O Canon da Medicina
O Canon da Medicina (título orixinal en árabe: القانون في الطب Al-qanun fi al-tibb) é unha enciclopedia médica en 14 volumes escrita polo científico e médico musulmán persa Ibn Sina (Avicena) contra o ano 1020. O libro baséase nunha combinación da propia experiencia persoal do autor, da medicina islámica medieval, dos escritos de Galeno, Sushruta e Charaka, así como da antiga medicina persa e árabe.[1] Está considerado como un dos libros máis famosos da historia da medicina.
Coñecido tamén como o Qanun, que significa 'lei' en árabe e persa, O Canon da Medicina foi unha autoridade da medicina até o século XVIII.[2] Establece os principios da medicina en Europa e no mundo islámico e é unha das obras escritas máis reputadas de Avicena. Os principios de medicina que describiu neste libro hai dez séculos seguen a ser ensinados nas universidades de California, Os Ánxeles (UCLA), na Yale e noutras, como parte da historia da medicina. O libro introduce a experimentación e a cuantificación sistemáticas no estudo da fisioloxía,[3] e polo descubrimento das enfermidades contaxiosas entre outras cousas.[4]
George Sarton, considerado por algúns como o pai da historia da ciencia,[Cómpre referencia] escribiu na súa Introdución á historia da ciencia:
Un dos maiores expoñentes do universalismo musulmán e unha eminente figura na cultura islámica foi Ibn Sina, coñecido en Occidente como Avicena (981-1037). Durante mil anos conservou o seu renome orixinal como un dos máis grandes pensadores e investigadores da medicina da historia. As súas obras médicas máis importantes son o Qanun (Canon) e un tratado sobre medicamentos cardíacos. O Qanun fi-l-Tibb é unha inmensa enciclopedia de medicina. Contén algúns dos pensamentos máis esclarecedores, incluíndo a distinción entre a mediastinite e a pleurite, a natureza contaxiosa da tuberculose, a expansión das enfermidades pola auga e a terra, descricións minuciosas de problemas dermatolóxicos, as enfermidades de transmisión sexual e as perversións, e as enfermidades do sistema nervioso.[4]
Visión xeral
editarO libro explica as causas da saúde e a enfermidade. Ibn Sina cría que ao corpo humano enfermo non se lle pode devolver a saúde a menos que se determinen as causas tanto da saúde como da enfermidade. Ibn Sina afirmaba que a medicina (tibb) é a ciencia pola cal aprendemos os distintos estados do corpo humano cando ten saúde e cando non a ten, así como os modos polos cales é probábel que se perda a saúde e, unha vez perdida, recuperala. Noutras palabras, a medicina é a ciencia por medio da cal se conserva a saúde e é a arte por medio da cal recupérase esta tras habela perdido.
Avicena consideraba que as causas da boa saúde e das enfermidades eran as seguintes:
- As causas materiais.
- Os elementos.
- Os humores.
- A variabilidade dos humores.
- Os temperamentos.
- As facultades psíquicas.
- A forza vital.
- Os órganos.
- As causas eficientes.
- As causas formais.
- As facultades vitais.
- As causas finais.[5]
O Qanun distingue a mediastinite da pleurite e recoñece a natureza contaxiosa da tuberculose e a expansión das enfermidades pola auga e a terra. Ofrece un diagnóstico científico da anquilostomiase e atribúe a súa condición a un verme intestinal. O Qanun sinala a importancia da dieta, a influencia do clima e da contorna sobre a saúde, así como o uso cirúrxico da anestesia oral. Ibn Sina aconsellaba aos cirurxiáns tratar o cancro na súas primeiras etapas, asegurándose de extirpar todo o tecido afectado. A materia medica do Qanun nomea máis de 760 medicamentos, con comentarios sobre a súa aplicación e efectividade. Recomendaba a experimentación das novas medicinas con animais e humanos antes do seu uso xeneralizado.
Ibn Sina observou a estreita relación entre as emocións e a condición física, e soubo que a música exercía un efecto físico e psicolóxico total nos doentes. De entre as moitas enfermidades mentais que describiu no Qanun, unha é de interese particular: o mal de amores. Dise que Ibn Sina diagnosticoulle esta doenza a un príncipe en Khurján que estaba prostrado e cuxa enfermidade desconcertara aos médicos do lugar. Ibn Sina observou un desaxuste no pulso do príncipe cando se lle mencionaba o paradoiro e o nome da súa amada. O gran doutor prescribiu un remedio moi sinxelo: unir ao paciente coa amada.
A copia máis antiga do Canon da Medicina data de 1052, que se conserva na colección do Aga Khan, e hai plans de albergala no Museo do Aga Khan, que se construirá en Toronto, Ontario, Canadá.
O Canon da Medicina de Avicena en Europa
editarO texto árabe do Qanun foi traducido ao latín como Canon medicinae por Xerardo de Cremona no século XII e ao hebreo en 1279. A partir de entón, o Canon foi a principal guía da ciencia médica en Occidente créndose que influíu a Leonardo da Vinci. O seu contido enciclopédico, a súa organización sistemática e a súa filosofía pronto alcanzaron un lugar de prominencia na literatura médica de Europa, desprazando as obras de Galeno e converténdose no manual da educación en medicina nas escolas europeas. O texto estívose lendo nas escolas de medicina de Montpellier e Lovaina até 1650, e Arnold C. Klebs describiuno como "un dos fenómenos intelectuais máis significativos de todos os tempos". En palabras do Dr. William Osler, o Qanun foi "unha biblia da medicina durante máis tempo que ningunha outra obra". Os primeiros tres libros do Canon en latín imprimíronse en 1472 e en 1473 apareceu unha edición completa. A edición en hebreo de 1491 á a primeira aparición dun tratado médico en hebreo e o único publicado durante o século XV. Nos últimos 30 anos do século XV tivo 15 edicións en latín.
Notas
editar- ↑ Hakeem Abdul Hameed, Intercambios entre a India e a Asia Central no ámbito da medicina Arquivado 06 de outubro de 2008 en Wayback Machine. (en inglés).
- ↑ Ziauddin Sardar, A Ciencia na Filosofía islámica Arquivado 05 de maio de 2009 en Wayback Machine. (en inglés).
- ↑ Katharine Park (Marzo 1990). "Avicenna in Renaissance Italy: The Canon and Medical Teaching in Italian Universities after 1500 (Avicena na Italia renacentista: o Canon e a ensinanza médica nas universidades italianas despois de 1.500) por Nancy G. Siraisi, The Journal of Modern History (Revista de historia moderna) 62 (1), páxs. 169-170.
"Os estudantes de historia da medicina coñéceno polos seus esforzos por implantar a experimentación e a cuantificación sistemáticas no estudo da fisioloxía".
- ↑ 4,0 4,1 George Sarton, Introduction to the History of Science (Introdución á historia da ciencia)
(cf. Dr. A. Zahoor and Dr. Z. Haq (1997). Citas de famosos historiadores da ciencia (en inglés), Cyberistan) - ↑ Existen moitas outras fontes que explican os seus conceptos en profundidade e que son accesíbeis desde a world wide web en sitios médicos e islámicos.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: O Canon da Medicina |
Outros artigos
editarLigazóns externas
editar- Kitab alQanun fi alTibb (libro do Canon da Medicina) (en árabe) e (en inglés).