O marraxo azul [1][2][3] é unha especie de elasmobranquio da orde dos lamniformes (Lamniformes) e familia dos lámnidos (Lamnnidae),[4] de moi ampla distribución, xa que se encontra nos océanos Pacífico, Atlántico e Índico e nos mares Mediterráneo e Vermello.

Marraxo azul
(Isurus oxyrinchus)
Estado de conservación
Vulnerable
Vulnerable
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Clase: Chondrichthyes
Subclase: Elasmobranchii
Orde: Lamniformes
Familia: Lamnidae
Xénero: Isurus
Especie: I. oxyrinchus
Nome binomial
Isurus oxyrinchus
Rafinesque, 1810
Distribución do marraxo azul
Distribución do marraxo azul

Distribución do marraxo azul
Marraxo azul.
Cabeza de Isurus oxyrinchus.
Esqueleto das mandíbulas dun marraxo azul.

Comestíbel, é un erro moi común confundir a súa branca carne coa do mero ou cherna (Polyprion americanus), do mero de altura (Epinephelus marginatus) e do emperador (Luvarus imperialis), chegando a crerse que son o mesmo peixe e cotizándose ao mesmo prezo; porén, estas catro especies son moi diferentes en aspecto e taxonomía: os meros e o emperador son peixes da clase dos actinopterixios (Actinopterygii), cuxo esqueleto é óseo), mentres que o marraxo azul pertence á clase dos condrictios (Chondrichthyes), de esqueleto cartilaxinoso.

O marraxo azul pertence á mesma familia que o tiburón branco, pero é de tamaño bastante menor e, a diferenza del, é un tiburón asociado ás profundidades, sendo estraño velo en augas pouco profundas e próximas á costa.

Descrición editar

As principais características deste peixe son:[2]

  • Corpo fusiforme, moderadamente alongado, robusto e moi hidrodinámico.
  • Ollos arredondados, negros e moderadamente pequenos.
  • Fociño longo e cónico, rematado en punta.
  • Boca grande e estreita, arqueada en forma de U, con amplos diastemas separando ambas as hemimandíbulas.
  • Dentes como follas de barbear, sen cúspides nin bordos serrados.
  • 5 fendeduras branquiais grandes.
  • Aletas pectorais medianas e de extremos arredondados, bastante estreitos. Dúas aletas dorsais, a primeira grande e a segunda pequena e pivotante, o mesmo que a anal; aleta caudal grande, en forma de lúa crecente, con lobos anchos; quillas fortes no pedúnculo, sen quillas secundarias.
  • Cor do dorso e os flancos azul intensa; as zonas ventrais de cor branca.

Tamaño editar

Os marraxos azuis son tiburóns de gran tamaño, normalmente de até os 3,5 ou os 4 m de lonxitude, con pesos de até 700 ou 750 kg. Hai unha cita rexistrada dunha femia de 4,5 m (as femias son de maior tamaño que os machos).[Cómpre referencia]

Historia natural editar

  • Especie de superficie propia de augas quentes, achándose raramente en augas de menos de 16 °C. Aínda que peláxico e de hábitos oceánicos, en ocasións se achega ás costas en busca de alimento, chegando a penetrar en praias e portos.
  • Aliméntase doutros peixes, incluíndo tiburóns, sendo un dos poucos depredadores que ten o peixe espada. É un poderoso e veloz cazador de todo tipo de presas; a súa dieta consiste en peixes pequenos como xardas, arenques, xurelos, sardiñas; medianos, como o bonito e outros túnidos, ou grandes como o atún vermello, o peixe espada, os marlíns e os peixes vela (da familia dos istiofóridos), pero tamén come luras, outros tiburóns, tartarugas mariñas, e toniñas, golfiños e outros pequenos cetáceos.
  • É ovovivíparo e caníbal uternio (cando unha femia ten crías no seu ventre, as máis desenvolvidas comen aos seus irmáns máis pequenos e aos ovos se eclosionar —oofaxia—).[5][6]
  • As camadas son de 4 a 16 crías que miden ao naceren entre 60 e 70 cm. Os machos maduran sexualmente ao acadaren ao redor dos 192 cm, e as femias cando chegan a medir 280 cm.[2]
  • Ao igual que o resto dos tiburóns pertencentes á familia dos lámnidos, os marraxos azuis poden manter unha temperatura corporal superior á do medio (son homeotermos parciais) o que lles permite realizar unha dixestión máis rápida, triplicar a súa forza muscular ou actuar máis rapidamente.
  • Debido ao seu gran tamaño, dentición e agresividade, estes tiburóns son considerados como perigosos, xa que se teñen rexistrados ataques seus a seres humanos, tanto provocados como sen provocar. Son tamén responsábeis de ataques a embarcacións (nas que en ocasións saltan a bordo, sobre todo durante a práctica da súa pesca deportiva).[4]

