Moeda de 50 francos Hércules

antiga moeda francesa de prata
Moeda de 50 francos Hércules [1]
A/: Hércules espido, entre a Liberdade e a Igualdade. Sinatura do gravador (Dupré) no exergo.

Lendas: LIBERTÉ ÉGALITÉ FRATERNITÉ.

R/: Valor facial e data no interior dunha grilanda de oliveira. Data

Lendas: REPUBLIQUE FRANÇAISE / 50 FRANCS

A moeda de 50 francos Hércules é a moeda de prata máis grande das emitidas en Francia baixo o sistema do franco francés, caracterizada pola figura de Hércules no seu anverso.

A moeda foi creada mediante o Decreto 74-797, do 23 de setembro de 1974, asinado polo presidente da República Francesa, Valéry Giscard D'Estaign.[2]

Tratábase dunha moeda de curso legal, aínda que a súa presenza na circulación foi practicamente nula, por mor do seu peso e o seu diámetro excesivos. Comezouse a emitir en 1974 e retirouse da circulación en 1980 debido ao crecemento dos prezos da prata, que provocou que o valor intrínseco do metal superase o seu valor facial.[3][4]

Deseño

editar

O seu deseño responde ao tipo Hércules, creado por Agustin Dupré inicialmente para a moeda de 5 francos da I República, cuñada por vez primeira en 1795,[5] e que foi retomado posteriromente para diversas moedas francesas.[6]

Anverso

editar
 
Deseño de Augustin Dupré para a moeda de 5 francos de 1795, retomado para os 50 francos Hércules.

O anverso está caracterizado pola figura espida de Hércules, cunha pel de león ás súas costas, reconciliando a Liberdade coa Igualdade, que están en pé aos seus lados. A Liberdade está á súa dereita e sostén unha pica coroada por un barrete frixio, en tanto que a Igualdade está á súa esquerda, e sostén un perpendículo. O anverso complétase co lema LIBERTÉ ÉGALITÉ FRATERNITÉ na parte superior e a sinatura do deseñador no exergo.[1][6]

Reverso

editar

Pola súa banda, no reverso amósase o valor facial 50 FRANCS como motivo principal, no interior dunha coroa composta por pólas de oliveira, rodeada pola lenda RÉPUBLIQUE FRANÇAISE a ambos os lados e coa data no exergo.[1][6]

O canto, creado polo Gravador Xeral de Moedas Raymond Joly, reproduce en relevo diversos motivos, separados por estrelas e rombos, de temática agropecuaria (acio de uvas, galo e mada de trigo), do comercio (caduceo, corno da abundancia e balanza) e da industria (compás, engrenaxe e martelo).[1][6]

Tiraxes

editar

Estas son as tiraxes anuais da moeda de 50 francos franceses tipo Hércules.[1] Ademais das cantidades da emisións ordinaria, que figuran na táboa, en 1974 cuñáronse a maiores 13.800 exemplares a modo de proba con deseño idéntico, aínda que no seu anverso se engadiu a palabra ESSAI baixo os pés da figura da Igualdade.[7]

Tiraxes anuais
Ano de emisión Exemplares cuñados
1974 4.298.811
1975 4.552.011
1976 5.544.711
1977 7.884.011
1078 12.030.211
1979 12.040.511
1980 60.000
Total 38.526.255
  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 "50 Francs". Numista.com
  2. "Décret n°74-797 du 23 septembre 1974 autorisant la fabrication de pièces de 50 F en argent". Journal officiel de la République française. 25 de setembro de 1974. Páxina 9.858.
  3. "Décret n°80-148 du 15 février 1980 autorisant la démonétisation des pièces de 5 F en argent, de 10 F en argent et de 50 F en argent". Journal officiel de la République française. 19 de febreiro de 1980.
  4. "Les pièces de monnaie françaises de 10 et 50 francs Hercule". Sacra-moneta.com
  5. "5 Francs Union et Force". Numista.com
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 "Arrêté du 8 novembre 1974. Caracteristiques et type de la piece de 50 FRS". Journal Officiel de la République Française. 15 de novembro de 1974. Páxina 11.458.
  7. "50 Francs (Hercule - Essai)". Colnect.com

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar