Miguel Coniates

escritor bizantino eclesiástico

Miguel Coniates, ou Acominatus (en grego Μιχαήλ Χωνιάτης), nado en Chonai c. 1140 e finado na illa de Ceos en 1220, foi un escritor bizantino e eclesiástico, irmán máis vello do historiador Nicetas Coniates.

Miguel Coniates
Nacemento1138
Lugar de nacementoChonae
Falecementoc. 1222
NacionalidadeImperio Bizantino
RelixiónCristianismo ortodoxo
Ocupaciónhistoriador, sacerdote e escritor
IrmánsNicetas Coniates
editar datos en Wikidata ]

Traxectoria editar

Naceu en Chonae (hoxe Honaz, veciña á antiga Colosas en Frixia). Estudou en Constantinopla e foi alumno de Eustacio de Tesalónica. Ao redor de 1175 foi nomeado arcebispo de Atenas. En 1204, defendeu a Acrópole de Atenas do ataque de León Esguro, defendéndoa até a chegada da Cuarta Cruzada en 1205, momento en que lle entregou a cidade[1]. Despois da toma de control polo Imperio Latino, retirouse á illa de Ceos. Ao redor de 1217 trasladouse de novo ao mosteiro de Vodonitsa preto das Termópilas, onde morreu.

Aínda sendo coñecido polos estudosos clásicos como o último posuidor de versións completas de Calímaco, Hecale e Aitia, foi un escritor versátil, e compositor de homilías, discursos e poemas, que, coa súa correspondencia, proxectan luz sobre a miserábel condición da Ática e Atenas nese momento[2] .Son de destacar o seu memorial a Aleixo III Anxo sobre os abusos da administración bizantina, o queixume poético sobre a dexeneración de Atenas e a monodia polo seu irmán Nicetas e Eustacio, arcebispo de Tesalónica.

Vida editar

Figura eminente nas letras do século XII e comezos do XIII, Miguel recibiu unha excelente instrución en Constantinopla xunto a Eustacio, bispo de Tesalónica. Miguel escolleu a carreira eclesiástica e foi arcebispo de Atenas durante preto de trinta anos; foi un ardente admirador da antigüidade helénica.

Viviu na súa residencia arcebispal da Acrópole (na Idade Media había no antigo Partenón un templo consagrado á Virxe). Miraba á cidade e aos seus habitantes cos ollos dun contemporáneo de Platón, e por tanto espantáballe o tremendo abismo que separaba aos atenienses contemporáneos dos helenos da antigüidade. O idealista Miguel non reparaba no fenómeno xeral que se produciu en toda Grecia, transformando a nacionalidade grega. A súa concepción ideal chocou deseguido coa dura realidade. No discurso de presentación aos seus fregueses suxeriu aos atenienses que seguisen os nobres exemplos dos seus antepasados e citou como exemplos os nomes de Arístides, Dióxenes, Pericles e Temístocles, nun estilo enfático e metafórico cheo de citas antigas e bíblicas e cheo de metáforas, que resultou escuro e incomprensíbel para os auditores do novo metropolitano, porque tales expresións estaban por encima da comprensión dos atenienses do século ΧΙΙ. O ilustrado Miguel notouno e nun dos seus seguintes sermóns dixo con profunda amargura:

Oh, cidade de Atenas, nai da Sabedoría, e en que grao de ignorancia recaíches! Cando me dirixín a vós no meu discurso de presentación, que era tan sinxelo, tan desprovisto de artificio, pareceu que falaba unha lingua incomprensible, escura e estranxeira, persa ou escita.

O sabio Miguel Acominatos deixou pronto de ver nos seus contemporáneos atenienses aos descendentes directos dos antigos helenos:

Quedan — escribía — o encanto do país; o Himeto, rico en mel; o tranquilo Pirco; Eleusis, antes misteriosa; a chaira de Maratón; a Acrópole; pero aquela culta xeración amante das ciencias desapareceu e o seu lugar tomado por unha xeración inculta, pobre de corpo e de espírito.

Rodeado de bárbaros, Miguel temía converterse el mesmo en brután e bárbaro. Queixábase da alteración da lingua grega, evolucionada agora nunha especie de dialecto bárbaro, o cal non chegou a comprender até despois de pasar tres anos en Atenas. Miguel habitou na Acrópole até principios do século XIII. Por mor da conquista de Atenas polos francos (aquí a palabra "francos" fai referencia aos europeos occidentais adherentes ao catolicismo romano), houbo de ceder a súa sede a un bispo latino e pasou a última parte da súa vida na pequena illa de Ceos, xunto ao litoral da Ática, e alí morreu e foi enterrado en 1220.

Obra editar

Miguel Acominatos deixou unha rica herdanza literaria que inclúe sermóns e discursos sobre temas diversos, moitas epístolas e algúns poemas. O conxunto dános indicacións preciosas sobre as condicións políticas, morais e literarias da vida do seu tempo. Entre os seus poemas ha de colocarse, en primeiro termo, unha elexía iámbica na honra de Atenas, "primeira e única lamentación chegada a nós sobre a ruína da antiga e gloriosa cidade." Na tosquedade que rodeaba a Atenas e de que fala Miguel, así como na alteración do idioma, han de verse, ante todo, certas pegadas da influencia eslava.

Notas editar

  1. N.G. Wilson, Scholars of Byzantium 1983:204-06.
  2. A.S. Hollis, "A New Fragment on Niobe and the Text of Propertius 2.20.8". The Classical Quarterly, New Series, 47.2 (1997:578-582).

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Edición da súa obra por Spyridon Lambros (1879-1880)
  • Migne, Patrologia Graeca, cxl.
  • Adolf Ellissen, Michael Akominatos (1846), con varias partes traducidas ao alemán
  • Ferdinand Gregorovius, Geschichte der Stadt Athen im Mittelalter, i, (1889)
  • George Finlay, History of Greece, iv. pp. 133–134 (1877).
  • Thallon, C. A Medieval Humanist: Michael Akominatos (New Haven, 1923) (reimpr. Nova York, 1973).
  • Stadtmüller, G. "Michael Choniates, Metropolit von Athen," Orientalia Christiana, 33,2 (1934), 125-325.
  • Setton, K. M. "Athens in the Later Twelfth Century," Speculum, XIX (1944), 179-207.
  • Anthony Kaldellis, "Michael Choniates: a classicist-bishop and his cathedral (1182–1205 AD)," in Idem, The Christian Parthenon: Classicism and Pilgrimage in Byzantine Athens (Cambridge, Cambridge University Press, 2009), 145-162.
  • Este artigo contén textos da edición de 1911 da Encyclopædia Britannica, dispoñible sen restricións coñecidas de dereito de autor.
  • A. A. Vasiliev, Historia del Imperio Bizantino. Tomo Segundo. De las Cruzadas a la Caída de Constantinopla (1081-1453).