Parque do Laberint d'Horta

Coordenadas: 41°26′25″N 2°08′44″L / 41.440277777778, 2.1455555555556

O parque do Laberint d'Horta é un xardín histórico situado no distrito de Horta-Guinardó de Barcelona, o máis antigo que se conserva na cidade. Atópase na antiga propiedade da familia Desvalls, nunha ladeira da serra de Collserola. Iniciado en 1794 e acabado na súa primeira fase en 1808, foi obra do arquitecto italiano Domenico Bagutti. O parque inclúe un xardín neoclásico do século XVIII e un xardín romántico do século XIX.[1]

Parque do Laberint d'Horta.

Historia editar

 
Plano do labirinto.

As obras iniciáronse en 1794, cando Joan Antoni Desvalls i d'Ardena, sexto marqués de Llupià e marqués consorte de Alfarrás, propietario do terreo, creou o deseño dun xardín neoclásico coa colaboración do arquitecto italiano Domenico Bagutti. A execución das obras correu a cargo de Jaume e Andreu Valls e do xardineiro francés Joseph Delvalet.[2] Naquel entón, Sant Joan d'Horta era un concello independente, que foi anexionado á cidade de Barcelona en 1904.

A mediados do século XIX, os descendentes do marqués ampliaron o parque, baixo a dirección do arquitecto Elies Rogent, polo lado do torrente d'en Pallós, cun xardín romántico con parterres, prazas, grandes árbores e unha fervenza. Ademais, engadiuse ó xardín neoclásico unha canle de auga entre o socalco superior e o intermedio.

Os xardíns foron escenario de recepcións ós reis Carlos IV (1802), Fernando VII (1828) e Afonso XIII (1908).[3]

En 1880, creouse un xardín doméstico á beira do palacio Desvalls. A finais do século XIX, esta propiedade converteuse no escenario de veladas sociais e culturais con representacións de teatro ó aire libre: os fornelos do socalco intermedio foron escollidos por Joan Maragall para realizar representacións de teatro clásico.[3] O 10 de outubro de 1898, estreouse a traxedia Ifigenia en Tauris de Goethe, traducida por Maragall e dirixida por Adrià Gual.

En 1967, a familia Desvalls cedeu o parque ó Concello de Barcelona, que o abriu ó público en 1971, tras unha restauración efectuada por Joaquim Casamor. En 1994, foi sometido a unha nova restauración con fondos da Unión Europea, a cargo de Patrizia Falcone.

No presente, o parque é un xardín-museo cun número de visitantes limitado (máximo 750 persoas ó mesmo tempo), para preservar o ámbito natural e as estruturas da área. O antigo palacio acolle dende 1993 o Centro de Formación do Labirinto, instituto municipal para a formación en xardinaría, así como unha biblioteca especializada igualmente en xardinaxe.

En 2006 rodouse unha escena do filme O perfume do director Tom Tykwer.

Vexetación editar

Ademais do labirinto, formado por sebes de alcipreste (Cupressus sempervirens), o parque conta con numerosas especias vexetais, entre as que se atopan: buxo (Buxus sempervirens), tileiro (Tilia tomentosa), cedro do Himalaia (Cedrus deodara), teixo (Taxus baccata), cocula (Cocculus laurifolius), árbore de Xúpiter (Lagerstroemia indica), aciñeira (Quercus ilex), loureiro (Laurus nobilis), secuoia (Sequoia sempervirens), piñeiro (Pinus halepensis e Pinus pinea), carballo (Quercus robur), evónimo (Euonymus japonicus), lourentino (Viburnum tinus), pitósporo (Pittosporum tobira), agracejo do Xapón (Berberis thunbergii), hedra (Hedera helix), flor do amor (Agapanthus umbellatus), fentos (Nephrolepis exaltata), xilbarbeira (Ruscus aculeatus), freixo (Fraxinus ornus), plátano (Platanus acerifolia) etc.[4]

Elementos do parque editar

 
Estanque á saída do labirinto.

Preto da entrada do parque atópase o antigo palacio da familia Desvalls, edificio con elementos de estilo neoárabe e neogótico. Dentro deste conxunto consérvase tamén a Torre Subirana, antiga torre medieval de defensa, orixinaria do século VIII. Xunto ó palacio atópase unha fonte heráldica, cunha columna coroada por un can alado e a figura dun pelicano, así como o chamado Jardí dels boixos, no que xunto ós elementos vexetais destacan varios bustos e relevos, como os dedicados a Urano, Os continentes, O rapto de Europa e O rapto de Anfítrite.[5]

O parque, cunha superficie de 9,1 ha, está dividido en dúas partes: un xardín neoclásico e un xardín romántico. Por todas partes atópanse pezas escultóricas, algunhas con motivos da mitoloxía grega e outras con motivos rústicos, así como un gran número de fontes, chafarices e balsas de auga.

Galería de imaxes editar

Notas editar

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Añón Feliú, Carmen; Luengo, Mónica (2003). Jardines de España. Lunwerg. ISBN 84-9785-006-8. 
  • Kluckert, Ehrenfried (2007). Grandes jardines de Europa. Ullmann. ISBN 978-3-8331-6225-1.