Asirioloxía
A asirioloxía é o estudo arqueolóxico, histórico e lingüístico da antiga Mesopotamia [1]
As referencias deste artigo non teñen un formato correcto. Podes colaborar editándoas como se indica nesta páxina. Pode axudar a mellorar este artigo e outros en condicións semellantes. |
Historia
editarAínda que houbo viaxeiros que se interesaron polo pasado remoto das terras mesopotámicas percorrendo o que quedaba das súas ruínas, non foi ata o século XVIII cando o interese se fai máis sistemático, organízanse expedicións desde Europa cara a eses lugares como as de Carsten Niebuhr, que copia inscricións en Persépole, ou de André Michaux quen levou a Europa a primeiro documento epigráfico cuneiforme, concretamente un kudduru (pedra gravada).[2] Todo o cal fixo aumentar a curiosidade por aquela civilización perdida entre a clase intelectual europea. Un destes eruditos, Georg Friedrich Grotefend conseguiu en 1802[3] identificar, nas copias que realizara Niebuhr das inscricións cuneiformes de Persépolis, o título de rei e os nomes de Darío, Xerxes e Histaspes [4] por medio da súa comparación co avéstico xa que pensaba que estaban escritas nesa lingua. Nos anos seguintes conseguiu identificar algunha palabra máis e recoñecer 300 signos diferentes.
Pero os alicerces da asirioloxía púxoos Henry Rawlinson, un oficial enviado a Persia para organizar o exército do xa, interesouse polas vellas inscricións e en particular pola Inscrición de Behistún, trilingüe, en escrita cuneiforme, en persa antigo, elamita e babilónico e en 1837 descifrou a metade do texto en persa antigo completando o seu desciframento en 1839[5] o que abriu a porta a que se descifrasen outras linguas de escrita cuneiforme, así o propio Rawlinson comparando os textos babilonio e persa antigo conseguiu ler 80 nomes babilonios, o que equivalían a 100 signos, descubrindo que cada un destes signos podía ter varios valores silábicos.
Ao tempo destes descubrimentos epigráficos comezan a se desenvolver as escavacións, as primeiras realizounas Paul-Émile Botta[6] en Nínive en 1843 e tiñan como único obxecto a procura de obxectos para exhibilos nos museos europeos e que levou mesmo á destrución de sectores enteiros de moitos xacementos. Con todo, estas escavacións puxeron ao alcance dos investigadores unha gran cantidade de material que fixo avanzar os coñecementos sobre a rexión e a súa cultura. Julius Oppert deduciu que a escrita cuneiforme tivera que ser inventada por un pobo non semita[7] xa que o seu carácter silábico a facía estraña para unha lingua semita. A súa teoría non a compartiron a maioría dos investigadores pero o descubrimento por Ernest de Sarzec en 1877 dos primeiros documentos sumerios veulle dar a razón.
A comezos do século XX as escavacións en Mesopotamia comezan a se realizar segundo o método arqueolóxico, foi fundamental para o paso das escavacións de afeccionados a outra profesional a chegada dos alemáns: Robert Koldewey nas súas escavacións en Babilonia revolucionou a arqueoloxía mesopotámica[8], desenvolvendo técnicas para recoñecer e escavar restos arquitectónicos e Walter Andrae continuou o seu labor, desenvolvendo o estudo da estratigrafía.
Asiriólogos
editarNotas
editar- ↑ Jim Grant, Sam Gorin, Neil Fleming The Archaeology Coursebook: An Introduction to Study Skills, Topics and Methods, Londres, 2001, páx. 57
- ↑ Pierre Pinta, L'Irak, París, 2002, páx. 239
- ↑ Stephen Bertman Handbook To Life In Ancient Mesopotamia, Oxford, 2005, páx. 139
- ↑ Josef Wiesehöfer, Azizeh Azodi Ancient Persia: From 550 BC to 650 AD, Londres, 2001, páx 236-238
- ↑ Barbara Ann Kipfer Encyclopedic Dictionary of Archaeology, Nova York 2000, páx 698
- ↑ Erich Zehren, The Crescent and the Bull: A Survey of Archaeology in the Near East, Whitefish, 2006, páx. 25
- ↑ Samuel Noah Kramer, Sumerian Mythology, University of Pennsylvania, 1998, páx 5
- ↑ Jane McIntosh Ancient Mesopotamia: New Perspectives, Santa Bárbara, 2005, páx 33
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Garelli, Paul (1990). L'Assyriologie, PUF, col. «Qua sais-je?».
- Bottéro, Jean e Stève, M.-J. (1993). Il était une fois la Mésopotamie, Gallimard, col. «Découvertes Gallimard» (n° 191).
- Van de Mieroop, M. (1999). Cuneiform Texts and the Writing of History, Routledge
- Matthews, R. (2003). The archaeology of Mesopotamia : Theories and approaches, Routledge.
- Dalley, Stephanie e Cox, Marion (1998). The Legacy of Mesopotamia, Oxford University Press.
Ligazóns externas
editar- (en inglés) Cuneiform Digital Library Initiative
- (en inglés) The Neo-Assyrian Text Corpus Projec
- (en inglés) Departamento de Estudos do Próximo Oriente da Unviersidade Johns Hopkins
- (en italiano) Laboratorio di Assiriologia da Universidade de Pisa