manuel; Sergio Devesa Regueiro e Lidia Soutullo Garrido (1983): Guía dos peixes de Galicia. Vigo: Editorial Galaxia. ISBN 84-7154-433-4.
- Rodríguez Villanueva, X. L. e Xavier Vázquez (1992): Peixes do mar de Galicia. (III) Peixes óseos (continuación). Vigo: Edicións Xerais de Galicia. ISBN 84-7507-654-8.
- van der Land, J.; Costello, M. J.; Zavodnik, D.; Santos, R. S.; Porteiro, F. M.; Bailly, N.; Eschmeyer, W. N. & Froese, R. (2001): "Pisces", en: Costello, M. J. et al., eds.: European register of marine species: a check-list of the marine species in Europe and a bibliography of guides to their identification. Collection Patrimoines Naturels, 50: 357-374. París: Muséum national d'Histoire naturelle. ISBN 2-85653-538-0.
Outros artigos
editarLigazóns externas
editar- Pegusa lascaris na EOL. Con informacións, numeroisas imaxes e mapas de distribución (en inglés).