O perfume
O Perfume. Historia dun asasino é unha novela do escritor alemán Patrick Süskind, publicada en 1985 co título orixinal de Das Parfum, die Geschichte eines Mörders. Converteuse axiña nun best-séller, traducido a máis de corenta linguas, entre elas o galego.
O perfume. Historia dun asasino | |
---|---|
Título orixinal | Das Parfum, die Geschichte eines Mörders |
Autor/a | Patrick Süskind |
Orixe | Alemaña |
Lingua | alemán |
Tema(s) | Século XVIII, Grenoble, Olor, perfumista, misery e obsesión |
Xénero(s) | Novela de misterio |
Editorial | Diogenes Sotelo Blanco |
Data de pub. | 1985 2006 |
Formato | rústica |
ISBN | 84-7824-502-2 |
Premios |
|
Tradución | Luís Fernández Rodríguez |
[ editar datos en Wikidata ] |
Trama
editarPrimeira parte
editarCapítulos 1 a 22: Corresponde á infancia e adolescencia de Grenouille.
A historia comeza o 17 de xullo de 1738. Ese día nace o protagonista, no lugar máis putrefacto de todo París. A súa nai, de vinte e cinco anos, dá a luz nun posto de venda de peixe, e bota o seu quinte bebé entre as tripas dos peixes que anda a limpar, como fixera tralos seus catro partos anteriores. Porén, o novo meniño comeza a chorar. Ao se decatar a xente, a muller é apresada e decapitada por infanticida.
Un relixioso faise cargo do bebé, ao que bautiza como Jean-Baptiste Grenouille, e lévao ao orfanato de Madame Gaillard, unha muller desprovista de olfacto. Pola contra, Grenouille non despide ningún olor, e medra descubrindo o mundo a través do olfacto. Madame Gaillard pensa que é un adiviño, pois ao ulir, anticípase ao que a xente escoita e ve. Os demais rapaces do orfanato téñenlle medo, e intentan matalo, pero el sobrevive.
Ao cumprir oito anos o relixioso deixa de pagar a manutención, e Madame Gaillard véndeo a un curtidor. Con el traballa durante sete anos, nos que demostra a súa resistencia ante a dureza do traballo duro e ante as doenzas mortais, como o ántrax maligno. O seu corpo énchese de cicatrices e marcas desas enfermidades. Esta resistencia proporciónalle un gran valor para o traballo, e Grimal concédelle co tempo un pouco de liberdade, que Grenouille aproveita para explorar todos os olores de París.
Con quince anos, Grenouille descobre un aroma que até entón descoñecera. Seguíndoo, chega até unha fermosa rapaza de 14 anos co pelo vermello que limpa froita; ávido por sentir o olor que emana dela, Grenouille acaba por asfixiala cando ela berra ao descubrilo. Desde entón, o obxectivo da súa vida é conservar o aroma máis puro que xamais existira.
Un día o seu xefe mándao ir levar uns coiros a casa do perfumista Giuseppe Baldini. Grenouille demóstralle que é quen de crear a partir dos aceites esenciais que ten Baldini no seu obradoiro, non só o perfume de moda en París, senón un mil veces mellor. Baldini merca a Grenouille por 20 francos, e durante tres anos Grenouille aprende a arte da destilación dos aceites esenciais, aínda que descobre decepcionado que non pode obter máis que as esencias das flores. Ao terceiro ano Grenouille marcha cara a Grasse, na Provenza, onde coñecen outros sistemas para obter aceites esenciais, cunha carta de recomendación de Baldini. Ese mesmo día, o río Sena tira a casa onde estaba a perfumería de Baldini, construída nunha ponte.
Segunda parte
editarCapítulos 23 a 34: Grenouille marcha á montaña e despois retoma a viaxe a Grasse. Abarca 7 anos.
Grenouille marcha cara ao sur. Por vez primeira sae de París, e descobre un mundo sen olores humanos nin producidos pola actividade humana. Muda o seu propósito inicial, e guiado polo seu fino olfacto, evita poboacións, camiña de noite e dorme de día, até chegar a un lugar deserto nos montes de Cantal. Encantado co descubrimento dunha cova, Grenouille pasa alí sete anos (época que coincide coa Guerra dos Sete Anos entre Francia e Inglaterra), alimentándose de musgo, lique e pequenos animais, e acudindo á súa memoria olfactiva para crear un propio mundo interior.
