Microscopia
A microscopia[1] (dos elementos de orixe grega micro-, de μικρός micrós 'pequeno', e -scopia, de σκοπείν shopeín, 'observar'), é o conxunto de técnicas e métodos destinados a facer visíbeis obxectos de estudo que polo seu diminuto tamaño están fóra do poder de resolución do ollo normal.
Aínda que o microscopio é o elemento central da microscopia, o uso deste intrumento require, para producir imaxes adecuadas, de todo un conxunto de métodos e técnicas afíns pero extrínsecas ao aparello, como técnicas de preparación e manexo dos obxectos de estudo, técnicas de saída, procesamento, interpretación e rexistro de imaxes etc.
Historia
editarAnton van Leeuwenhoek (1632-1723), un vendedor de telas holandés, afeccionado a puír lentes, logrou fabricalas o suficientemente poderosas como para observar bacterias, mofos e protozoos, aos que chamou "animálculos".
En óptica, as lentes converxentes, denominadas lupas cando se aplican á visión aumentada, coñécense como microscopios simples.
O primeiro microscopio composto foi desenvolvido polo inglés Robert Hooke (1635-1703), que o utilizou para estudar cortes de cortiza describindo os pequenos poros que viu en forma de favos de panal de abella, e aos que denominou "células".
A partir deste momento, os avances tecnolóxicos permitiron chegar aos modernos microscopios do noso tempo, dos que existen varios tipos e son usados con diferentes fins.
Microscopia óptica
editar- Artigo principal: Microscopio.
A microscopía óptica (ou microscopia con luz clásica) consiste en facer pasar luz visíbel dunha fonte (reflectida, difractada ou refactada) no suxeito de estudo a través de lentes ópticas simples ou múltiplas, para lograr unha vista ampliada da mostra.[2]
A imaxe resultante pode ser vista directamente polo ollo humano, impresa nunha placa fotográfica ou rexistrada e mostrada dixitalmente (e eventualmente almacenada nalgún soporte dixital). Na imaxe á dereita pode verse un microscopio estereoscópico, adecuado principalmente para unha visión binocular directa.
Microscopia electrónica
editar- Artigo principal: Microscopio electrónico.
A microscopia electrónica baséase na utiulización do microscopio electrónico, instrumento que utiliza electróns en vez de fotóns ou luz visíbel para formar imaxes de obxectos diminutos.
Os microscopios electrónicos permiten alcanzar unha capacidade de aumento moi superior á dos microscopios convencionais (ópticos), de até 500.000 aumentos (contra os 1.000 aumentos dos mellores microscopios ópticos) debido a que a lonxitude de onda dos electróns é moito menor que a dos fotóns.
O primeiro microscopio electrónico foi deseñado por Ernst Ruska e Max Knoll entre 1925 e 1930, investigadores que se basearon nos estudos de Louis-Victor de Broglie sobre as propiedades ondulatorias dos electróns.
Notas
editar- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para microscopia. A forma normativa en galego é microscopia, igual que colonoscopia, endoscopia, radioscopia etc. O uso de microscopía é unha influencia do castelán (aínda que neste idioma tamén é correcta a forma microscopia).
- ↑ Abramowitz, M. e Davidson, M. W. (2007). "Introduction to Microscopy". Molecular Expressions. Consultado o 21-09-2012.