Bispo metropolitano

Xa xerarquía das igrexas cristiás, o rango de arcebispo metropolitano, abreviado como metropolitano, designa ao bispo dunha metrópole, é dicir, a capital dunha antiga provincia romana, unha provincia eclesiástica, ou dunha capital rexional.

Julián Barrio, arcebispo da Arquidiocese de Santiago de Compostela, co báculo metropolitano.

Nas diferentes igrexas editar

Na Igrexa de Occidente non hai moita diferenza entre un metropolitano e un arcebispo común; porén, a un arcebispo que non sexa metropolitano chámaselle Arcebispo ad personam. O metropolitano ten precedencia honorífica sobre os outros bispos da súa provincia eclesiástica, chamadas sedes sufragáneas, os cales se denominan bispos sufragáneos.

Para o anglicanismo, o metropolitano é xeralmente o xefe da ala nacional da igrexa.

Nas Igrexas católicas orientais o título úsase de varias formas. As igrexas helénicas clasifican aos metropolitanos por debaixo dos arcebispos, e os primados de igrexas locais baixo o rango patriarcal desígnanse xeralmente como arcebispos.

O caso é inverso para as igrexas ortodoxas, onde os metropolitanos clasifícanse por riba dos arcebispos e o título pode ser usado tanto para sedes do Primado como para calquera cidade importante. En ningún caso teñen os metropolitanos autoridade especial sobre os bispos rexentes nas súas propias provincias.

Historia editar

Creación do título editar

Este título eclesiástico naceu cando, despois do Edicto de Milán de 313, a Igrexa Cristiá comezou a organizarse territorialmente, segundo o modelo da organización civil do Imperio romano, de acordo coa reforma de Diocleciano. Nesta dividiuse o imperio en provincias, que incluían unha metrópole (ou capital) e varias civitates (cidades), polo que a Igrexa se organizou en provincias eclesiásticas, á cabeza das cales estaban os bispos da capital, que tomaron o nome de metropolitanos, aos que estaban suxeitos como dioceses sufragáneas os bispos das outras cidades da provincia. Esta organización xa foi recoñecida como existente no Concilio de Nicea de 325, onde ao bispo metropolitano se confiaba a tarefa de confirmar as eleccións episcopais da súa provincia eclesiástica, sen a cal as eleccións eran nulas (canons 4 e 6)[1]. No Concilio de Laodicea de 363-364 decretouse, no canon 12, que lle correspondía ao metropolitano a tarefa de vixiar a ortodoxia e a moral dos bispos elixidos na súa provincia.[2] No Concilio de Calcedonia de 381 estableceuse que só a autoridade eclesiástica, e non as civís, podía erixir novas provincias eclesiásticas, e nomear así a un novo bispo metropolitano.[3]

Imperio Romado de Oriente editar

A organización das Igrexas nas provincias eclesiásticas encabezadas por un metropolitano, seguindo o modelo das circunscricións civís, púxose pronto en práctica nas comunidades cristiás do Imperio Romano de Oriente, e xa aparece codificada nas Notitiae episcopatuum do Pseudo Epifanio a mediados do século VII. No Imperio bizantino o metropolitano sitúase como unha figura de intermediación entre o bispo e o patriarca, e esta organización establecida no século IV prolongouse moito máis alá do fin do imperio.

Imperio Romado de Occidente editar

No Imperio Romano de Occidente a situación foi moito máis variada, e o desenvolvemento histórico das provincias eclesiásticas non foi unívoco. Na Igrexa de Occidente, o papa foi considerado como o único metropolitano até o século V cando, na Galia e no norte de Italia, os bispos das principais cidades comezaron a levar este título. A tarefa principal do metropolitano era presidir a elección dos bispos da súa provincia e de ordenalos.

Notas editar

  1. Texto: canon 4 e canon 6.
  2. Texto: Karl Josef von Hefele, Concilio de Laodicée en Histoire des Conciles, volume I, parte segunda, París, 1907, p. 1005.
  3. Canon 12 do Concilio.

Véxase tamén editar

Outros artigos editar