O pracer que lle produce este mundo interior racha o día que se decata de que el mesmo non posúe olor propio. Despois do pánico inicial, diríxese de novo cara ao sur. Chega a unha pequena vila, e escusa o seu aspecto (longas guedellas e barba, unllas como gadoupas e roupas desfeitas) dicindo que o mantiveran sete anos secuestrado nunha cova. O marqués de Taillade-Espinasse toma a Grenouille baixo a súa protección, porque ve na súa historia a oportunidade de demostrar a súa teoría do fluído letal, que segundo el xorde da terra, e do que Grenouille debía estar completamente contaminado. Tras un proceso de desintoxicación, lavado e afeitado no palacio do marqués en Montpellier, Grenouille aparece como un cabaleiro. Co permiso do marqués, compón un perfume nun laboratorio, para simular un olor corporal propio. Para facelo, amais dos ingredientes propios dun perfume, bota outros máis desagradables para simular o olor humano. Deste xeito, a xente decátase da súa presenza e é quen de aceptalo máis facilmente ca antes. Entón decide continuar o seu camiño cara a Grasse.
Terceira parte
editarCapítulos 35 a 50: Grenouille chega a Grasse e concreta o seu plan para facer o perfume perfecto. Abarca 3 anos.
Xa en Grasse, explorando os olores da vila, descobre un aroma que lle recorda inmediatamente ao da rapaza de pelo vermello de París. Ebrio co seu descubrimento, decide esperar dous anos a que a nena, chamada Laura Richis, floreza, tempo que aproveita para aprender como poder conservar a esencia do aroma.
Consegue emprego, baixo unhas condicións miserables, no obradoiro de Madame Arnulfi, dirixido polo amante desta, o oficial Druot. Alí aprende un novo modo de obter a alma olorosa das flores, impregnándoas con graxa animal fundida á que máis tarde se lle engade alcohol, e lavada para obter o aceite esencial. A través deste procedemento, Grenouille descobre que é posible mesmo reter o olor dos máis variados obxectos ou seres, como o pomo dunha porta, unha pedra ou un cadeliño.
Un ano despois da chegada a Grasse comenza a matar fermosas rapazas virxes, se ven Grenouille só aprecia a cualidade do seu olor. Aparecen mortas mesmo nas súas propias casas, espidas e sen o seu cabelo, que Grenouille recolle para crear a base do perfume que quere culminar co aroma de Laura. Debido aos crimes, na vila decrétase o toque de queda, pero con todo seguen a aparecer raparigas, até un total de 24 mozas asasinadas.
Uns meses máis tarde deteñen en Grenoble a un home ao que acusan dos crimes de Grasse, pero Antoine Richis, pai de Laura, teme máis ca nunca pola súa filla, pois cre que ela é a causa principal dos demais crimes. Foxe con ela de Grasse, pero Grenouille os persegue guiado polo olor, e mátaa nunha posada dunha aldea costeira. Completa así o seu perfume máis preciado.
Varios días despois é detido en Grasse, logo de que o pousadeiro dese a súa descrición; na leira onde está a cabana en que vive atopan os vestidos e cabelos das rapazas mortas. É condenado a morrer de vagar, coas articulacións quebradas. Porén, o día da execución aparece impregnado do seu último perfume, e as 10.000 persoas que foran ver a súa morte piden o indulto e, embriagados e entolecidos polo aroma de amor que xorde de Grenouille, acaban todas sucumbindo nunha grande orxía.
Grenouille séntese decepcionado, xa que o perfume fai que sexa amado (o propio Richis quere mesmo adoptalo), pero isto non é o que el sente pola xente, senón que os odia. Sente que non é no amor onde atopará a satisfacción, senón no odio que sente polas demais persoas, posto que este é o único sentimento real que experimentou na súa vida.
Cuarta parte
editarCapítulo 51: Regreso a París e morte de Grenouille.
Grenouille volve a París, onde chega o caloroso 25 de xuño de 1767. Pola noite achégase ao mercado onde naceu, e mestúrase coa xente do lugar: miserables, esmolantes, prostitutas e criminais. Unha vez alí, baleira o contido do perfume sobre a súa cabeza, provocando que as trinta persoas que alí estaban, crendo estar en presenza dun anxo, entolezan. Lánzanse sobre el, agárrano, aférranse a el e todos intentan gardar para si un pedazo. No frenesí resultante terminan por devorar a Grenouille, borrándoo por completo a súa existencia, e volven a casa cun sentimento de felicidade extrema, ao decatarse de que, por primeira vez, fixeron algo por amor.
Adaptacións
editarO perfume foi traducido a 46 linguas, con 15 millóns de exemplares vendidos. A maioría das edicións levan na capa un detalle da pintura Xupiter e Antíope de Antoine Watteau[1]. A axila espida de Antíope simboliza a sedución por medio do olor corporal.
A obra foi levada ao cinema en 2006 co título homónimo de Das Parfum – Die Geschichte eines Mörders, con dirección de Tom Tykwer.
Foi adaptado ao galego inicialmente por Luís Fernández Rodríguez, e publicado en 2006 por Sotelo Blanco. Posteriormente foi traducido por Patricia Buxán e publicado por Faktoría K en 2021.