Oligómero

(Redirección desde «Multímero»)

En química e bioquímica, un oligómero[1] é unha molécula que consta dunha poucas unidades repetidas, que se pode derivar, na realidade ou conceptualmente, de moléculas máis pequenas, os monómeros.[2][3][4] O nome componse dos elementos gregos oligo-, 'poucos' e -mero, 'partes'. O adxectivo é oligomérico.[5][4]

O éter coroa 15-coroa-5, un oligómero cíclico e o seu monómero o óxido de etileno.

O concepto de oligómero contrasta co de polímero, o cal se considera normalmente que consta dun gran número de unidades, posiblemente miles ou millóns. Porén, non hai unha distinción clara entre estes dous conceptos. Un criterio proposto é ver se as propiedades da molécula varían significativamente con retirada dunha ou dunhas poucas unidades, cousa que non ocorrería cos polímeros.[4]

Un oligómero cun número específico de unidades denomínase co prefixo grego que indica dito número, ao que se engade a terminación -mero. Así teriamos:

As unidades du oligómero poden estar dispostas linearmente formando unha cadea (como no melam, un dímero da melamina); formando un anel pechado (como o trioxano, un trímero cíclico do formaldehido); ou ter unha estrutura máis complexa (como no tetrabromuro de telurio, un tetrámero de TeBr
4
cunha parte central case cúbica). Se as unidades son idénticas fálase de homooligómeros, e se non o son, fálase de heterooligómeros. Un exemplo de proteína oligomérica é o coláxeno, que está composta por tres cadeas proteícas idénticas, e de heterooligómero, a hemoglobina formada por dúas cadeas distintas con dúas copias de cada, en total catro.

Un tetrapéptido, un heterooligómero dos aminoácidos valina (verde), glicina (negra), serina (negra) e alanina (azul). As unidades están unidas por enlace peptídico entre o grupo carboxilo –C(=O)OH dun monómero e o grupo amino H
2
N−
do seguinte.

Moitas moléculas biolóxicas importantes son polímeros ou oligómeros. Aínda que unha cadea proteica é un polímero de moitos aminoácidos, varias destas cadeas poden asociarse formando unha proteína oligomérica, como a hemoglobina, que é tetrámera. Un oligómero de aminoácidos denomínase oligopéptido ou simplemente péptido. Un oligosacárido é un oligómero de monosacáridos (carbohidratos ou azucres simples), pero cando os carbohidratos conteñen moitas unidades son polímeros e denomínanse polisacáridos. Os ácidos nucleicos adoitan ser longos e poliméricos, formados por moitas unidades chamadas nucleótidos, pero ás veces son curtos e denomínanse oligonucleótidos, que son fragmentos curtos monocatenarios dun ácido nucleico natural ou de análogos de ácidos nucleicos como os de ácido nucleico peptídico ou os Morfolinos.

Unha unidade pentámera da proteína maior da cápside VP1 dun virus da polio. Cada monómero en diferente cor. 72 destes pentámeros forman a cápsida externa do virus, autoensamblados e unidos por cargas eléctricas locais.

Moitos aceites minerais son oligoméricos, como a parafina líquida. Os plastificantes son ésteres oligoméricos ampliamente utilizados para abrandar termoplásticos como o PVC. Poden estar feitos de monómeros unidos entre si, ou poden orixinarse por separación das fraccións maiores do cru. O polibuteno é un aceite oligomérico usado para facer masilla.

Multímero

editar

As unidades dun oligómero poden estar unidas por enlaces covalentes, o cal pode ser o resultado dun rearranxo de enlaces ou reacción de condensación, ou por forzas febles como os enlaces de hidróxeno. O termo multímero utilízase en bioquímica para proteínas oligoméricas que non están unidas covalentemente.

Oligomerización

editar

En química e bioquímica, a oligomerización é un proceso químico que converte os monómeros en complexos macromoleculares por medio dun grao de polimerización finito.[4] A telomerización é unha oligomerización levada a cabo en condicións que teñen como resultado a transferencia de cadea, limitando o tamaño dos oligómeros.[6][4] (Este concepto non debe confundirse coa formación dun telómero, a rexión de ADN moi repetitivo situada no extremo dun cromosoma.)

Oligomerización no combustible verde

editar

Na industria do petróleo e o gas, os combustibles verdes son oligómeros formados nos reactores de hidroxenación C2, C3 e C4 de plantas de etileno e outras intalacións de produción petroquímica; trátase dunha mestura de compoñentes reactivos e insaturados de C4 a C20 cun 90% de dienos alifáticos e un 10% de alcanos e alquenos.[7] Diferentes catalizadores heteroxéneos e homoxéneos poden producir estes produtos por medio da oligomerización de alquenos.[8]

  1. Definición de oligómero no Dicionario de Galego de Ir Indo e a Xunta de Galicia.
  2. "Oligomer". Merriam-Webster. Consultado o 25 de outubro de 2014. 
  3. "oligomer molecule". Compendium of Chemical Terminology (the "Gold Book") (2ª ed.). IUPAC.  (2006–) [1997]. 
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 Jenkins, A. D.; Kratochvíl, P.; Stepto, R. F. T.; Suter, U. W. (1996). "Glossary of basic terms in polymer science (IUPAC Recommendations 1996)". Pure and Applied Chemistry 68 (12): 2287–2311. doi:10.1351/pac199668122287. Cita: Molécula oligomérica: Molécula de masa molecular relativa intermedia, cuxa estrutura comprende esencialmente unha pequena pluralidade de unidades derivadas, realmente ou conceptualemnte, de moléculas de masa molecular relativa menor.
  5. Definición de oligomérico no Dicionario de Galego de Ir Indo e a Xunta de Galicia.
  6. "telomerization". Compendium of Chemical Terminology (the "Gold Book") (2ª ed.). IUPAC.  (2006–) [1997]. 
  7. "Chemicals & Polymers". www.pall.com. 
  8. Ghashghaee, Mohammad (2018). "Heterogeneous catalysts for gas-phase conversion of ethylene to higher olefins". Rev. Chem. Eng. 34 (5): 595–655. doi:10.1515/revce-2017-0003. 

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar