Lingua asiria

lingua semítica da Asiria antiga

O asirio é unha lingua semítica, que forma unha rama lingüística do acadio, falado e escrito na Asiria antiga, coñecida por un importante corpus de inscricións monumentais e taboíñas cuneiformes. As diferenzas entre o asirio e a rama babilonia do acadio son sobre todo sensíbeis na fonética.

Historia editar

Distínguense tres estados sucesivos do dialecto asirio: paleoasirio, asirio medio e neoasirio.

O paleoasirio editar

O paleoasirio é a lingua de documentos que datan dos séculos -XIX e -XVIII, esencialmente atopados no emporio comercial asirio de Kanesh, en Anatolia. Esta lingua é próxima ao paleobabilonio contemporáneo, e conserva así a mimación. A lectura deste dialecto é a miúdo complicada pola vontade dos escribas de utilizaren un número reducido de signos cuneiformes (seguramente porque a maioría deles non eran escribas). Desde o punto de vista fonético, non se contraen as vogais consecutivas nunha mesma palabra, e hai normas de harmonía vocálica particulares.

O asirio medio editar

Escríbese o asirio medio do século -XIV ao -XI, no reino de Asiria. Como no caso do babilonio, este período ve desaparecer a mimación. O wa- inicial verbal convértese nun simple u-, mentres que -w– que se atope no interior dunha palabra vólvese a miúdo en -b-. O sufixo -u vinculado ao verbo final dunha oración subordinada vólvese –ni. O estativo implica tamén algunhas formas particulares.

O neoasirio editar

O neoasirio é a lingua do Imperio asirio, que domina o Oriente Próximo de -911 a -612. Documéntase polo tanto moi abundantemente, malia a que non é a lingua das inscricións reais, que se escriben en babilonio normal. O neoasirio coñece evolucións próximas ás do neobabilonio, en particular, desde o punto de vista fonético o -št - que pasa a ser -lt-, e a nivel gramatical a notación irregular das desinencias casuais.

Corpus editar

Os primeiros textos traducidos foron as inscricións do palacio de Sargón II, o rei neoasirio.

O asirio escribíase por medio de signos cuneiformes herdados da escritura sumeria, gravados en taboíñas de arxila por medio do cálamo (cana) ou na pedra nas inscricións monumentais. Os cuneiformes neoasirios presentan unha aparencia simplificada con relación aos seus correspondentes babilonios.

A lingua neoasiria aos poucos foi suplantada por outra lingua semítica, non acadia, o arameo.

Nota: a lingua falada polos cristiáns asirios contemporáneos, cuxa ascendencia asiria é moi discutida ou mesmo negada, é unha rama moderna do arameo.

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar

Linguas semíticas
Ugarítico † | Fenicio † | Púnico † | Hebreo | Amonita † |
Moabita † | Edomita † | Arameo | Acadio † | Babilonio † | Asirio † | Árabe | Sudarábiga | Etiópico