Colosas (Κολοσσαί en grego antigo, Colossae en latín) era unha antiga cidade de Frixia, na península de Anatolia, cuxo nome pode ser unha deformación do termo colosal. A cidade estaba xunto ao río Licos, afluente do río Menderes, e situada a 18 quilómetros de Laodicea (nas proximidades da actual cidade turca de Denizli), preto da vía que unía Éfeso e o Éufrates. O lugar nunca foi escavado.

No ano -396, no transcurso das Guerras Médicas, o sátrapa persa Tisafernes foi atraído a Colosas mediante un engado e asasinado por un axente do seu rival Ciro o Mozo. Plinio o Vello afirmou que a la de Colosas daba o seu nome á flor da violeta persa. Durante o período helenístico, a cidade foi un importante centro de comercio, con todo, no século primeiro o seu tamaño e importancia reduciuse considerabelmente.

É coñecida principalmente pola epístola do apóstolo san Paulo, coñecida como Carta ou Epístola aos colosenses, carta enviada á comunidade cristiá de Colosas no ano 57 ou 62. Naquel tempo a cidade estaba baixo xurisdición romana, formando parte da provincia de Asia. Aínda que a maioría da poboación era de orixe frixia, habitaban tamén a cidade xudeus, gregos e romanos.

Ao parecer, Paulo non visitara a cidade antes de escribir a súa epístola aos colosenses, xa que expresa a Filemón na súa epístola o desexo de visitar a cidade nada máis sexa liberado de prisión. Parece ser que foi Epafrás o fundador da comunidade cristiá da cidade.[1][2]

O Milagre
de San Miguel en Chonæ
,
icona do norte de Rusia, século XV.

A poboación entrou en decadencia, posibelmente debido a un terremoto, e as súas ruínas foron ocupadas pola cidade bizantina de Chonai ou Konia,[3] a actual Honaz (Turquía). Chonai foi o lugar de nacemento dos escritores medievais Nicetas Coniates e o seu irmán Miguel.

  1. Col 1:7
  2. Col 4:12
  3. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 07 de febreiro de 2011. Consultado o 21 de xaneiro de 2015.