Os verbos regulares galegos
Ir ao índice do Curso de lingua galega. Tamén pode consultar a Normativa oficial do galego.
Os máis dos verbos galegos son regulares xa que seguen rixidamente uns patróns determinados de conxugación. Fronte a estes, un número pequeno de verbos, case todos de uso frecuente, presentan unha variedade de formas dificilmente reducibles a un sistema: son os irregulares.
Vexamos a continuación como son conxugados estes verbos regulares, tomando coma exemplo os verbos cantar, comer e partir.
Cantar | Comer | Partir | |
---|---|---|---|
Infinitivo | cantar | comer | partir |
Xerundio | cantando | comendo | partindo |
Participio | cantado | comido | partido |
Presente Indicativo | canto cantas canta cantamos cantades cantan |
como comes come comemos comedes comen |
parto partes parte partimos partides parten |
Copretérito | cantaba cantabas cantaba cantabamos cantabades cantaban |
comía comías comía comiamos comiades comían |
partía partías partía partiamos partiades partían |
Preterito (Indicativo) | cantei cantaches cantou cantamos cantastes cantaron |
comín comiches comeu comemos comestes comeron |
partín partiches partiu partimos partistes partiron |
Antepretérito | cantara cantaras cantara cantaramos cantarades cantaran |
comera comeras comera comeramos comerades comeran |
partira partiras partira partiramos partirades partiran |
Futuro (Indicativo) | cantarei cantarás cantará cantaremos cantaredes cantarán |
comerei comerás comerá comeremos comeredes comerán |
partirei partirás partirá partiremos partiredes partirán |
Pospreterito | cantaría cantarías cantaría cantariamos cantariades cantarían |
comería comerías comería comeriamos comeriades comerían |
partiría partirías partiría partiriamos partiriades partirían |
Presente (Subxuntivo) | cante cantes cante cantemos cantedes canten |
coma comas coma comamos comades coman |
parta partas parta partamos partades partan |
Preterito (Subxuntivo) ' |
cantase cantases cantase cantásemos cantásedes cantasen |
comese comeses comese comésemos comésedes comesen |
partise partises partise partísemos partísedes partisen |
Futuro (Subxuntivo) | cantar cantares cantar cantarmos cantardes cantaren |
comer comeres comer comermos comerdes comeren |
partir partir partir partirmos partirdes partiren |
Imperativo | canta cantade |
come comede |
parte partide |
Infinitivo Conxugado ' |
cantar cantares cantar cantarmos cantardes cantaren |
comer comeres comer comermos comerdes comeren |
partir partir partir partirmos partirdes partiren |
A raíz nos verbos regulares
editarOs verbos regulares teñen, normalmente, unha única raíz para todo o paradigma, mentres que os irregulares xeralmente presentan, cando menos, dúas raíces: unha delas coincide coa do infinitivo e aparece nos tempos do tema de presente e a outra encóntrase nos tempos do tema de perfecto. Teñen tema de perfecto os seguintes tempos: pretérito perfecto, pretérito pluscuamperfecto, pretérito imperfecto de subxuntivo, e futuro de subxuntivo; os restantes tempos constrúense co tema de presente.
Variacións na raíz dos verbos regulares
editarComo xa dixemos, a maioría dos verbos galegos son regulares e conxúganse segundo uns paradigmas fixos (economía da linguaxe). A maior parte destes verbos ten unha raíz constante en tódalas súas formas. Isto non inclúe a posición do acento, que varía dunhas formas a outras, nin nun número importante de verbos o timbre medio-aberto ou medio-pechado da vogal radical (a última ou única vogal da raíz).
En canto ó acento, a primeira. segunda e terceira persoas do singular e mais a terceira do plural do presente de indicativo e do presente de subxuntivo, xunto coa segunda persoa de singular do imperativo, son formas rizotónicas, pois levan o acento tónico sobre a vogal radical (and-o, and-as, and-a, and-an, and-e, and-es, and-e, and-a). Tódalas outras formas teñen o acento na vogal temática ou nas desinencias, e son chamadas arrizotónicas.
Alternancia de timbre nos verbos da primeira conxugación
editarOs verbos da primeira conxugación poden presentar unha alternancia de timbre na vogal radical entre un timbre medio-aberto [ɛ, ɔ] nas formas rizotónicas e un timbre medio pechado [e, o] nas formas arrizotónicas:
- ac[ˈɔ]rdo, ac[ˈɔ]rdas, ac[ˈɔ]rda, ac[o]rdamos, ac[o]rdades, ac[ˈɔ]rdan
Esta alternancia foi interpretada nalgúns estudos de fonoloxía do galego como unha neutralización da oposición existente entre as vogais medias-abertas e as medias-pechadas en posición átona (Amable Veiga), aínda que no comportamento actual da lingua non faltan exemplos que nos levan a interpretar que no galego moderno esa neutralización xa non opera, co que se mantén o sistema de sete vogais en posición átona pretónica (Antón Santamarina, El verbo gallego).
Este comportamento é o que seguen a maioría dos verbos desta clase: xogar, pegar, amolar, espertar, acordar, colgar, berrar, chocar, medrar, pecar... Así e todo, nalgúns casos, mantense a vogal sempre medio-aberta: votar, berrar, apezar, aboiar, quentar..., ou sempre pechada: botar, merendar, mendar, posiblemente debido a unha tendencia regularizadora máis moderna có sistema antigo en que operaba a neutralización. Neste sistema moderno, a diferenza de timbre pode discernir parellas co tipo de v[ɔ]tar / b[o]tar, v[ɔ]tamos / b[o]tamos. A adscrición dun verbo a un modelo ou a outro (con alternancia vocálica ou sempre coa mesma vogal) non é predicible na maioría dos casos. Así a todo, os verbos formados sobre substantivos que teñen vogal tónica aberta (sobre todo se son derivados formados recentemente) tenden a mante-la vogal radical con timbre medio-aberto en todo o paradigma, como tamén o fan certos verbos cultos, aínda que non sempre sucede así: gu[ˈɛ]rra > gu[ɛ]rrear, p[ˈɔ]rco > emp[ɔ]rcar, [ˈɔ]vo > des[ɔ]var, pero f[ˈɛ]rro > enf[ˈɛ]rro, enf[ˈɛ]rras, enf[ˈɛ]rra, enf[e]rramos,...
Dado que non hai un criterio claro de repartición dos diferentes verbos desta clase entre un grupo e outro, non é raro atopar verbos que presentan comportamentos diferentes en distintas variedades xeográficas. Así verbos como voar ou petar poden ter vogal radical pechada invariable en certas falas, mentres que noutras presentan alternancia entre as formas rizotónicas e arrizotónicas.
As vogais radicais de timbre aberto ou pechado non presentan ningunha alternancia: a (amar), i (mirar), u (suar).
Alternancia de timbre nos verbos da segunda conxugación
editarNa segunda conxugación a raíz é constante cando a vogal é de timbre aberto: arder, bater, varrer. Téñase en conta que non hai verbos da segunda conxugación con vogais de timbre pechado (/i, u/); os poucos verbos que tiñan esta vogal no galego medieval pasaron á CIII (dizer > dicir, escriver > escribir, viver > vivir) ou cambiaron a vogal do radical (dizer > dial. decer). Só se mantén a vogal esperable no adxectivo procedente do participio de presente: afluente, contradicente, vivente, escribente, lucente.
Os verbos con vogal radical de timbre medio-aberto poden seguir dous comportamentos:
- Manter inalterado o timbre da vogal radical en todo o paradigma, sexa medio-pechado (ler, crer, deber) ou medio-aberto (quecer, esquecer).
- Presentar unha alternancia de timbre na vogal radical, que terá timbre medio-aberto na segunda persoa do singular e na terceira de singular e plural do presente de indicativo e medio-pechado nos demais casos, tanto que sexa tónica coma átona; así encontramos /ɔ, ɛ/ en comes, come, comen e xemes, xeme, xemen, e /o e/ en tódalas demais formas da conxugación. Algunhas veces o timbre da vogal radical permite diferenciar dúas formas, como en c[ˈɔ]me, x[ˈɛ]me (presente de indicativo) e c[o]me, x[e]me (imperativo).
