Futuro de subxuntivo
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde decembro de 2017.) |
Este artigo ou sección precisa dunha revisión do formato que siga o libro de estilo da Galipedia. Pode axudar a mellorar este artigo e outros en condicións semellantes. |
O futuro de subxuntivo tiña plena vixencia funcional no galego-portugués medieval, pervive no portugués actual, mais viuse desprazado no caso da lingua galega polas outras formas do subxuntivo e mais polo presente de indicativo.
O futuro de subxuntivo, que se acha fosilizado en refráns e no cancioneiro popular, pervive feblemente na fala e na literatura do século XIX e na lingua culta actual, fórmase co tema de perfecto e engádense a este os mesmos sufixos que ten o infinitivo conxugado. Por este motivo, nos verbos regulares hai sincretismo ao seren idénticas as formas do infinitivo conxugado e do futuro de subxuntivo (aínda que os usos son distintos). Este sincretismo non acontece naqueles verbos que teñen un tema de perfecto irregular.
O futuro de subxuntivo utilízase nos seguintes tipos de cláusulas:
- Temporais (nexo cando), por exemplo: Cando estudares, regalereiche un xogo.
- Locativas (nexo onde), p. ex.: Onde vires moito fume, non te vaias quentar.
- Modais (nexo como)
- Relativas (nexos quen, o que etc).
- Condicionais (nexos se, no caso de etc), por ex.: Se estudares, pasas. Se estudares, pasarás.
A orientación temporal é habitualmente prospectiva (cara ao futuro), pero pode ter tamén valor atemporal. O seu significado modal é máis ben hipotético. O futuro de subxuntivo sempre irá en oracións cun verbo principal do que depende e este necesariamente irá en presente (de indicativo ou subxuntivo), en futuro ou en imperativo.
FormasEditar
andar | varrer | partir | for | puxer |
andares | varreres | partires | fores | puxeres |
andar | varrer | partir | for | puxer |
andarmos | varrermos | partirmos | formos | puxermos |
andardes | varrerdes | partirdes | fordes | puxerdes |
andaren | varreren | partiren | foren | puxeren |
Vexamos algúns exemplos máis:
- Se Deus quixer, mañá verémonos outra vez.
- Empregue o futuro do subxuntivo nas frases onde for posíbel.
- Cobrarán unha pensión especial os que cotizaren durante 20 anos.
- Onde fores, fai como vires. (refrán popular)