A Nova Bauhaus, New Bauhaus, New American Bauhaus ou American Bauhaus[1] foi o nome xenérico dado á diáspora da Bauhaus en Iberoamérica (desde México á Arxentina), e moi en particular nos Estados Unidos de América cando a escola de arte, artesanía, deseño e arquitectura foi fechada polos nazis. Alí nos EEUU establecéronse dous dos tres directores da escola alemá, Walter Gropius e Mies van der Rohe (Hannes Meyer asentouse na URSS e logo en México, e mestres como Annie e Josef Albers (primeiro no Black Mountain College e logo en Yale), Marcel Breuer ou Lázló Moholy-Nagy; este fundou en 1938 un instituto de deseño chamado precisamente New American Bauhaus, que foi refundado en 1939 co nome de IIT Institute of Design. En 1938 celebrouse no MoMA de Nova York unha exposición sobre a Bauhaus que serviu para expandir polos EEUU as ideas da escola, e dar entidade á diáspora baixo o concepto de Nova Bauhaus de América.[2]

En 1953, o arquitecto Max Bill, antigo alumno da Bauhaus, e Johannes Itten, un dos mestres máis carismáticos da primeira etapa da escola, que impulsara o curso preliminar, fundaron a Hochschule für Gestaltung en Ulm, coa pretensión de ser unha escola que continuase o espírito dunha nova Bauhaus que conxugase a arte coa artesanía e o deseño industrial e arquitectónico. A escola estivo activa 15 anos e tivo unha grande repercusión na reformulación do deseño en todo o mundo.

Desde 1996 a antiga escola de artes de Weimar, fechada e trasladada a Dessau en 1923, chámase Bauhaus-Universität Weimar.[3] No ronsel do centenario da Bauhaus, que fora fundada en 1919, a Comisión Europea lanzou en 2021 a New European Bauhaus, que segundo a web oficial "é unha iniciativa creativa e interdisciplinar que abre un espazo de encontro para deseñar futuras formas de vida e sitúase na encrucillada entre arte, cultura, inclusión social, ciencia e tecnoloxía. A iniciativa leva o Green Deal aos lugares onde vivimos e pide un esforzo colectivo para imaxinar e construír un futuro sostible, inclusivo e fermoso para a mente e a alma de todos".[4][5]

En palabras de Ursula von der Leyen no Frankfurten Allgemeine: A Nova Bauhaus Europea debería ser unha ponte. Unha ponte entre o mundo da ciencia e a tecnoloxía e o mundo da arte e a cultura . [6]

Nese proxecto ligado aos fondos NextGenerationEU [7] participan entre outros socios (partners) o Instituto Europeo de Design, a Fundación Mies van der Rohe de Barcelona, a Fundación ONCE, a Faculdade de Arquitetura do Porto, Housing Europe e case trescentas entidades, das que tamén cabe destacar un grupo de 43 entidades creado en 2020 chamado New European Bauhaus Collective. [8]. Galiza participa a través dun proxecto presentado pola Xunta "vertebrado polo SERGAS", que pretende incorporar, segundo o seu acto de presentación, o deseño Bauhaus aos centros de Atención Primaria coa participación do sector téxtil galego (especialmente Inditex) e o Clúster Galego da Madeira para "construír centros de saúde con madeira" e fabricar tecidos con fibra de eucalipto (cousa que fixera en México Anni Albers[9]) e o espírito do Laboratorio de Formas, seguindo a analoxía da Bauhaus como impulsora da "arte total" para facer "unha Galicia total". [10]

Notas editar