Depuración de moluscos

Enténdese por depuración de moluscos o proceso de hixienización ó que son sometidos os moluscos bivalvos procedentes de determinadas zonas de produción consideradas insalubres, para conseguir que eliminen a carga microbiana que posúan ou reducila a límites aceptables, convertíndoos así en aptos para o consumo humano.

Depuración de molusco branco en piscinas.
Depuración de mexillón en contedores ou "bins".

O procedemento de depuración consiste en mante-los moluscos durante máis ou menos tempo, segundo a carga microbiana en orixe e a propia capacidade de depuración do establecemento, en piscinas ou contedores, sometidos a unha corrente continua de auga tratada, normalmente con cloro, co obxectivo de reducir ou eliminar os posibles axentes patóxenos, aproveitando o sistema de alimentación por filtración dos propios moluscos.

Debe terse presente que a depuración só é eficaz fronte a unha posible contaminación microbiolóxica [1], e que non consegue reduci-los niveis de biotoxinas que puideran te-los moluscos.

"Centro de depuración: establecemento que dispón de tanques alimentados con auga de mar limpa nos que se manteñen os moluscos bivalvos vivos durante o tempo necesario para reducir a contaminación co obxecto de facelos aptos para o consumo humano" [2]

Orixe da contaminación editar

Practicamente a totalidade dos microorganismos patóxenos de orixe humana presentes no medio mariño proceden de verteduras de augas residuais urbanas, agrícolas ou industriais. Aínda que, normalmente, as bacterias de orixe fecal son pouco resistentes nas condicións ambientais mariñas, en determinadas zonas nas que as verteduras sexan elevadas ou as correntes de auga non garantan unha renovación suficiente pode producirse unha contaminación dos moluscos cultivados nesas augas, dada a capacidade de filtración e de retención que posúen os moluscos bivalvos.

Clasificación das zonas de produción editar

Como criterio para a clasificación das zonas de produción [3] utilízase a presenza de coliformes fecais e, concretamente, Escherichia coli, como indicadores máis representativos dunha posible contaminación fecal.

Os coliformes, habitantes habituais do noso intestino, non son patóxenos en si mesmos, salvo determinadas cepas ou en condicións de redución das defensas, pero a súa presenza nas augas e nos moluscos pode ser indicativa da presenza doutros xermes patóxenos ós que acompañan, como é o caso da salmonela. O feito de que a súa resistencia na auga do mar sexa reducida engade ademais a información de que, se se detectan nos moluscos, existe unha fonte de contaminación próxima, no tempo e no espazo, ás zonas de cultivo.

En Galicia, as zonas de produción de moluscos están definidas e controladas pola Consellería de Pesca, a través do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (INTECMAR) [4] [5], e clasifícanse, desde o punto de vista microbiolóxico, en zonas A, B ou C.

  • Unha zona clasificada como A implica a presenza dun nivel reducido de Escherichia coli: menos de 230 colonias por 100 gramos no 80% das mostras. O 20% restante poderá superar o límite dos 230 E. coli por 100 gramos pero nunca exceder dos 700 E. coli [6]. Esta limitación tradúcese nunha baixa probabilidade de presenza doutras bacterias patóxenas de orixe humana. Por esta razón, os moluscos extraídos destas zonas cumpren os requisitos microbiolóxicos para ser considerados aptos para o consumo humano, e poden comercializarse directamente, sen depuración previa e tras un proceso de lavado das cunchas e acondicionamento e envasado do molusco; os establecementos que realizan esta actividade denomínanse Centros de expedición.
  • Unha zona clasificada como B non poderá ter máis de 4.600 Escherichia coli por 100 gramos de vianda e líquido intravalvar, se ben un 10% das mostras pode superar esta cifra sen exceder en ningún caso os 46.000 E. coli por 100 gramos [7]. Estas cifras implican unha probabilidade maior de contaminación fecal, pero aínda así este nivel de contaminación permite comercializa-los moluscos tras un proceso de depuración. Este proceso será máis ou menos intenso (máis ou menos prolongado) segundo a carga microbiana do molusco (é dicir, segundo a zona de orixe concreta), de modo que, ó rematar o proceso de depuración, o molusco deberá cumprir os requisitos microbiolóxicos establecidos para un molusco procedente dunha zona A ou salubre.
  • Nunha zona clasificada como C, os moluscos extraídos non poderán superar os 46.000 Escherichia coli por 100 gramos [8]. Estes niveis de contaminación son tan elevados que a depuración sería insuficiente e faise necesaria unha reinstalación durante un tempo prolongado (non inferior a dous meses) en augas de mar limpas de todo o molusco que se extraia delas. Este proceso de reinstalación farase en zonas mariñas expresamente autorizadas e claramente delimitadas, destinadas exclusivamente á depuración natural de moluscos bivalvos.

