Mesotelio
O mesotelio é un tecido biolóxico formado por unha soa capa de células constituída por un epitelio simple escamoso [1], que forma o recubrimento de varias cavidades corporais[2]: a pleura (na cavidade torácica que rodea os pulmóns), o peritoneo (na cavidade abdominal incluíndo o mesenterio) e o pericardio (epitelio que recobre a cavidade pericárdica onde está o corazón). O tecido mesotelial tamén recobre os órganos reprodutores masculinos e femininos internos, como a túnica vaxinal dos testículos e a túnica serosa do útero. Denomínase mesotelio visceral ao que recobre os órganos internos, mentres que o que recobre as paredes do corpo se denomina mesotelio parietal.

Orixe embrionaria
editarO mesotelio deriva do mesoderma embrionario que recobre o celoma do embrión. Desenvólvese en capas de células que cobren e protexen moitos órganos internos do corpo.
Estrutura
editarO mesotelio é un tipo de epitelio simple escamoso que descansa nunha membrana basal sostida por tecido conectivo. O tecido pode ser de tipo cuboidal en zonas lesionadas, en zonas con tecido linfoide do omento, e na cara peritoneal do diafragma superpoñéndose ás lagoas linfáticas. A superficie luminal está cuberta con microvilli. As proteínas e o fluído seroso atrapado polos microvilli proporcionan unha superficie de baixa fricción na zona de contacto entre órganos.
Funcións
editarO mesotelio está composto por unha extensa monocapa de células especializadas (células mesoteliais) que cobren as cavidades serosas e os órganos internos. O principal propósito destas células é producir un fluído lubricante que se libera entre as capas [3], orixinando unha superficie escorregante e non adhesiva que facilita o movemento intracelómico.
O mesotelio tamén está implicado no transporte e movemento de fluídos e materia particulada entre as cavidades serosas, migración de leucocitos en resposta a mediadores inflamatorios, síntese de citoquinas proinflamatorias, factores de crecemento e proteínas da matriz extracelular para axudar na reparación da serosa e a liberación de factores que promoven a disposición e eliminación da fibrina (como o plasminóxeno). As células mesoteliais teñen tamén funcións inmunitarias, xa que poden realizar a presentación de antíxenos, e, ademais, a secreción de glicosaminoglicanos e lubricantes pode protexer ao organismo contra as infeccións e a diseminación de tumores.[4]
Patoloxías que afectan ao mesotelio
editar- Mesotelioma: É o cancro de mesotelio. É unha enfermidade na que as células do mesotelio se transforman en anormais e se dividen sen orde nin control. Poden invadir e danar os tecidos e órganos veciños ou crear metástases noutras partes do corpo. A maior parte dos casos de mesotelioma benigno proceden da pleura ou o peritoneo. Máis dun 90% dos casos de mesotelioma están ligados á exposición ao asbesto (amianto).
- Adherencias intraabdominais: Normalmente, o mesotelio secreta plasminóxeno, o cal elimina os depósitos de fibrina. Durante os procedementos cirúrxicos, o mesotelio pode lesionarse, e a súa capacidade fibrinolítica faise insuficiente, de modo que a fibrina se acumula producindo adherencias fibrosas entre superficies opostas. Estas adherencias provocan obstrución intestinal e infertilidade feminina cando se dan no abdome e poden alterar a función pulmonar e cardiaca.
- Fallo de ultrafiltración: O mesotelio peritoneal está implicado no fallo de ultrafiltración a longo prazo en pacientes sometidos a diálise peritoneal. A presenza de niveis de glicosa superiores aos fisiolóxicos, a acidez e a degradación dos produtos da glicosa nos fluídos da diálise peritoneal contribúen á fibrose do mesotelio peritoneal, xa sexa por transición epitelio-mesénquima (perda da adhesión e aumento da mobilidade celular) ou por un aumento da proliferación dos fibroblastos existentes. Un peritoneo fibrosado produce un aumento do paso de solutos a través do peritoneo e un fallo da súa capacidade de ultrafiltración.
Notas
editar- ↑ Victor P. Eroschenko (2008). Di Fiore's atlas of histology with functional correlations. Lippincott Williams & Wilkins. pp. 31–. ISBN 978-0-7817-7057-6. Consultado o 28 May 2011.
- ↑ Mutsaers SE. The mesothelial cell. Int J Biochem Cell Biol. 2004 Jan;36(1):9-16. PMID 14592528 [1]
- ↑ Leopold G. Koss; Myron R. Melamed (2006). Koss' diagnostic cytology and its histopathologic bases. Lippincott Williams & Wilkins. pp. 124–. ISBN 978-0-7817-1928-5. Consultado o 09 novembro 2012.
- ↑ Yung S, Chan TM. Mesothelial cells. Perit Dial Int. 2007 Jun;27 Suppl 2:S110-5. PMID 17556288 [2]
Véxase tamén
editarOutros artigos
editarLigazóns externas
editar- Mesothelioma: Questions and Answers National Cancer Institute (NCI).
- Universidade de Kansas epithel-epith01Arquivado 19 de abril de 2012 en Wayback Machine."Mesothelium"
- Universidade de Boston 00102loa - "Tissues, Layers, and Organs: transverse section of rat gut"
- Mutsaers SE. "Mesothelial cells: Their structure, function, and role in serosal repair." Respirology 2002; 7:171-191