Moeda de 2.000 pesetas de 2001
2.000 pesetas de 2001[1][2] | |
---|---|
A/: Cabezas espidas acaroadas de Xoán Carlos I e Sofía cara á esquerda. Data.
Lenda: JUAN CARLOS I Y SOFIA |
R/: Alegoría feminina de Hispania prostrada nos Pireneos, con póla de oliveira na man e coroa mural. Marca de ceca (M).
LENDA: ULTIMA EMISION DE LA PESETA / ESPAÑA / 2000 PTAS. |
|
A moeda de 2.000 pesetas de 2001 é unha moeda española de prata dese valor facial emitida pola FNMT para conmemorar a derradeira cuñaxe en pesetas como unidade monetaria oficial do Estado.
Trátase da oitava e derradeira emisión da serie de moedas circulantes de 2.000 pesetas de prata, iniciada en 1994.
Marco lexislativo
editarMediante unha Orde do 22 de marzo de 2001, publicada no Boletín Oficial do Estado do 27 de marzo, acordouse a emisión, a cuñaxe e a posta en circulación dunha moeda de 2.000 pesetas de prata con data de 2001, conmemorativa da derradeira emisión da peseta.[2]
Conforme establecía a Orde, a moeda era de curso legal e debía ser proporcionada polas entidades bancarias ao seu valor facial,[2] aínda que a súa circulación foi escasa, dada a súa curta tiraxe final —1.942.835 exemplares—[3] e tendo en conta que naquel momento existía xa un billete de 2.000 pesetas de uso moi común, polo que a maioría dos exemplares foron retirados da circulación polos coleccionistas numismáticos e pola poboación en xeral, a modo de recordo.[4]
A norma establecía tamén que "esta moeda será admitida nas caixas públicas sen limitación, e entre particulares ata 20.000 pesetas, calquera que for a contía do pagamento".[2]
Caracterización
editarO seu anverso, deseñado e gravado por Alfonso Morales Muñoz, amosa senllos bustos acaroados e de perfil de Xoán Carlos I (1975-2014) e a raíña consorte Sofía de Grecia, ollando cara á esquerda, todo rodeado pola lenda JUAN CARLOS Y SOFIA, e no exergo a data de 2001. O conxunto está encerrado por unha grafila de puntos.[1][2]
Pola súa banda, o motivo central do reverso é unha reprodución da representación alegórica de Hispania como unha figura feminina prostrada sobre os Pireneos, con coroa mural e póla de oliveira na man, que Luis Marchionni y Hombrón creara para as primeiras moedas dunha peseta e de 5 pesetas emitidas como unidade monetaria oficial de España, en 1869 e 1870. Pola súa vez, Marchionni baseárase no anverso dun denario de prata do Imperio Romano cuñadas a nome de Hadriano, que amosaba unha figura moi semellante.[1][2]
Na parte superior do reverso figura a inscrición ULTIMA EMISION DE LA PESETA, así como a palabra ESPAÑA e o M coroado a modo de marca de ceca da FNMT. Por debaixo, a indicación do valor, 2000 PTAS,[1] separada por unha imaxe latente na que, en función da orientación, se pode ver novamente a marca de ceca ou ben os derradeiros díxitos do ano de cuñaxe: 01.[2]
O mesmo motivo do reverso foi tomado tamén para a moeda circulante de 100 pesetas do mesmo ano 2001.[5]
A moeda de 2.000 pesetas foi desmonetizada o 28 de febreiro de 2002,[1] e en xuño de 2021 concluíu o prazo para a cambiar polo seu valor nas entidades bancarias.[4]
Notas
editar- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 "2000 Pesetas - Juan Carlos I Last issue of the peseta". Numista.com
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 "Orde do 22 de marzo de 2001". BOE Nº 74, 27 de marzo de 2001. Páxinas 11.308-11.309.
- ↑ "Moneda de 30 euro / 20 euro / 12 euro / 2.000 pesetas". FNMT - Casa de la Moneda (FNMT.es).
- ↑ 4,0 4,1 López, F. J. (2023). "Moneda de 2000 pesetas del 2001 (Últimas Pesetas): Valor y Precio". Coleccionismodemonedas.com. 14 de setembro.
- ↑ "100 Pesetas - Juan Carlos I Last Peseta". Numista.com
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Lamas Bolaño (2023). Catálogo enciclopédico de monedas de España 2024. Lamas Bolaño, Barcelona. ISBN 978-8409545193