Masacre do Templo Maior

(Redirección desde «Matanza de Tóxcatl»)

O Masacre do Templo Maior (ou Masacre de Toxcatl) foi un episodio da conquista de México en que os españois masacraron os aztecas no momento en que estes facían unha cerimonia no Templo Maior aos deuses Tezcatlipoca e Huitzilopochtli.[1] O responsábel do masacre foi Pedro de Alvarado — alcumado Tonatiuh, O Sol polos mexicas, pois pensaba tratarse dunha cilada armada polos mexicas. Ao mesmo tempo, Hernán Cortés encontrábase na costa do golfo de México para combater a Pánfilo de Narváez que partira de Cuba coa misión de capturalo.

Masacre do Templo Maior. Pintura contida no Códice Durán.

Antecedentes editar

A chegada a Tenochtitlán editar

 
Lámina do Lenzo de Tlaxcala. Malintzin serviu de intérprete a Hernán Cortés perante os indíxenas, xa que falaba maia e náhuatl.

Hernán Cortés partiu de Cuba para o Iucatán en febreiro de 1519 ao mando dunha expedición de once navíos e pouco máis de seiscentos homes.[2] Ao chegar á actual illa de Cozumel, Cortés informouse da existencia de dous españois que naufragaran algún tempo antes e que vivían había varios anos entre os maias: Jerónimo de Aguilar e Gonzalo Guerrero. Porén, soamente o primeiro quixo unirse á empresa española, pois Gonzalo Guerrero eradaquela cacique dun poboado maia e tiña esposa e fillos, dicindo a Aguilar o seguinte:

Irmán Aguilar, eu son casado e teño tres fillos. Téñenme por cacique e capitán, cando hai guerras, a cara téñoa labrada, e furadas as orellas; que dirán de min eses españois, se me ven ir deste xeito? Vaia vostede con Deus, que xa ve que estes meus filliños son bonitos, e dádeme por vida vosa desas contas verdes que trae, para darlles, e direi, que os meus irmáns mas envían da miña terra.
Gonzalo Guerrero[3]

Jerónimo de Aguilar falaba maia e serviu de intérprete aos recentemente chegados.[4] A expedición de Cortés dirixiuse ao golfo de México e na foz do río Grijalva os españois trabaron unha batalla cos nativos do lugar, a cal venceron grazas á superioridade que lles conferían as súas armas e aos cabalos, animais descoñecidos en América.[5] Entre as ofrendas que os indíxenas fixeron aos vencedores, contábanse vinte mulleres.[6] Unha delas, Malintzin (chamada Malinche polos españois), falaba dúas linguas indíxenas: o maia e o náhuatl, polo que serviu de intérprete de Cortés xunto con Jerónimo de Aguilar.[7]

A expedición continuou o seu camiño até a un lugar que Juan de Grijalva bautizara un ano antes co nome de San Juan de Ulúa.[8] Alí chegaron mensaxeiros de Moctezuma Xocoyotzin, o emperador máis poderoso de Mesoamérica,[9] con ricos presentes para Cortés e os seus homes. Moctezuma II fora informado da chegada de seres extraordinarios que viñan do outro lado do mar acompañando o deus Quetzalcóatl que, segundo a lenda, regresaría un día vindo de oriente.[6] Porén, Moctezuma soubo despois que os españois non eran deidades e pediulles que regresasen por onde tiñan vido.[6]

Pola súa banda, os conquistadores déronse conta de que Moctezuma dirixía un rico e poderoso imperio, o que espertou neles un enorme desexo de chegar á súa cidade capital, Tenochtitlán.[6] Cortés non fixo caso da solicitude de Moctezuma para que abandonase terras mexicanas e alén diso ignorou as ordes expresadas de Diego Velázquez para regresar a Cuba. Polo contrario, decidiu marchar para o interior do territorio.

Submisión e fundación dos territorios editar

Para conferir legalidade á súa empresa, Cortés fundou xunto de San Juan de Ulúa a primeira poboación en terra firme, á cal chamou Villa Rica de Veracruz;[6] os seus homes elixiron un cabido formado por alcaides e rexedores, nomeándoo capitán-xeneral. Con esta acción, Cortés ficaba xuridicamente suxeito á autoridade do rei de España, que nesa época era Carlos I, e abandonaba a do gobernador de Cuba.[6]

Cortés era un bo estratego militar e non demorou moito até saber que había pobos mesoamericanos que loitaban por manterse independentes do dominio mexica e que podían darlle o seu apoio; por esa razón decidiu desmantelar os seus navíos nas costas de Veracruz.[10] Alí preto, o cacique totonaca de Zempoala informou os españois que na súa marcha para Tenochtitlán era conveniente pasaren polo señorío de Tlaxcala, o cal se mantiña independente.[11]

Relato dos feitos editar

Existen dúas versións dos feitos ocorridos en 20 de maio de 1520. Unha é a proporcionada polos cronistas das Indias, escritores de formacións diversas que participaron dunha forma ou outra na conquista daquelas que serían durante tres séculos posesións españolas. A outra ficou esquecida durante moito tempo en textos indíxenas como o códice Ramírez, o códice Aubin e a XIII Relación de Fernando de Alba Ixtlilxóchitl. Estes textos indíxenas foron compilados por Miguel León-Portilla na súa obra Visión de los vencidos.

Dende a perspectiva dos españois, Bernal Díaz del Castillo xustifica a agresión contra a nobreza mexicana no Templo Maior, pois segundo se informou, os mexicas tiñan como obxectivo asasinar a Pedro de Alvarado, quen quedara ao mando das tropas españolas en Tenochtitlan. O masacre produciuse no contexto da celebración de Toxcatl.[12] A este feito habería que sumar o desgusto dos españois pola celebración dun ritual que para eles era pagán, e que implicou a eliminación da efixie da Virxe María e da Cruz que os españois colocaran no templo de Huitzilopochtli, a propósito da celebración indíxena.

Porén, as fontes indíxenas sinalan que os mexicas solicitaran permiso a Alvarado - que, a propósito, participara no masacre de Cholula, e axiña en procesos "pacificadores" entre os mixtecos e Tehuantepec, para finalmente morrer na guerra do Mixtón - para a realización dunha das súas cerimonias relixiosas máis importantes, na cal se efectuaba un ritual semellante á comuñón católica. Pedro de Alvarado autorizou a celebración do acto relixioso, mais cando os señores mexicas bailaban e estaban desarmados, os españois pecharon as saídas do Templo Maior e abriron fogo contra os pipiltin mexicas. Os informadores indíxenas de Bernardino de Sahagún describiron así o episodio:

No momento todos [os españois] acoitelan, alancean á xente e danlles talladas, coas espadas fírennos. A algúns acométennos por detrás; inmediatamente caeron por terra dispersas as súas entrañas. A outros desgarráronlles a cabeza: rebandáronlles a testa, enteiramente feita anacos quedou a súa cabeza.
Mais a outros déronlles talladas nos ombreiros: feitos fendas, esgazados quedaron os seus corpos. A aqueles firen nas coxas, a estes no papo das pernas, aos de máis aló en pleno abdome. Tódalas entrañas caeron por terra e había algúns que aínda en van corrían: ían arrastrando os intestinos e parecían enredar os pés neles. Arelando poñerse a salvo, non atopaban onde dirixirse.[13]

Os mexicas tentaron defenderse do inesperado ataque español, mais como estaban desarmados non puideron facelo. O resultado do enfrontamento foi un número descoñecido de mortos. Unha vez perpetrado o masacre, os españois refuxiáronse nas casas onde foran hospedados polos mexicas, e tomaron a Moctezuma Xocoyotzin como prisioneiro. Máis tarde, os mexicas sitiaron os invasores. Cando Cortés regresou do golfo de México, encontrou os ánimos exaltados en Tenochtitlán por mor dos acontecementos de 20 de maio, e preparou a evacuación de Tenochtitlan, que se efectuou en 30 de xuño de 1520.

Vinte e dous anos despois, o frade dominico Bartolomé de las Casas, na relación que fixo ao emperador Carlos — e que axiña se divulgou por toda Europa — das atrocidades cometidas polos conquistadores, reflexionou o que coñecía do sucedido por testemuños alleos. Aínda que con algunha imprecisión (Las Casas supón que houberon moitas festas en sitios distintos, e que en moitas delas se organizaron masacres), a descrición non difire, no esencial, da indíxena, e a súa previsión de lembranza perpetua foi acertada:

[...] e comezan coas espadas espidas a abrir aqueles corpos espidos e delicados, e a verter aquel xeneroso sangue, que un non deixaron a vida [...] Foi unha cousa esta que a todos aqueles reinos e xentes puxo en pasmo e anguria e loito e encheu de amargor e dor; e de aquí a que acabe o mundo ou eles de todo se acaben, no deixarán de laiar e cantar [...] aquela calamidade e perda da sucesión de toda a súa nobreza [...][14]

Notas editar

  1. Ávila Ramírez, Margarita (setembro de 2007). "La llegada de los conquistadores". Historia de México; sus civilizaciones y su cronología. (3ra ed.). p. 75. 
  2. Ávila Ramírez, Margarita (setembro de 2007). "La llegada de los conquistadores". Historia de México; sus civilizaciones y su cronología. (3ra ed.). p. 74. 
  3. Bernal Díaz del Castillo, Verdadera historia de la conquista de Nueva España, páx. 36
  4. "Biografía de Jerónimo de Aguilar" (en castelán). Consultado o 11 de maio de 2009. 
  5. "La historia de la llegada del caballo a América" (en castelán). Consultado o 11 de maio de 2009. 
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 6,4 6,5 Ávila Ramírez, Margarita (setembro de 2007). "La llegada de los conquistadores". Historia de México; sus civilizaciones y su cronología. (3ra ed.). p. 75. 
  7. "¿Quién fue La Malinche?" (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 17 de febreiro de 2009. Consultado o 11 de maio de 2009. 
  8. "San Juan de Ulúa de Juan de Grijalva" (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 16 de abril de 2009. Consultado o 11 de maio de 2009. 
  9. "El semidios destronado" (en castelán). Consultado o 11 de maio de 2009. 
  10. Ávila Ramírez, Margarita (setembro de 2007). "La llegada de los conquistadores". Historia de México; sus civilizaciones y su cronología. (3ra ed.). p. 72. 
  11. "El Señorío de Tlaxcala, Historia." (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 17 de maio de 2007. Consultado o 11 de maio de 2009. 
  12. Díaz del castillo, Bernal: Historia verdadera de la conquista de la Nueva España, Porrúa, México.
  13. León-Portilla, Miguel: Visión de los vencidos, cap. IX, Universidad Nacional Autónoma de México.
  14. Brevísima historia de la destruición de las Indias, del padre Las Casas

Véxase tamén editar

Outros artigos editar