O mesénquima (ou tecido mesenquimal ou tecido mesenquimático), é un tecido biolóxico que se encontra no embrión e adulto con características de tecido conxuntivo: cunha matriz extracelular composta por fibras delgadas e relativamente poucas células (aínda que a celularidade é moi variable segundo o tipo de tecido mesenquimal). No embrión o mesénquima forma a maior parte do mesoderma (capa xerminal embrionaria) e está formado por células estreladas, separadas por unha matriz xelatinosa, polo que o termo se refire ao aspecto morfolóxico do tecido. No adulto denomínase mesénquima aos tecidos de sostén inmaturos (óso, cartilaxe, tecido conxuntivo etc. inmaturos). En patoloxía denomínase mesénquima ao tecido de sostén dalgúns tumores (tumores de tecido mesenquimal ou sarcomas).

O tecido mesenquimal procede das tres capas embrionarias: ectoderma, endoderma e mesoderma, polo que o termo non ten unha relación exacta coa capa embrionaria de orixe. A maior parte procede do mesoderma, especificamente do mesoderma paraaxial e da lámina lateral. Tamén procede en parte da ectoderma, concretamente da crista neural e as placodas ectodérmicas. Finalmente, tecidos derivados do endoderma poden sufrir transformacións durante a morfoxénese, que dan lugar a células de tipo mesenquimal e epitelial (transformación anepitelial-mesenquimal e mesenquimal-epitelial).

A diferenciación do mesénquima embrionario dará lugar a vasos sanguíneos (co seu endotelio), corazón, músculo liso, mesotelio, sistema linfático e ao tecido conectivo propiamente dito.

As células neoplásicas do adulto derivadas do ectoderma ou endoderma mudan as súas características epiteliais e adoptan unha aparencia mesenquimática cando migran ao tecido conectivo.

Funcións do tecido mesenquimal

editar

As principais funcións dos tecidos derivados do mesénquima son:

  • Dar soporte estrutural.
  • Servir como un medio de intercambio.
  • Axudar á defensa e protección do corpo.
  • Formar un sitio para o depósito de graxa.

Tipos de tecido mesenquimal

editar

O mesénquima posúe células nai pluripotenciais que se diferencian e especializan orixinando diferentes tipos de tecidos:

Ectomesénquima

editar

Denomínase ectomesénquima aos tecidos mesenquimáticos derivados do ectoderma, concretamente da crista neural. O tipo celular do ectomesénquima ten propiedades semellantes ao do resto do mesénquima. Está implicado na formación de tecidos duros e brandos da cabeza e pescozo, como ósos, músculos, dentes e os arcos branquiais.

Enfermidades do tecido mesenquimal

editar

Describíronse varias patoloxías debidas a alteracións no tecidos mesenquimal, tanto hereditarias coma ambientais.

  • Os cancros que se orixinan nos tecidos mesenquimáticos denomínanse sarcomas.
  • Enfermidades do mesénquima de tipo autoinmune principalmente, como a artrite reumatoide, lupus eritematoso sistémico, síndrome de Sjögren, esclerodermia ou esclerose progresiva xeneralizada, polimiosite e dermatomiosite, enfermidade mixta do tecido conectivo, ou a panarterite nodosa.
  • Síndrome de Marfan: Trastorno xenético causado por un defecto na fibrilina.
  • Escorbuto: Causado por unha deficiencia en vitamina C, que conduce á malformación do coláxeno.

Nas esponxas

editar

Nas esponxas denomínase mesénquima, mesoglea ou mesohilo á substancia xelatinosa situada entre o pinacodermo (capa celular externa) e o coanodermo (capa interna). Parécese a un tecido conectivo con fibras, elementos esqueléticos e células ameboides.

Bibliografía

editar
  • T.W.Sadler. Embriología médica de Langman. Panamericana.

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar