Max Beckmann
Max Beckmann, nado en Leipzig o 12 de febreiro de 1884 e finado o 28 de decembro de 1950, foi un pintor, gravador, escultor e gravador alemán, considerado un artista expresionista, aínda que rexeitou sempre tanto o termo como o movemento[1]. Na década de 1920 estivo relacionado co movemento da Nova Obxectividade (Neue Sachlichkeit), saído do expresionismo pero que se opuxo ó emocionalismo introvertido.
Traxectoria
editarNaceu dentro dunha familia de clase media. As súas traumáticas experiencias durante a primeira guerra mundial, na cal serviu como médico, coincidiron coa dramática transformación do seu estilo desde o academicismo máis correcto á distorsión tanto da figura como do espazo, reflectindo a súa alterada visión de si mesmo e da humanidade.[2]
Beckmann é coñecido polos seus autorretratos que pintou ó longo da súa vida, o seu número e intensidade rivalizaron só cos de Rembrandt e Pablo Picasso. Na República de Weimar dos anos vinte, Beckmann gozou de grande éxito e recoñecemento oficial. En 1927 recibiu premios e a Galería Nacional de Berlín mercou varias das súas obras.[3] En 1925 seleccionárono para dar clases maxistrais na escola de arte do Städel en Frankfurt. De entre os seus estudantes máis famosos destacan Theo Garve, Leo Maillet e Marie-Louise von Motesiczky.
Coa chegada de Adolf Hitler ó poder a situación cambiou, considerando unha pexa a arte moderna e mesmo chegando á súa supresión. En 1933 o goberno nazi denominou a Beckmann "bolxevique cultural"[4] e cesouno como profesor da escola de arte de Frankfurt. En 1937 o goberno confiscou máis de 500 das súas obras, moitas delas apareceron na exhibición de arte dexenerada que se montou en Múnic.[5] Durante dez anos, Beckmann viviu na pobreza nun autoimposto exilio en Ámsterdam, intentando, sen éxito, emigrar ós Estados Unidos. Os cadros do seu estudio en Ámsterdam foron mesmo máis poderosos e intensos que os dos seus anos en Alemaña, e incluíu varios trípticos, que constitúen o mellor exemplo da arte de Beckmann.
Despois da guerra, Beckmann marchou aos Estados Unidos, e durante os últimos tres anos da súa vida ensinou nas escolas de arte da Universidade Washington en San Luís e do Brooklyn Museum. Afectado por unha anxina de peito morreu dun ataque ó corazón en Manhattan.[6]
Temas e técnicas
editarDesde os seus comezos na fin de siècle os traballos de Beckmann reflicten os cambios que se estaban a producir tanto na arte como na historia, moitas das súas pinturas expresan a agonía de Europa na primeira metade do século XX. Algúns dos seus traballos refírense ó glamour decadente da cultura do cabaret da República de Weimar, pero a partir da década dos trinta, a súa obra con frecuencia contén referencias mitificadas ás brutalidades dos nazis. Detrás desas situacións inmediatas, os seus personaxes e símbolos asumen un significado máis profundo, dando voz a temas universais: o terror, a redención, as miserias da eternidade e o destino.
Ó contrario que moitos dos seus contemporáneos de avant-garde, Beckmann rexeitou a arte abstracta; pola contra, el asumiu a tradición da pintura figurativa. Admirador de Cezanne pero tamén de Van Gogh, Blake, Rembrandt, Rubens e os artistas do norte de Europa da final da idade media e o comezo do renacemento como Bosch, Brueghel e Matthias Grünewald. Axuntado retrato, paisaxe, vida, mitoloxía e o fantástico, el creou unha versión moi persoal do modernismo, combinándoa coa plasticidade tradicional. Beckmann reinventou o tríptico e reconverteu o arquetipo da pintura medieval nun espello onde mirar a humanidade contemporánea.
Notas
editar- ↑ "Max Beckmann". Arquivado dende o orixinal o 10 de xaneiro de 2006. Consultado o 11 de decembro de 2008.
- ↑ Schulz-Hoffmann and Weiss, Max Beckmann: Retrospective. Munich: Prestel. ISBN 0-393-01937-3, 1984, p.69.
- ↑ Rainbird, 2003, p. 272.
- ↑ Beckmann
- ↑ Rainbird, 2003, p. 274.
- ↑ Rainbird, 2003, p. 283.
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- von Erffa, Hans Martin (ed.): Göpel, Barbara und Erhard (1976). Max Beckmann : Katalog der Gemälde. (2 vls) Bern.
- Hofmaier, James (1990). Max Beckmann: Catalogue raisonné of his Prints. (2 vls) Bern.
- von Wiese, Stephan (1978). Max Beckmann : Das zeichnerische Werk 1903 – 1925. Düsseldorf.
- Reimertz, Stephan (2003). Max Beckmann: Biography. Múnic.
- Belting, Hans (1989). Max Beckmann: Tradition as a Problem of Modern Art. Preface by Peter Selz. Nova York.
- Lackner, Stephan (1969). Max Beckmann : Memoirs of a Friendship. Coral Gables.
- Lackner, Stephan (1977). Max Beckmann. Nova York.
- Michalski, Sergiusz (1994). New Objectivity. Cologne: Benedikt Taschen. ISBN 3-8228-9650-0
- Rainbird, Sean, ed. (2003). Max Beckmann. Nova York: Museum of Modern Art. ISBN 0-87070-241-6
- Schulz-Hoffmann, Carla; Weiss, Judith C. (1984). Max Beckmann: Retrospective. Múnic: Prestel. ISBN 0-393-01937-3
- Selz, Peter (1964). Max Beckmann. Nova York.
Ligazóns externas
editar- Papeis de Max Beckmann, 1904-1974 dende o Smithsonian Institution Art Arquives of American (en inglés).