Margarita Nelken
Margarita Nelken Mansberger, nada en Madrid o 5 de xullo de 1894[1] e finada en Cidade de México o 9 de marzo de 1968, foi unha escritora, crítica de arte e política española, unha das representantes do incipiente movemento feminista en España durante a década de 1930.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | (es) Margarita María Teresa Lea Nelken y Mansberger 5 de xullo de 1894 Madrid, España |
Morte | 8 de marzo de 1968 (73 anos) Cidade de México |
Deputada nas Cortes republicanas | |
24 de febreiro de 1936 – 2 de febreiro de 1939 Lexislatura: III lexislatura da Segunda República Española Circunscrición electoral: Badajoz (en) | |
Deputada nas Cortes republicanas | |
30 de novembro de 1933 – 7 de xaneiro de 1936 Lexislatura: II lexislatura da Segunda República Española Circunscrición electoral: Badajoz (en) | |
Deputada nas Cortes republicanas | |
10 de outubro de 1931 – 9 de outubro de 1933 ← Juan Morán Bayo (en) Lexislatura: I lexislatura da Segunda República Española Circunscrición electoral: Badajoz (en) | |
Actividade | |
Lugar de traballo | Madrid |
Ocupación | escritora, política, crítico de arte, tradutora |
Partido político | Partido Comunista Español (1936–) Partido Socialista Obrero Español Partido Comunista de España |
Membro de | |
Familia | |
Irmáns | Magda Donato |
Descrito pola fonte | América Latina en la Internacional Comunista 1919-1943 (en) |
Traxectoria
editarCoñecida pola súa decidida actuación política durante a Segunda República e a Guerra Civil, Margarita Nelken tamén destacou como crítica de arte, xornalista e escritora desde unha idade moi temperá. Filla dunha francesa e dun xoieiro español, ambos descendentes de xudeus alemáns, nacera na entón rúa de Barrionuevo, n.º 5, hoxe rúa do Conde de Romanones, en pleno corazón madrileño. Gustáballe mencionalo, dado que a orixe estranxeira da súa familia sería un dos brancos preferidos da dereita española respecto da súa persoa, xunto ao seu intelecto e á súa defensa dos dereitos da muller en plano de igualdade co home. O seu avó materno chegara á capital en 1889 como reloxeiro de palacio e posuía unha reloxaría e xoiaría na Porta do Sol, n.º 15.
Margarita recibiu unha educación esmerada que se traduciu en temperás inclinacións cara á pintura, as letras e a música. De intelixencia precoz, o seu primeiro artigo crítico sobre os frescos de Goya en San Antonio da Florida escribiuno aos 15 anos para a prestixiosa revista de arte londiniense The Studio. Foi a irmá máis vella da tamén escritora e destacada actriz Carmen Eva Nelken (Magda Donato), tamén exiliada en México á fin da Guerra Civil española. Abandonou as súas primeiras afeccións en plena mocidade para dedicarse ó activismo político e social, aínda que seguiría sendo sempre unha destacada publicista. Falaba fluidamente francés e alemán e a ela débese a primeira tradución de Kafka ó castelán. Posuía unha cultura excepcional e relacionábase con Santiago Ramón y Cajal, Benito Pérez Galdós e a xeneralidade dos círculos intelectuais da súa época.
Inquieta pola realidade española, en 1919, publicou a súa primeira obra longa, La condición social de la mujer en España. Su estado actual: su posible desarrollo, un incisivo estudo feminista. Continuou esta liña de traballos con Maternología y puericultura (1926), torno a nosotras (diálogo socrático) (1927), Las escritoras españolas (1930) e La mujer ante las Cortes Constituyentes (1931). Nos primeiros meses de 1931, ingresou no PSOE e participou, como candidata da Agrupación Socialista de Badaxoz, nas eleccións parciais de outubro de 1931. Resultou elixida entón e tamén en novembro de 1933 e febreiro de 1936. De feito, é a única muller que conseguiu as tres actas parlamentarias durante a Segunda República. Estaba casada con Martín de Paul, pai do seu fillo Santiago e cónsul da República Española en Ámsterdam durante a guerra.
Foi contraria a outorgar o dereito de sufraxio á muller en 1931, posición compartida tamén por Victoria Kent. Sostiña que a falta de madurez e de responsabilidade social da muller española podía pór en perigo a estabilidade da República, xa que unha porcentaxe moi elevada de mulleres, antes de votar, consultaría co seu confesor.[Cómpre referencia] As eleccións de 1933, primeiras nas que votaron as mulleres, deron o triunfo ás dereitas.