Os moluscos procedentes de zonas B ou C que non foran sometidos a un proceso de depuración ou de reinstalación e que, polo tanto, non cumpren os parámetros microbiolóxicos establecidos, poderán ser sometidos a un tratamento térmico que garanta a destrución dos xermes patóxenos que puideran conter. Os tratamentos térmicos autorizados consisten na súa transformación en conservas, por esterilización e envasado hermético; ou na cocción en auga ou vapor a determinadas temperaturas [9].

Procedemento da depuración editar

 
Proceso de lavado e selección de mexillón nunha depuradora de moluscos.

A depuración consiste en somete-los moluscos a unha corrente continua de auga de mar limpa, desinfectada, durante máis ou menos tempo, de 12 a 48 horas, habitualmente, dependendo da carga microbiolóxica de orixe dos moluscos. Un establecemento de depuración de moluscos consta, xa que logo, cun depósito de tratamento da auga de mar, un sistema de desinfección da auga, unhas piscinas ou tanques de depuración e o necesario sistema de distribución da auga desde aqueles depósitos a estas piscinas.

O sistema de tratamento de auga pode ser por radiacións ultravioletas, por ozono ou, máis comunmente, por inxección de cloro (hipoclorito sódico) na auga. Desta forma, a auga entra xa tratada nos depósitos, onde permanece o tempo necesario para que actúe o cloro e se produza a desinfección da auga. O cloro libre, en exceso, evapórase ó paso polos últimos depósitos.

Dos depósitos sae por unha cascada que pretende completa-la eliminación do cloro libre e aumenta-la osixenación da auga, e de aí pasa ás piscinas ou tanques de depuración, onde se estabulan os moluscos. O sistema de respiración-alimentación por filtración que posúen estes animais permite que beban desta auga desinfectada e eliminen os xermes que puideran conter no seu intestino ou na súa vianda, ata alcanzar niveis suficientemente baixos para facelos aptos para o consumo. Alcanzado este obxectivo, os moluscos retíranse das piscinas, lávanse, envásanse e distribúense ós diferentes mercados.

Autocontrois editar

Os centros de depuración de moluscos bivalvos deben estar autorizados pola Administración e rexistrados no Rexistro Xeral Sanitario de Alimentos. Este número de rexistro deberá constar na etiqueta que ampare os moluscos que comercializan.

Como tódalas industrias alimentarias, as depuradoras de moluscos deberán deseñar e implantar un programa de autocontrol baseado nos principios da Análise de Perigos e Puntos de Control Crítico (APPCC) [10]. Mediante este sistema de autocontrol, o establecemento deberá prever e evitar calquera risco biolóxico, físico ou químico que comprometa a seguridade alimentaria dos moluscos comercializados.

Deberán realizar periodicamente controis microbiolóxicos dos moluscos, antes e despois da depuración, e da auga utilizada no proceso, así como controis de biotoxinas. Tamén deberán garanti-la rastrexabilidade de tódolos seus produtos, documentando a orixe de tódalas partidas de molusco que reciban e a súa distribución no mercado [11]. Todos estes controis deberán quedar documentados nos rexistros que debe levar o establecemento (de entradas, saídas e laboratorio) [12]

Requisitos dos moluscos comercializados editar

Os moluscos bivalvos vivos postos a disposición do consumidor (ben directamente se foron extraídos de zonas A, ben tras un proceso de depuración se proceden de zonas B) deberán cumpri-los seguintes requisitos:

  • Características de frescura [13].
    • aspecto propio do molusco en canto a frescura e viabilidade.
    • ausencia de sucidade na cuncha
    • reacción adecuada á percusión e unha cantidade normal de líquido intervalvar. Segundo vai reducíndose a vitalidade van perdendo auga intervalvar, ó non poder manter pechadas as valvas, e o son á percusión é oco.
  • Criterios microbiolóxicos (en cinco unidades de mostra):
    • menos de 230 Escherichia coli por cada 100 gramos de carne e líquido intervalvar ou un dos cinco valores (e só un) superior a 230 pero inferior ou igual a 700 [14].
    • ausencia de salmonela en 25 gramos de vianda.
  • Criterios de biotoxinas [15]:
    • un máximo de 80 microgramos de saxitoxina (toxina paralizante, PSP) por 100 gramos de parte comestible
    • un máximo de 20 microgramos de ácido domoico (toxina amnésica ou ASP) por gramo de parte comestible.
    • un máximo de 16 microgramos de ácido ocadaico por 100 gramos de parte comestible, 3,75 miligramos de iesotoxinas por quilogramo e 16 microgramos de azaspirácido por 100 gramos. Estas tres toxinas son as responsables dos procesos diarreicos (DSP) causados por biotoxinas mariñas.
  • Criterios químicos:
    • non conterán compostos tóxicos nin nocivos de orixe natural ou introducidos no medio ambiente en cantidade tal que supere os límites fixados pola lexislación ou que poidan altera-lo sabor do molusco [16]. Entre estes perigos químicos tamén se inclúen os derivados da contaminación do molusco durante a manipulación na depuradora, como restos de produtos de limpeza ou substancias que poidan migrar dos materiais de envadado.

Notas editar

  1. Algúns virus tamén se ven reducidos trala depuración.
  2. Punto 2.8 do anexo I do Regulamento 853/2004.
  3. Zona de produción: as zonas marítimas, de lagoas ou de estuarios onde existen bancos naturais ou zonas de cultivo de moluscos bivalvos e onde se recolecten moluscos bivalvos vivos (punto 2.5 do anexo I do Regulamento 853/2004 do Parlamento europeo e do Consello de 29 de abril de 2004 polo que se establecen normas específicas de hixiene dos alimentos de orixe animal (DOUE 139, de 30.4.2004) [1].
  4. "Información do estado das zonas de produción". Consultado o 20.01.2023. 
  5. "Orde de 19 de xullo de 2010 (DOG 143 de 28.07.2010)". Consultado o 20.01.2023. 
  6. "Regulamento 2015/2285 da Comisión, de 8 de decembro de 2015, que modifica o anexo II do Regulamento 854/2004 do Parlamento Europeo e do Consello, polo que se establecen normas específicas para a organización de controis oficiais dos produtos de orixe animal destinados ó consumo humano, no que se refire a determinados requisitos para os moluscos bivalvos, os equinodermos, os tunicados e os gasterópodos mariños vivos, así como o anexo I do Regulamento 2073/2005, relativo ós criterios microbiolóxicos aplicables ós produtos alimenticios (DOUE 323, de 9.12.2015)". Consultado o 20 de xaneiro de 2023. .
  7. Punto 2 do anexo do Regulamento 1021/2008 da Comisión, de 17 de outubro de 2008, que modifica os anexos I, II e III do Regulamento 854/2004 do Parlamento Europeo e do Consello, polo que se establecen normas específicas para a organización de controis oficiais dos produtos de orixe animal destinados ó consumo humano, e o Regulamento 2076/2005 no que respecta ós moluscos bivalvos vivos, determinados produtos da pesca e o persoal que presta asistencia nos controis oficiais nos matadoiros (DOUE 277, de 18.10.2008) [2].
  8. Anexo VIII do Regulamento 2074/2005 da Comisión de 5 de decembro de 2005, polo que se establecen medidas de aplicación para determinados produtos conforme ó disposto no Regulamento 853/2004 do Parlamento Europeo e do Consello e para a organización de controis oficiais de acordo ó disposto nos Regulamentos 854/2004 do Parlamento Europeo e do Consello e 882/2004 do Parlamento Europeo e do Consello, introdúcense excepcións ó disposto no Regulamento 852/2004 do Parlamento Europeo e do Consello e modifícanse os Regulamentos 853/2004 e 854/2004 (DOUE 338, de 22.12.2005) [3].
  9. Punto 5, apartado A, capítulo II, sección VII, anexo III do Regulamento 853/2004.
  10. "Os operadores de empresa alimentaria deberán crear, aplicar e manter un procedemento ou procedementos permanentes baseados nos principios do APPCC (art. 5 do Regulamento 852/2004 do Parlamento Europeo e do Consello, de 29 de abril de 2004, relativo á hixiene dos produtos alimenticios (DOUE 139, de 30.04.2004) [4]
  11. "En tódalas etapas da produción, transformación e distribución deberá asegurarse a rastrexabilidade dos alimentos, os pensos, os animais destinados á produción de alimentos e de calquera outra substancia destinada a ser incorporada nun alimento ou un penso, ou con probabilidade de selo" (art. 18 do Regulamento 178/2002 do Parlamento Europeo e do Consello de 28 de xaneiro de 2002, polo que se establecen os principios e os requisitos xerais da lexislación alimentaria, se crea a Autoridade Europea de Seguridade Alimentaria e se fixan procedementos relativos á seguridade alimentaria (DOUE 31, de 1.02.2002) [5].
  12. Nótese que estes requisitos só son aplicables ós centros de depuración de Galicia. "Decreto 399/1996, de 31 de outubro, polo que se regulan programas de control sanitario de moluscos bivalvos vivos (DOGA 225, de 18.11.1996)". Consultado o 20.01.2023. .
  13. "[Os moluscos bivalvos vivos] Presentarán as características organolépticas propias da frescura e viabilidade, incluídas a ausencia de sucidade na cuncha, unha reacción adecuada á percusión e unha cantidade normal de líquido intervalvar (punto 1, cap. V, sección VII, anexo III do Regulamento 853/2004).
  14. "Regulamento (UE) 2015/2285 da Comisión, de 8 de decembro de 2015, que modifica o anexo II do Regulamento 854/2004 do Parlamento Europeo e do Consello, polo que se establecen normas específicas para a organización de controis oficiais dos produtos de orixe animal destinados ó consumo humano, no que se refire a determinados requisitos para os moluscos bivalvos, os equinodermos, os tunicados e os gasterópodos mariños vivos, así como o anexo I do Regulamento 2073/2005, relativo ós criterios microbiolóxicos aplicables ós produtos alimenticios (DOUE 323, de 9.12.2015)" (en castelán). Consultado o 20.01.2023. .
  15. Capítulo V, sección VII, anexo III do Regulamento 853/2004.
  16. Regulamento 1881/2006 da Comisión de 19 de decembro de 2006, polo que se fixa o contido máximo de determinados contaminantes nos produtos alimenticios (DOUE 364, de 20.12.2006 [6]).

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Guía de prácticas correctas de higiene para los centros de depuración de moluscos. Agència Catalana de Seguretat Alimentària, 2022 [7].
  • Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, da Xunta de Galicia: Depuración de moluscos, Unidades Didácticas de Acuicultura nº 18, 1991.

Ligazóns externas editar

Normativa aplicable editar

  • Decreto 399/1996, de 31 de outubro, polo que se regulan programas de control sanitario de moluscos bivalvos vivos (DOGA 225, de 18.11.1996) [8].
  • Regulamento 178/2002 do Parlamento Europeo e do Consello de 28 de xaneiro de 2002, polo que se establecen os principios e os requisitos xerais da lexislación alimentaria, se crea a Autoridade Europea de Seguridade Alimentaria e se fixan procedementos relativos á seguridade alimentaria (DOUE 31, de 1.02.2002) [9].
  • Regulamento 852/2004 do Parlamento Europeo e do Consello, de 29 de abril de 2004, relativo á hixiene dos produtos alimenticios (DOUE 139, de 30.04.2004) [10].
  • Regulamento 853/2004 do Parlamento europeo e do Consello de 29 de abril de 2004 polo que se establecen normas específicas de hixiene dos alimentos de orixe animal (DOUE 139, de 30.4.2004) [11].