Velocidade editar

O marraxo azul é un tiburón moi activo, de forza descomunal e gran velocidade. Segundo probas recentes, pode chegar a alcanzar velocidades punta de máis de 124 km/h, o que lle outorga o posto de animal máis rápido do océano, posición que anteriormente se atribuía ao peixe vela cos seus 110 km/h. O secreto de tal potencia e velocidade é a súa perfecta hidrodinámica, a súa potente masa muscular, á súa aleta caudal en forma de media lúa e ao feito de ser homeotermo. Dita combinación de forza e velocidade lle confire a capacidade de saltar moi alto fóra da auga, ao igual que o fai o tiburón branco; ditos saltos adoita realizalos cando está prendido nun anzol de pesca, e poden alcanzar entre 6 e 8 m de altura.[Cómpre referencia]

Estado de conservación editar

O status do marraxo azul está considerado pola IUCN como VU (vulnerábel).[4][6]

Notas editar

  1. Rodríguez Solórzano et al. (1983), p. 33.
  2. 2,0 2,1 2,2 Rodríguez Villanueva et al. (1992), p. 48.
  3. Lahuerta Mouriño, Fernando e Francisco X. Vázquez Álvarez (2000): Vocabulario multiligüe de organismos acuáticos. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia. ISBN 84-453-2913-8, p. 185.
  4. 4,0 4,1 4,2 Froese, R. & Pauly, D. (Eds.) (2009): FishBase.Isurus oxyrhinchus. Versión 10/2009 Arquivado 09 de maio de 2016 en Wayback Machine. (en castelán) Consultada o 28/11/2012.
  5. "More oceanic sharks added to the IUCN Red List". IUCN. 22/02/2007. Arquivado dende o orixinal o 06/07/2008. Consultado o 28/11/2012.. 
  6. 6,0 6,1 Cailliet, G. M.; Cavanagh, R. D.; Kulka, D. W.; Stevens, J. D.; Soldo, A.; Clo, S.; Macías, D.; Baum, J.; Kohin, S.; Duarte, A.; Holtzhausen, J. A., Acuña, E.; Amorim, A. & Domingo, A. (2004): Isurus oxyrinchus Arquivado 11 de xullo de 2012 en Wayback Machine. en IUCN 2010. Lista Vermella de Especies Ameazadas da IUCN. Versión 2010.2. Consultada o 28/11/2012.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Compagno, Leonard; Marc Dando & Sarah Fowler (2005): Sharks of the World. New Jersey: Princeton University Press. ISBN 0-691-12072-2.
  • Rodríguez Solórzano, Manuel; Sergio Devesa Regueiro e Lidia Soutullo Garrido (1983): Guía dos peixes de Galicia. Vigo: Editorial Galaxia. ISBN 84-7154-433-4.
  • Rodríguez Villanueva, X. L. e Xavier Vázquez (1992): Peixes do mar de Galicia. (I) Lampreas raias e tiburóns. Vigo: Edicións Xerais de Galicia. ISBN 84-7507-654-8.
  • Solórzano, Manuel R[odríguez]; José L. Rodríguez, José Iglesias, Francisco X, Pereira e Federico Álvarez (1988): Inventario dos peixes do litoral galego (Pisces: Cyclostomata, Chondrichthyes, Osteichthyes). O Castro-Sada, A Coruña: Cadernos da Área de Ciencias Biolóxicas (Inventarios). Seminario de Estudos Galegos, vol. IV. ISBN 84-7492-370-0.

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar

Vídeos para o gran público