Linguaxe literaria

O termo linguaxe literaria, ou literatura, ten a súa base etimolóxica no latín LITTERATTURA ‘a letra do alfabeto’, derivado de LITTERA á súa vez, calco lingüístico do grego GRAMMATIKÉ.

Nas súas orixes, pois, asemella que a idea da literatura está vencellada á escrita, á capacidade de manipulación da palabra, á competencia que posúe aquel que ten coñecemento de gramática, retórica e estilística. Así a todo, en sentido sociolóxico e antropolóxico fálase hoxe en día de literatura oral, ligada frecuentemente ás tradicións populares e é aí onde xorde unha das dúas obxeccións que se lle fan ó termo literatura, pois, pola súa etimoloxía, remite exclusivamente a aquilo que esta escrito ou impreso. A outra fundamental obxección débese á pouca precisión que o termo presenta. Escarpit, entre os moi distintos significados da literatura, indica: a arte específica do escribir, o mundo das letras e dos escritores, a arte da expresión intelectual, as obras non escritas, o conxunto de obras literarias e dos escritos dunha época ou dun territorio, a ciencia e a cultura en xeral, ...

O único modo de resolve-la cuestión é deslinda-lo uso especial que se fai da linguaxe na literatura. A linguaxe é o material da literatura e a distinción principal ha de establecerse comparando os tres usos da linguaxe: o literario, o corrente e o científico, para despois, expresar cales son os procedementos que determinan o uso especial que da linguaxe se fai na linguaxe literaria

Linguaxe científica e linguaxe literaria

editar

É doado distinguir entre a linguaxe da ciencia e a linguaxe da literatura. A linguaxe científica ideal é puramente denotativa, cousa que se observa claramente no feito de que a terminoloxía careza de plano do contido. É unha linguaxe universal. Mentres que a literaria é connotativa e dista moito de ser soamente designativa.

Por outra banda, na linguaxe literaria faise fincapé no signo mediante técnicas coma a aliteración, a paronomasia,... Na científica é crucial a representación da realidade extralingüística.

Criterio de oposición LINGUAXE LITERARIA LINGUAXE CIENTÍFICA
ESPÍRITO Creativo Totalmente pragmático
OBXECTO As dúas caras do signo lingüístico A realidade
CARÁCTER Connotativo Denotativo
IDEAL Linguaxe expresiva Linguaxe universal
DIMENSIÓN Estética, expresiva Representativa
PRODUTO É +/- subxectivo e simbólico Obxectivo e designativo

Linguaxe cotiá versus linguaxe literaria

editar

Moito máis complicado é distinguir linguaxe corrente ou cotiá e linguaxe literaria. A linguaxe corrente non é un concepto uniforme; comprende variantes tales como a conversación, o estilo comercial, a fraseoloxía oficial, a linguaxe amorosa, a linguaxe da relixión, a xerga dos estudantes... Nin sequera podemos considerar que a linguaxe literaria teña o uso exclusivo da dimensión estética pois esta pode estar perfectamente presente na linguaxe cotiá.

Unha primeira distinción podería basearse no feito de que na fala cotiá non hai conciencia dos signos, mais así e todo, esta conciencia aparece no simbolismo fónico de nomes e accións, nas onomatopeas.

Tampouco é valido indicar que a linguaxe cotiá non sempre ten unha función comunicativa. A parola dun neno durante horas enteiras sen que ninguén o escoite, pon de manifesto que hai algunha outra función da linguaxe. A esta outra función achegámonos desde unha perspectiva psicolingüística. Hans Hörmann considera que hai unha función previa á comunmente aceptada función comunicativa, a función descritiva: o home pode comprende-lo mundo, o ‘ser así’ das cousas, con independencia da linguaxe; pero precisa designar, describir, o que xa coñece desta maneira con palabras elixidas ó seu arbitrio sen que haxa unha intención comunicativa. ¿Acaso, na escrita literaria de carácter automático non pode haber unha exclusiva función descritiva?

Non é posible, xa que logo, atendendo ó obxecto, ó código, ó carácter, á dimensión, ó ideal ou ó espírito, desenvolver unha distinción totalmente certa entre linguaxe cotiá e linguaxe literaria. As marxes, segundo René Wellek e Austin Warren (Teoría literaria. Gredos 1981), non son de índole cualitativa, senón, máis ben, unha apreciación cuantitativa: os recursos da linguaxe explótanse na linguaxe literaria moito máis deliberada e sistematicamente: Na obra dun poeta subxectivo maniféstasenos unha personalidade moito máis coherente e totalizadora cá das persoas tal como as vemos en situacións correntes [...] A linguaxe poética organiza, tensa os recursos da linguaxe cotiá e ás veces chega a facerlles violencia esforzándose en esperta-la nosa conciencia e provoca-la nosa atención. Moitos destes recursos encóntraos o escritor formados e performados pola obra calada e anónima de moitas xeracións.

Poderíase aceptar que a literatura é ficción e que esta é a característica distintiva da literatura, mais hai casos fronteirizos como A República de Platón.

En conclusión, desde unha perspectiva moderna, o perímetro da literatura coincide co da linguaxe usada e dirixida especificamente cara ó valor estético, de tal modo que o estilo, a forma, que constitúen a connotación primordial da obra literaria, haberán de ser considerados primeiramente, inda que non sempre- como escritura. As marxes entre a linguaxe corrente e a literaria, non son de índole cualitativa, senón, máis ben, unha apreciación cuantitativa: os recursos da linguaxe explótanse na linguaxe literaria moito máis deliberada e sistematicamente do que no resto de situacións comunicativas. A especificidade da literatura está apresada na peculiar síntese estético-lingüística de profundas experiencias existenciais, culturais, históricas das que o escritor se fai intérprete por natureza; e é que só atendendo á literatura como acto comunicativo acadarémo-lo seu sentido real: A literatura é unha experiencia profunda do mundo totalmente expresa en signos, formada, vizosa en recursos expresivos, socializadora, e ficticia.