Tras o fracaso da revolución de Asturias de 1934, á entón parlamentaria socialista retiróuselle a inmunidade parlamentaria e foi procesada, aínda que antes de que se ditase sentenza fuxiu a Francia.[2] Instalouse en París, visitando diferentes países nórdicos, e posteriormente estivo durante case un ano na Unión Soviética. Volveu a tempo de participar nas eleccións de febreiro de 1936 como candidata socialista do Fronte Popular. No verán de 1936 tivo unha destacada participación en armar e alentar ós traballadores para facer fronte ós militares sublevados. Estivo nas frontes de Estremadura e Toledo. En novembro de 1936 participou na defensa de Madrid e distinguiuse así mesmo na organización da Unión de Mulleres Antifascistas. Incorporouse ó PCE en novembro de 1936, pouco despois da formación do Goberno de Largo Caballero. Pasou a última etapa da guerra en Barcelona e foi a única deputada presente na última reunión das Cortes republicanas en chan español, celebrada nos subterráneos do castelo de Figueras o 1 de febreiro de 1939.
Cruzou a fronteira francesa xunto á súa filla Magda durante a retirada xeral de Cataluña. Ambas traballaron intensamente desde Perpiñán na asistencia ós refuxiados republicanos internados nos campos de concentración franceses nos primeiros meses do exilio.
Marchou logo a París e, a finais de 1939, a México, onde o presidente Cárdenas a convidara a instalarse. Xunto á súa nai, a súa filla e a súa neta, abandonou Francia antes da ocupación nazi. En México gañou a vida escribindo e retomou con paixón a crítica de arte. Traballou na Secretaría de Educación Pública, colaborou co goberno republicano no exilio, participou nas actividades da Unión de Mujeres Españolas, sen abandonar as actividades literarias e xornalísticas, ocupándose dunha páxina semanal sobre arte no Excelsior. En outubro de 1942 foi expulsada do PCE tras criticar a política comunista de Unión Nacional. Dado ese feito, participou como deputada independente na reunión das Cortes da República Española na cidade de México en 1945. Durante 1948 viaxou por Europa dando conferencias sobre arte latinoamericana en Ámsterdam e en París. Foi unha das críticas de arte máis influentes e respectadas en México até o seu falecemento en 1968. En México recibiu a medalla dos Agraristas.
A morte dos seus dous fillos (Santiago, en 1944, loitando no exército soviético, e Magda en 1956, de cancro) sumírona nunha fonda crise. Queixábase de que a dirección do PCE e, en particular, Dolores Ibárruri, non lle comunicaran a morte do seu fillo. Foron os soviéticos quen lla comunicaron ó final da contenda e entregándolle a súa condecoración na embaixada soviética na capital mexicana. Nelken mantívose con todo activa até o final dos seus días na crítica de arte, o xornalismo e as actividades do exilio español en México e outros países.
Obras
editar- La condición social de la mujer en España. Su estado actual: su posible desarrollo (1919)
- La trampa del arenal, novela (1923)
- Maternología y puericultura (1926)
- En torno a nosotras (diálogo socrático) (1927)
- Las escritoras españolas (1930)
- La mujer ante las Cortes Constituyentes (1931)
- Tres tipos de Virgen: Angélico, Rafael, Alonso Cano (1942)
- Las torres del Kremlin (1943)
- Primer frente (1944)
- Carlos Orozco Romero (1959)
- Ignacio Asúnsolo (1962)
- El expresionismo mexicano (1965).
Recoñecementos
editar- Avilés, Madrid, Miguelturra, Zaragoza[3] e Selecta[4] dedicaron unha rúa á súa memoria.
- En Coslada existe unha biblioteca municipal co seu nome.[5]
- En Badaxoz unha rúa levou o seu nome até maio de 2009,[6]data na que o pleno do concello gobernado polo Partido Popular aprobou o cambio polo de Antonio Ayuso Casco. Este cambio foi promovido polo equipo de goberno de Miguel Celdrán Matute, co argumento, segundo a concelleira de cultura nese momento, Consuelo Rodríguez Píriz, de que «Nelken era defensora da pena de morte e escribiu diferentes artigos apoiando a pena capital».
Notas
editar- ↑ Fundación Pablo Iglesias. "Nelken Mansberger, Margarita". Diccionario biográfico. Consultado o 13 de xuño de 2012.
- ↑ Benjamín Rivaya: «Recuerdo de Veneranda Manzano (1893-1992)», en La Nueva España de Oviedo (sección «Oviedo y Centro Semanal», p. 5, 22 de abril de 2006).
- ↑ Concello de Zaragoza. "Rueiro de Zaragoza". Consultado o 27 de decembro de 2011.
- ↑ Concello de Selecta. "Rueiro de Granada". Arquivado dende o orixinal o 15 de abril de 2014. Consultado o 26 de setembro de 2012.
- ↑ Concello de Coslada. "Biblioteca Margarita Nelken". Arquivado dende o orixinal o 12 de setembro de 2019. Consultado o 10 de marzo de 2012.
- ↑ Diario Hoy. "Suprimen rúa Margarita Nelken".
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Margarita Nelken |
Bibliografía
editar- Sabatés, Sandra; Juan, Ana (2018). Pelea como una chica. Barcelona: Editorial Planeta. ISBN 978-84-08-19623-5.