A palleira grande ou papamerda real (Stercorarius skua, antes Catharacta skua) é unha grande ave mariña da familia dos estercoráridos.

Etimoloxía editar

O seu nome específico, skua parece que procede da palabra da lingua das illas Feroe skúvur ou skúgvur (/ˈskɪkvʊər/).[2][3] O nome da familia e do xénero Stercorarius deriva do latín e significa "excrementos", seguramente en referencia á comida que regurxitan ou soltan do bico outras aves cando son atacadas por esta especie e que esta despois come, e que parecía excrementos (o cal está relacionado tamén cun dos nomes comúns galegos: papamerda).[4]

Orixe e taxonomía editar

Os estudos xenéticos realizados atoparon sorprendentes semellanzas entre a palleira grande e a palleira pomarina (Stercorarius pomarinus), malia o seu aspecto pouco similar. Moitos ornitólogos agora cren que ou ben a palleira grande se orixinou como un híbrido entre a palleira pomarina e unha das especies do hemisferio sur,[5] posiblemente como resultado das aves errantes ou a migración ao outro lado do ecuador das especies do sur, ou ben que a palleira pomarina evolucionou por hibridación entre a palleira grande e unha pequena especie ártica. As diferenzas no ADN mitocondrial entre as palleiras grande e pomarina son unhas das máis pequenas entre calquera par de especies de vertebrados ata agora analizadas, e mesmo é menor que as diferenzas entre individuos de especies moi espalladas. A aparente capacidade de hibridación entre elas levou a moitos taxónomos a abolir o xénero separado Catharacta para as palleiras do hemisferio sur e palleira grande.[6]

Descrición editar

 
A ave mostrando as manchas brancas das ás

Mide de 50 a 58 cm de longo e ten unha envergadura de ás de entre 125 e 140 cm. Un estudo atopou que 112 machos medidos pesaban como media 1,27 kg e 125 femias 1,41 kg.[7] Os adultos teñen son marróns agrisados con manchas ou mechas e unha parte superior da cabeza negra, mentres que os individuos novos son máis marróns e sen manchas. Teñen unha cola roma e curta, e un voo poderoso. A súa chamada é un áspero hah-hah-hah-hah; tamén emiten ruídos similares a grallar. É relativamente doado distinguir esta palleira doutras do Atlántico norte como Stercorarius parasiticus, Stercorarius pomarinus e Stercorarius longicaudus. O tamaño similar ao dunha gaivota arxéntea, peito con forma de barril masivo e manchas brancas nas ás desta ave son distintivos mesmo a certa distancia. Ás veces dise que se parece algo a un miñato común. A identificación desta palleira é só complicada cando cómpre distinguila das estreitamente emparentadas palleiras grandes do hemisferio sur. Malia o seu nome, a palleira grande é algo máis pequena como media que as outras tres especies grandes de palleiras do hemisferio sur, aínda que non tanto como para poder distinguila só por iso no campo.[7] Algunhas autoridades aínda consideran que a palleira grande é conespecífica dalgunhas destas palleiras do sur, e todas elas foron separadas como grupo no xénero Catharacta, aínda que actualmente esa clasificación é pouco seguida, xa que outros propuxeron abolir o xénero Catharacta.

 
Palleira grande ameazante cando outra parella voaba demasiado preto do seu lugar de nidación (nas illas Shetland)

Reprodución editar

 
Ovo desta especie na colección do Museo de Wiesbaden

Reprodúcese en Islandia, Noruega, as illas Faroe e illas de Escocia, e algúns individuos na propia costa de Escocia e no noroeste de Irlanda. Reprodúcense nos páramos costeiros e illas rochosas, xeralmente poñendo dous ovos marróns-oliváceos con manchas en niños forrados de herba. Como outras palleiras, fan voos rasantes sobre a cabeza dos humanos ou outros animais intrusos que se acheguen aos seus niños. Aínda que non poden inflixir serios danos, esa experiencia cunha ave dese tamaño dá medo e adóitalles ser efectiva. É unha especie migradora, pasando o inverno no mar no océano Atlántico e chegando regularmente a augas de Norteamérica. Pode verse como errante en países do Mediterráneo (mesmo en Turquía), e tamén nas costas de Galicia.

Dieta editar

Comen principalmente peixe, aves, ovos, prea, vísceras, roedores, coellos e ocasionalmente bagas.

 
Palleira grande atacando un mascato (Morus bassanus) preto de Stac an Armin (St Kilda, Escocia)

Adoitan conseguir peixe roubándollo ás gaivotas, carráns e mascatos. Tamén atacan directamente outras aves mariñas[8], incluso do tamaño do gaivotón (Larus marinus). Como moitos outros estercoráridos, realiza este comportamento de cleptoparasitismo durante todo o ano, exhibindo menos axilidade pero máis forza bruta que outras especies máis pequenas da familia cando acosa as súas vítimas. Unha técnica común é voar ata un mascato e agarralo no aire por unha á para paralo e facelo caer ao mar, onde a palleira grande o ataca fisicamente ata que este cede a súa captura. Debido ao seu tamaño, á natureza agresiva e á fera defensa do seu niño, a palleira grande ten pouco que temer doutros predadores. Aínda que os pitiños desta especie poden ser presas de ratos e gatos ou do raposo ártico, os individuos sans só son ameaados por grandes aves de presa como a aguia real, o pigargo e máis raramente, no mar, as candorcas.

Galería editar

Notas editar

  1. "Catharacta skua". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2015.4 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. 2012. Consultado o 24 April 2016. 
  2. Salomonsen, F. (1935). "Den færøiske ornithologis historie indtil aar 1800 supplement". Dansk Ornithologisk Forenings Tidsskrift (en dinamarqués): 67–100. 
  3. "Skua". Oxford English Dictionary (3rd ed.). Oxford University Press. September 2005. (require subscrición.) Skua
  4. Jobling, James A (2010). The Helm Dictionary of Scientific Bird Names. London: Christopher Helm. p. 365. ISBN 978-1-4081-2501-4. 
  5. Furness, Robert W.; Hamer, Keith (2003). "Skuas and Jaegers". En Perrins, Christopher. Firefly Encyclopedia of Birds. Firefly Books. pp. 270–273. ISBN 1-55297-777-3. 
  6. Blechschmidt, Karin; Peter, Hans-Ulrich; de Korte, Jacobus; Wink, Michael; Seibold, Ingred; Helbig, Andreas (1993). "Untersuchungen zur molecularen Systematik der Raubmöwen (Stercorariidae)" [Investigacións sobre a sistemática molecular das palleiras (Stercorariidae)] (PDF). Zoologisches Jahrbuch für Systematik (in German). 120: 379–387. Cited in DeBenedictis, Paul A. (1997). "Skuas". Birding. XXIX (1): 66–69.
  7. 7,0 7,1 Dunning, John B. Jr., ed. (2008). CRC Handbook of Avian Body Masses. CRC Press. ISBN 978-1-4200-6444-5. 
  8. McKenzie, Steven (5 November 2007). "Bird night attacks may be unique". BBC News. Consultado o 6 November 2007. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Bull, John; Farrand Jr., John (April 1984). The Audubon Society Field Guide to North American Birds, Eastern Region. New York: Alfred A. Knopf. ISBN 0-394-41405-5. 

Ligazóns externas editar