Moeda de 10 francos Hércules

antiga moeda francesa de prata
Moeda de 10 francos Hércules [1]
A/: Hércules espido, entre a Liberdade e a Igualdade. Sinatura do gravador (Dupré) no exergo.

Lendas: LIBERTÉ ÉGALITÉ FRATERNITÉ.

R/: Valor facial e data no interior de dúas pólas de oliveira e de carballo.

Lendas: REPUBLIQUE FRANÇAISE / 10 FRANCS

A moeda de 10 francos Hércules é unha moeda francesa de prata deste valor facial, emitida entre 1965 e 1973, caracterizada pola figura de Hércules no seu anverso.

A moeda foi creada mediante o Decreto 65-15, do 9 de xaneiro de 1965, asinado polo presidente da República Francesa, Charles de Gaulle.[2]

Tratábase dunha moeda de curso legal, aínda que a súa presenza na circulación foi practicamente nula, por mor do seu peso e o seu diámetro excesivos. Comezouse a emitir en 1964 e deixouse de cuñar en 1973, aínda que non foi ata 1980 cando foi retirada da circulación, debido ao crecemento dos prezos da prata, que provocou que o valor intrínseco do metal superase o seu valor facial.[3][4]

Deseño

editar

O seu deseño responde ao tipo Hércules, creado por Agustin Dupré inicialmente para a moeda de 5 francos da I República, cuñada por vez primeira en 1795,[5] e que foi retomado posteriromente para diversas moedas francesas.[2]

Anverso

editar
 
Deseño de Augustin Dupré para a moeda de 5 francos de 1795, retomado para os 10 francos Hércules.

O anverso está caracterizado pola figura espida de Hércules, cunha pel de león ás súas costas, reconciliando a Liberdade coa Igualdade, que están en pé aos seus lados. A Liberdade está á súa dereita e sostén unha pica coroada por un barrete frixio, en tanto que a Igualdade está á súa esquerda, e sostén un perpendículo. O anverso complétase co lema LIBERTÉ ÉGALITÉ FRATERNITÉ na parte superior e a sinatura do deseñador no exergo.[1][2]

Reverso

editar

Pola súa banda, no reverso amósase o valor facial 10 FRANCS como motivo principal, no interior dunha coroa composta por pólas de oliveira e de carballo, rodeada pola lenda RÉPUBLIQUE FRANÇAISE a ambos os lados e coa data no exergo.[1][2]

O canto, creado polo Gravador Xeral de Moedas Raymond Joly, reproduce en relevo diversos motivos, separados por estrelas e rombos, de temática agropecuaria (acio de uvas, galo e mada de trigo), do comercio (caduceo, corno da abundancia e balanza) e da industria (compás, engrenaxe e martelo).[1][2]

Tiraxes

editar

Estas son as tiraxes anuais da moeda de 10 francos franceses tipo Hércules.[1] Ademais das cantidades da emisións ordinaria, que figuran na táboa, con data 1964 cuñáronse a maiores 3.500 exemplares a modo de proba con deseño idéntico, aínda que no seu reverso se engadiu a palabra ESSAI na parte inferior, baixo a cinta que une ambas as pólas; outras 131 pezas datadas en 1964 a modo de proba carecen da palabra ESSAI.[1][6]

Tiraxes anuais
Ano de emisión Exemplares cuñados
1965 8.085.500
1966 9.806.671
1967 10.101.805
1968 3.887.400
1969 760.550
1970 4.808.500
1971 513.000
1972 915.000
1973 206.500
Total 39.084.926

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar