Lugh

(Redirección desde «Lug»)

Lugh ou Lug é unha das máis senlleiras deidades da mitoloxía celta. Recibe o apelativo de samildanach, ou o 'múltiple artesán'. Tal denominación non é a dun deus supremo, senón a dun deus sen función específica, porque as ten todas. Xaora, trátase dunha divindade común a todos os pobos celtas que se pode atopar en boa parte dos panteóns desta cultura. O seu atributo é a lanza.

Lugh
Membro da Tuatha Dé Dannan
Relevo dun deus de tres caras do nordeste da Galia que se cre que é Lugus, o equivalente galo de Lugh.
Outros nomesLug
MoradaOuteiro de Tara
ArmasGae Assail
Fragarach
Tathlum
AnimaisFailinis
Enbarr
FestivaisLughnasadh
Aonach Tailteann
Información persoal
PaisCian
Ethniu
ConsorteBuí
Nás
Deichtine (mortal)
FillosIbic
Ebliu
Cú Chulainn (mortal)
Imaxe dunha deidade celta de tres cabezas atopada en París; orixinalmente interpretada como Mercurio, hoxe crese que representa a Lugh.[1]

O seu nome é raramente atopado en inscricións, pero a súa importancia estriba en etnónimos (como os lugones) e nomes de lugares. A súa natureza e atributos dedúcense da iconografía das inscricións romano-celtas adicadas a Mercurio, que é considerado como unha identificación de Lugh. Ademais, coñécese máis información a través das narrativas cuasi-mitolóxicas de conatos posteriores, o irlandés Lugh Lámhfhada (Lugh do longo brazo) e o galés Lleu Llaw Gyffes (Lleu da man hábil).

É posible que Lugh fose unha deidade tripla, incluíndo a Esus, Teutates e Taranis, as tres grandes deidades mencionadas por Lucano.

A "morte tripla" nos sacrificios humanos dos celtas é posible que reflectise a tríade divina.

Etimoloxía

editar

A etimoloxía exacta de Lugh é descoñecida e debatida. A raíz protocelta do nome, *lug-, crese que deriva dunha das diferentes raíces protoindoeuropeas que se coñecen, como *leug- "negro",[2][3] *leuǵ- "romper",[4] ou *leugʰ- "facer un xuramento",[5]

Outrora pensouse que a raíz podía derivar de *leuk- "brillar", pero esta etimoloxía presenta dificultades e poucos estudosos a aceptan como posible (principalmente porque o protoindoueropeo *-k- nunca produce o protocelta *-g-[6]).

Inscricións

editar
 
Inscrición votiva a Lugh achada en Lugo e conservada no castelo de Santo Antón da Coruña.

O deus Lugh menciónase na inscrición celtibérica de Peñalba de Villastar, que di:

ENI OROSEI VTA TICINO TIATVNEI TRECAIAS TO LVGVEI ARAIANOM COMEIMV ENI OROSEI EQVEISVIQVE OGRIS OLOCAS TOGIAS SISTAT LVGVEI TIASO TOGIAS

A interpretación exacta desta inscrición non está clara, pero a frase "to Luguei" (onde o teónimo aparece en dativo singular após a preposición to "a, para") indica claramente unha dedicación ó deus Lugh.[7][8]

Por outra banda, o nome aparece en numerosas ocasións en plural, por exemplo: nominativo plural Lugoues nunha inscrición (potencialmente gala) dunha soa palabra en Avenches, Suíza, e en dativo plural nunha inscrición latina de Uxama (Osma):

Lugovibus sacrum L. L(icinius) Urcico collegio sutorum d(onum) d(at)[9]
"LL Urcico dedicou isto, sagrado para os Lugoves, ó gremio de zapateiros"[10]

A forma en plural do teónimo tamén foi atopado nas seguintes inscricións:

Lugo:

Luc(obo) Gudarovis Vale[r(ius)] Cle.[m](ens) V(otum) L(ibens) S(olvit)[11]

Outeiro de Rei, Lugo:

Lucoubu Arquieni(s) Silonius Silo ex voto[11]

Sober, Lugo:

Lucubo Arquienob(o) C(aius) Iulius Hispanus V(otum) L(ibens) S(olvit) M(erito)[11]

Nemausus (Nimes), Francia:

Rufina Lucubus v(otum) s(olvit) l(ibens) m(erito)[11]

A maioría das inscricións dedicadas a Lugh proveñen da Península Ibérica, indicando quizais a particular importancia da deidade entre os pobos celtas da península.[12]

Deus pancéltico

editar

A importancia de Lugus en galo é especialmente testemuñada por unha cantidade de topónimos dos cales o máis coñecido é Lugdunum (fortaleza de Lugus), a cidade de Lión. Tamén dentro de Galicia hai teorías de que o nome latino da cidade de Lugo, Lucus Augusti, podería provir desta divindade. O seu equivalente no país de Gales denomínase Lleu Llaw Gyffes ("o da man destra"), aparece na literatura nos relatos dos "Mabinogion" e nas fontes irlandesas, onde foi tratado con maior amplitude, en particular no "Cath Maighe Tuireadh" (a "Batalla de Mag Tured").

Nos nosos días, Lugh esta presente na festa do 1 de agosto: Lugnasad (Lûnasa en grafía moderna).

Mitoloxía irlandesa

editar

Os Tuatha Dé Danann

editar
 
Lanza máxica de Lugh.

Segundo as fontes irlandesas, a sociedade divina está estruturada da mesma maneira que a sociedade humana, e a organización dos Tuatha Dé Danann (as xentes da tribo de Dana) está xerarquizada en tres clases funcionais:

  • A función sacerdotal, cuxo rol apunta ao sacro, encarnada por Dagda, o deus-druída.
  • A función guerreira, encargada especialmente da soberanía, representada por Ogma, o deus guerreiro, e Nuada, o deus-rei.
  • A función artesanal, que se produce polo conxunto da comunidade, figurada por Goibniu, Credne e Luchta.

Este esquema retoma a ideoloxía tripartia dos indoeuropeos como foi estudado por Georges Dumézil. Lug non pertence a ningunha clase en particular, máis ben a todas; el está por encima debido a que pode asumir todas as funcións. Un dos seus sobrenomes é Samildanach, o "politécnico" no sentido de que domina todas as artes e todas as ciencias.

Xénese e iniciación

editar

Lug é o fillo de Cian e Eithne, tamén está emparentado cos Fomoré polo seu avó materno Balor, a quen mata coa súa tirafonda, de conformidade cunha profecía.

Ao presentarse na residencia do rei Nuada, na ocasión dunha festa, o porteiro négalle a entrada. Lugh afirma que el pode ser útil, ao que lle responden cunha negativa. Deste xeito proponse servirlles para ser aceptado, polo que se declara sucesivamente carpinteiro, ferreiro, guerreiro, poeta, meigo, pousadeiro e broncista sen conseguir entrar. Por último, declara que posúe todas as capacidades e por fin admíteno no castelo.[13] O rei Nuada desafíao a unha partida de xadrez, dispútana xa que logo, e acaba coa vitoria de Lugh. Esta partida é puramente simbólica, xa que se trata dunha xusta intelectual a través da cal Lugh toma o poder do mundo.

En posteriores relatos, volve figurar combatendo á beira do seu fillo Cúchulainn, na invasión do Ulster pola raíña Medb.

Cristianización

editar

Segundo algúns estudosos, a historia de san Lourenzo serviu para a cristianización do deus Lugh. O festival pagán realizábase a principios do mes de agosto (Lughnasa, pronunciado lunasa é o nome do mes de agosto en Irlanda).

En Lión (Francia) realizábase unha gran festa de tres noites para Lugh, que foi substituída polo festival de Saint Laurent, tamén de tres días (dende o 10 de agosto).

  1. Bas-relief discovered in Paris in 1867 and preserved at the Carnavalet Museum, from J.-L. Courcelle-Seneuil, Les Dieux gaulois d'après les monuments figurés (The Gallic Gods According to the Figurative Monuments), Paris, 1910.
  2. Julius Pokorny, Zeitschrift fuer Celtische Philologie, 21, 1940, 114f.
  3. Julius Pokorny, Indogermanisches Etymologisches Woerterbuch, Francke, 1959, 686.
  4. Bernard Mees, Celtic Curses, Boydell & Brewer, 2009, p. 45.
  5. H. Wagner, Studies in the Origins of early Celtic Civilisation, Zeitschrift fuer Celtische Philologie, 31, 1970, p. 24.
  6. Peter Schrijver, Studies in British Celtic historical phonology, Rodopi, 1995, pp. 348-348
  7. Lejeune, Michel,Celtibérica, Universidad de Salamanca, 1997, pp. 8ff.
  8. Koch, John, Celtic Culture: a historical encyclopedia, ABC-CLIO, 2006, p.
  9. Corpus Inscriptionum Latinarum, Vol. 2, Walter de Gruyter, 1974, p. 387, inscription 2818.
  10. Gruffydd, William John. Math vab Mathonwy, University of Wales Press, 1928, p. 238.
  11. 11,0 11,1 11,2 11,3 Francisco Beltrán Lloris, Carlos Jordán Cólera, Francisco Marco Simón*. "Novedades epigráficas en Peñalba de Villastar (Teruel)" (PDF). ifc.dpz.es. Consultado o 15 de setembro de 2022. 
  12. Francisco Marco Simón, "Religion and Religious Practices of the Ancient Celts of the Iberian Peninsula" Arquivado 15 de febreiro de 2009 en Wayback Machine., E-Keltoi Vol 6 Arquivado 16 de abril de 2009 en Wayback Machine., 2007
  13. Marcel Brasseur Os celtas. Os deuses esquecidos. Toxosoutos, 1998, páxina 72

Véxase tamén

editar

Ligazóns externas

editar