Algúns verbos incoativos, como aparecer, adormecer, agradecer, podrecer..., presentan diferenzas xeográficas, xa que nunhas falas presentan alternancia e noutras teñen vogal radical medio-pechada en todo o paradigma.
Alternancia de timbre nos verbos da terceira conxugación
editarNa CIII distínguense tres grupos:
- Os verbos con radical /a/ ou /i/ non presentan ningunha alteración: abrir, saír, incidir, partir, dividir, vivir etc.
- Os verbos con vogal radical /e/ presentan dous tipos de alternancia:
- Vogal radical /i/ nas formas rizotónicas do presente de indicativo e imperativo e en todo o presente de subxuntivo, fronte ó /e/ das demais: advirto, advirtes, advirte, advirta, / advertía, advertimos,... Tal cal advertir conxúganse adherir, divertir, transgredir, conferir, diferir, inferir, preferir, proferir, referir, transferir, competir, repetir, concernir, competir, repetir, concernir, discernir, (d)espir, dixerir, inxerir, medir, pedir (e derivados), vestir (e derivados),... Cómpre subliñar que desde o punto de vista fonolóxico esta alternancia non existe: é indiferente que se pronuncie *advirtimos ou advertimos, pois estas vogais medias poden alternar entre [e]∼[i] ante un í tónico (harmonización vocálica).
- Vogal radical /i/ na primeira persoa do singular do presente de indicativo, segunda persoa do imperativo e en todo o presente de subxuntivo, /ɛ/ na segunda persoa do singular e terceira persoa do singular e plural do presente de indicativo e /e/ nas demais formas: sirvo, s[ˈɛ]rves, s[ˈɛ]rve, s[e]rvimos, s[e]rvides, s[ˈɛ]rven, sirve ti, s[e]rvide vós, sirva, sirvas, sirva, sirvamos, sirvades, sirvan, servía,... Fan como servir: ferir, mentir, seguir, sentir e derivados (o único derivado que ten ferir é malferir).
- Algúns verbos con vogal radical /u/ presentan alternancia na vogal radical: /O/ na segunda persoa do singular e terceira persoa do singular e plural do presente de indicativo e /u/ nas demais formas: durmo, d[ˈɔ]rmes, d[ˈɔ]rme, d[u]rmimos, d[u]rmides, d[ˈɔ]rmen, d[u]rmes ti, d[u]rmide, d[u]rmía,... Fan como durmir: bulir (rebulir), cubrir (e deriv.: descubrir, recubrir, encubrir), acudir, sacudir, cumprir, cuspir, durmir, engulir, fundir, fuxir (e deriv.:subterfuxir, transfuxir), lucir (e deriv: deslucir, entrelucir, relucir, translucir, tremelucir), mulir, muxir, pulir, pruír, ruxir, subir, sufrir, sumir, tusir, ulir, urdir, xunguir, xurdir.
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Fernández Rei, F. (1991 [1986]): "Conservadurismo e innovación no sistema de desinencias verbais do galego: o perfecto", in D. Kremer (ed.): Actes du XVIII Congrès International de Linguistique et de Philologie Romanes (Université de Trier, 1986). Vol. 3. Tübingen: Max Niemeyer, 1991, pp. 632–644.
- Fernández Rei, F.: "Vocal temática e conxugación verbal. A expresión da clase mórfica en español, catalán e galego moderno", in Homenaxe ó profesora Pilar Vázquez Cuesta Santiago: Universidade.
- Instituto da Lingua Galega (1990): Atlas Lingüístico Galego. Vol. 1: Morfoloxía verbal. A Coruña: Fundación Barrié de la Maza.
- Instituto da Lingua Galega / Real Academia Galega (1995 [1982]): Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego. Santiago: ILG / RAG, 199512.
- Nicolás, R. (1 993): Diccionario dos verbos galegos. Pontevedra: O Cumio.
- Santamarina, A (1974): El verbo gallego.