Ostra común

especie de molusco
(Redirección desde «Ostrea edulis»)
Ostra común
Ostrea edulis
Clasificación científica
Reino: Animalia
Superfilo: Lophotrochozoa
Filo: Mollusca
Clase: Bivalvia
Subclase: Pteriomorphia
Orde: Ostreida
Suborde: Ostreina
Superfamilia: Ostreoidea
Familia: Ostreidae
Xénero: Ostrea
Especie: O. edulis
Nome binomial
Ostrea edulis
Linnaeus, 1758[1][2]

A ostra común, ostra plana ou ostra europea (Ostrea edulis, Linnaeus 1758) é un molusco bivalvo mariño moi apreciado pertencente á familia dos ostreidos (Ostreidae), da orde Ostreoida.

Morfoloxía

editar

A cuncha é basicamente circular pero de bordo irregular, alcanzando tamaños de 4 a 11 cm de diámetro, pero poden atoparse exemplares moito maiores. Está constituída por láminas calcáreas escamosas que conforman unha superficie moi irregular, e que se rompen e desprenden con facilidade. A cor é tamén variable, entre abrancazada e castaña ou púrpura, sendo o interior branco anacarado uniforme (sen marcas do seo paleal).

As valvas son desiguais: convexa a valva esquerda ou inferior e plana a dereita ou superior. Na valva dereita (plana) márcanse liñas concéntricas e sucos e na esquerda (convexa) poden apreciarse amplas costelas radiais.

Hábitat e bioloxía

editar

Distribución pola costa europea do Atlántico, desde Noruega ata Marrocos, e mais o Mediterráneo. Vive, en condicións normais, fixada ás rocas da franxa infralitoral ou enterrada en fondos de area, pero actualmente é obxecto de cultivo intensivo en bateas, que son a orixe a totalidade das ostras postas no mercado.

É un molusco filtrador, que retén nas branquias as substancias orgánicas en suspensión na auga, normalmente algas microscópicas.

Presenta hermafroditismo alternativo, o que quer dicir que pasa alternativamente por épocas de sexo masculino e feminino, chegando a atravesar catro fases sexuais ó ano. O desove é continuo pero máis evidente durante os meses de xuño a outubro. A posta pode alcanzar cifras dun millón de larvas por individuo, pero só rematan o desenvolvemento larvario o 2,5%. Unha vez fixada as larvas a un sustrato duro, a mortandade pode ser do 90% antes do primeiro inverno.

Importancia pesqueira e comercial

editar
 
Ostras no Aquarium Finisterrae

A forma máis usual de consumir as ostras é en cru, engadíndolle ou non unhas pingas de limón. Esta forma de consumo en cru fai que sexan especialmente delicadas e posible causa de gromos de intoxicación alimentaria como consecuencia dunha depuración insuficiente ou unha mala conservación.

A ostra en Galicia

editar

Hai anos tamén se escabechaban ou comían fritidas. Marcial Valladares dicía:

Cómense as ostras de mil maneiras: crúas con zume de limón, fritidas e rebozadas con fariña, guisadas, empanadas, en escabeche etc. [3]

Eladio Rodríguez engadiu:

A ostra foi coñecida desde os tempos prehistóricos polas súas propiedades medicinais, como un bo emenagogo e un notable afrodisíaco [4]

Os exemplares pequenos reciben o nome de morruncho nome que tamén se aplica a outras especies semellantes.

  1. Linnaeus, Carl (1758). Systema Naturae (en Latin) (10 ed.). Uppsala: Linnaeus. 
  2. "ITIS Standard Report Page: Ostrea edulis". Consultado o 2008-08-06. 
  3. Cómense las ostras de mil maneras: crudas con zumo de limón, fritas y rebozadas con harina, guisadas, empanadas, en escabeche etc.
  4. La ostra ha sido conocida desde los tiempos prehistóricos por sus propiedades medicinales, como un buen emenagogo y un notable afrodisíaco

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar

Bibliografía

editar
  • DIRECCIÓN XERAL DE FORMACIÓN PESQUEIRA: Guía do consumidor de peixe fresco. Xunta de Galicia 1999.
  • RAMONELL, Rosa: Guía dos mariscos de Galicia. Galaxia, Vigo 1985.
  • RÍOS PANISSE, M. Carmen: Nomenclatura de la flora y fauna marítimas de Galicia (Invertebrados y peces). Anejo 7 (1977) de Verba.
  • SANTAMARINA, Antón (ed. e dir.): Diccionario de diccionarios. Fundación Pedro Barrié de la Maza, Instituto da Lingua Galega, 3ª ed. 2003.

Ligazóns externas

editar