Abrir o menú principal

O pazo ou convento de San Lourenzo de Trasouto é un pazo e antigo mosteiro franciscano localizado a rentes da carballeira de San Lourenzo, na cidade de Santiago de Compostela. O conxunto conta cun recinto amurallado que ocupa unha superficie de máis de 40.000 m²; está incluído desde 1979 coma Ben de Interese Cultural - Patrimonio Artístico Nacional. Salienta o seu xardín de buxos.

Pazo de San Lourenzo de Trasouto
Mosteiro de San Lourenzo Trasouto (detalle del claustro).JPG
ConcelloSantiago de Compostela
ProvinciaA Coruña
ComunidadeGalicia
Coordenadas42°52′41″N 8°33′35″O / 42.878055555556, -8.5597222222222Coordenadas: 42°52′41″N 8°33′35″O / 42.878055555556, -8.5597222222222
Estilo arquitectónico
Estilo orixinal(Románico, século XIII)
Estilo actual(románico e posteriores estilos/reformas)
Estado actualen bo estado
Véxase tamén
Pazos de Galicia
editar datos en Wikidata ]

Historia e arquitecturaEditar

Foi mandado construír polo bispo de Zamora Martín Arias, en 1216 (século XIII), cando fundou unha ermida. Nel pasou unha noite o emperador Carlos V en 1520. Desde o século XV é propiedade dos Condes de Altamira, que o cederon á Orde Franciscana. No século XVIII foi construído o claustro, a sancristía e foi erixido un cruceiro, téndose alterado a planta da igrexa a cruz latina, cunha nave en catro tramos e bóvedas de canón. Da igrexa románica consérvanse tres tramos da nave e o pórtico da entrada.

Salienta o altar maior cun fermoso retablo feito en mármore de Carrara, executado en Xénova[1] cara a 1526, probablemente polos irmáns lombardos Antonio Maria e Giovanni Antonio di Aprile, xunto a Pier Angelo della Scala di Carona[2]. Estivo orixinalmente na capela maior do convento chamado Casa Grande de San Francisco de Sevilla (no soar do que hoxe é a Plaza Nueva), de onde foi trasladado por orde da condesa de Altamira, María Eugenia Osorio-de Moscoso Carvajal (1834-1892) en xullo de 1879. O conxunto de mármore foi traído desde Sevilla ata o porto do Carril, sendo instalado polos artistas locais Agustín Rodríguez (carpinteiro) e Vicente Picón (escultor), baixo a dirección e planos do arquitecto Agustín Ortiz de Villajos, que tivo que adaptalo ao espazo dispoñible. A igrexa co "novo" retablo inaugurouse o 9 de agosto de 1883[3]. Non obstante, o propio retablo orixinal do mosteiro, en estilo churrigueresco do século XVIII[4], foi doado pola condesa a unha igrexa do rural sevillano[5].

No cruceiro existen outros dous retablos, tamén de orixe sevillano. O do Evanxeo ten a estética do século XVI, cunha representación da Virxe da Cadeira, lembrando á obra de Jerónimo Hernández, e unha copia dun lenzo de Bartolomé Esteban Murillo, Os nenos da cuncha; mentres tanto, o da Epístola ten trazas de pertencer ao segundo terzo do século XVIII, representándose a Santa Ana ensinando a ler á Virxe, nun estilo próximo ao escultor José Montes de Oca. Salienta tamén e a imaxe da Virxe co Neno, obra do escultor Juan Martínez Montañés.

A portada lateral data de 1760; nela atópase un nicho cunha imaxe de San Lourenzo. O claustro ten dous andares, con arcos de medio punto. etc. No lado occidental, unha escalinata de pedra conduce a unha fonte rematada por unha escultura da Virxe cuberta de hedras.

No século XIX, trala desamortización, os duques de Soma e de Medina de las Torres (actuais propietarios e descendentes dos condes de Altamira), restaurárono para o empregar coma residencia.

Malia as moitas reformas, conserva as naves románicas do primeiro edificio. Dende 1993 está rehabilitado para acoller xantares de congresos, convencións, vodas e outros actos de carácter social. O pazo é de uso privado e só se abre unicamente para actos concertados.

XardínsEditar

Ten a particularidade de se tratar dun pazo-mosteiro en cuxo claustro se atopa unha das máis importantes mostras da xardinaxe xeométrica galega: uns macizos/ sebes de buxo de catro séculos de antigüidade que foron tallados seguindo formas da fe cristiá que aínda se conservan: a cuncha de vieira de Santiago, a cruz de San Domingos, a da Orde de Calatrava, Alfa e Omega, a grella de San Lourenzo etc; tállanse dúas veces ao ano.

Malia que o bosque de buxo é o seu principal sinal de identidade, os xardíns adxacentes tamén pagan a pena a visita, xardíns umbríos e vizosos do século XIX, onde medran distintas especies autóctonas e foráneas[6].

Os xardíns conservan a orixinal traza conventual e o estilo romántico do tempo do seu deseño. Salientan ademais dos buxos, as camelias e os magnolios entre as máis de cen especies vexetais de xardíns e arboredo.

EtnografíaEditar

Rosalía de Castro canataba así sobre o pazo no seu poema San Lourenzo:

¿Onde estaba o sagrado retiro?

Percibín ruídos estraños,

Pedreiros iñan e viñan

Por aquel bosque apartado.

¡Era que unha man piadosa

Coidaba os desamparados!

Dunha ollada medín o interiore...

Todo relumbraba branco,

Cada pedra era un espello,

I o vello convento un pazo

Coberto de lindas frores.

¡Que terrible desencanto![7]

NotasEditar

  1. García-Frías Checa, Carmen (2004) [2002]. "Artistas genoveses en la pintura decorativa de grutescos". España y Génova: obras, artistas y colecionistas [Genova e la Spagna] (en castelán). Madrid: Fernando Villaverde Ediciones / Fundación Carolina. p. 59. ISBN 84-933403-4-0. Consultado o 11-10-2015. 
  2. Arciniega García, Luis (2001). El Monasterio de San Miguel de los Reyes. Biblioteca Valenciana (en castelán) II. Generalitat Valenciana / Direcció General del Llibre, Arxius i Biblioteques. p. 124. ISBN 84-482-2879-0. Consultado o 11-10-2015. 
  3. «El antiguo convento de San Lourenzo de Trasouto en Compostela», artigo de José Manuel García Iglesias, en El Correo Gallego, 22-6-2014 (en castelán).
  4. Fernández Sánchez, José María; Freire Barreiro, Francisco (2001) [1885]. Guía de Santiago y sus alrededores (en castelán). Valladolid: Editorial Maxtor. p. 394-407. ISBN 84-95636-27-1. 
  5. Revista Numen Arquivado 05 de marzo de 2016 en Wayback Machine. (en castelán).
  6. "Pazo a pazo", artigo de Marta Rivera de la Cruz en El Viajero de El País, 21 de febreiro de 2014 (en castelán).
  7. Follas Novas Xerais, 2001. pax. 237.

Véxase taménEditar

BibliografíaEditar

Ligazóns externasEditar